O Goberno galego vén de anunciar a suspensión das clases en Galicia en todos os niveis educativos, como medida de prevención para evitar o contaxio polo coronavirus. O Consello da Xunta adoptou a medida, que afecta a todos os centros de ensino do país, nos que xa este venres a asistencia non será obrigatoria. A medida ten en principio unha duración de 14 días, que se poderán prorrogar chegado o momento en función da situación existente.
O Goberno galego pídelles a nais e pais que xa este venres non leven os seus fillos e fillas aos colexios e institutos
A partir do luns todas as escolas infantís, colexios e institutos permanecerán pechados e tamén quedan suspendidas todas as actividades extraescolares. Este venres os centros permanecerán abertos, como unha medida de apoio "aos pais e nais teñen dificultades para organizarse" e deixar os fillos e fillas noutros lugares. Nos últimos días territorios como Madrid, Euskadi ou A Rioxa xa adoptaran decisións semellantes e este venres fixérono tamén Cataluña e Murcia.
O anuncio realizado por Alberto Núñez Feijóo foi recibido con críticas por parte dos sindicatos educativos, que cualificaron como "intolerable" saber da suspensión das clases polos medios de comunicación. CCOO-Ensino, que non pon en cuestión "a necesidade de adoptar medidas para protexer a saúde da poboación", critica a xestión da Consellaría de Educación nesta materia. De igual xeito, CIG-Ensino reclamoulle á Consellería que "debe aclarar canto antes que terá que facer o profesorado, toda vez que o presidente vén de dicir que teremos que acudir aos centros e ao tempo afirma que se potenciará o teletraballo dos e das empregadas públicas".
Un par de horas despois da decisión da Xunta, as tres universidades galegas secundábana e suspendían tamén todas as actividades docentes presenciais desde este venres e durante os vindeiros 14 días. As tres universidades están a anunciar tamén a suspensión de actividades e tamén o peche de instalacións, como bibliotecas ou espazos deportivos. Na Universidade de Vigo, con todo, confírmase que continuarán desenvolvéndose con normalidade todas as actividades de xestión e investigación.
Outras medidas
Non foi a única medida de control e prevención adoptada polo Goberno galego este xoves. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo defendeu a necesidade de adoptar estas decisións extraordinarias. "O obxectivo é cortar as posibilidades de contaxio. Para que non haxa incidencias superiores hai que tomar decisións con incidencias inferiores", dixo. De igual xeito, engadiu que "se non adoptamos máis recomendacións e prohibicións é porque non as consideramos necesarias".
Quedan pechados a partir do luns todos os centros sociocomunitarios dependentes da Xunta
Así mesmo, quedan pechados a partir do luns todos os centros sociocomunitarios dependentes da Xunta, un total de 14 centros. O Goberno recoméndalles aos concellos que adopten unha medida semellante e estudará o peche ou non dos centros de día. Ademais, fican limitadas nas residencias as visitas ás persoas maiores de 70 anos e a todos os residentes con patoloxías que os fagan máis sensibles á infección do coronavirus. Así mesmo, non se aceptarán visitas de persoas con síntomas respiratorios ou febre.
Limitacións en actos con público e actividades deportivas
Todas as competicións deportivas deberán ser a porta pechada "e na medida do posible suspendidas ou aprazadas"
De igual xeito, a Xunta pechará todos os museos, bibliotecas e arquivos que dependen da administración galega, e recomenda ás demais administracións que fagan o mesmo. Ademais, a Xunta tamén comunicou ao mundo do deporte que toda competición celebrada na comunidade deberá ser disputada a porta pechada "e na medida do posible suspendida ou aprazada".
O Goberno galego tamén impón novas limitacións para a realización de actos con público. Quedan suspendidos os espectáculos públicos e recreativos con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado. Recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre e en todo caso, suspéndense aquelas que concentren a máis de 500 persoas.
O persoal encargado da vixilancia e seguridade dos eventos poderá impoñer limitacións de acceso ou permanencia nos establecementos a aquelas persoas que presenten unha sintomatoloxía compatible cunha infección por coronavirus a efectos de protexer ao resto de espectadores.
A Xunta impón novas limitacións para a realización de actos con público: 50 persoas en espazos pechados e 500 en espazos abertos
En relación á Función Pública, Núñez Feijóo salientou a aprobación dun protocolo de actuación para os empregados públicos da Xunta que, entre outros aspectos recolle pautas e recomendacións, medidas de protección, a posibilidade de adoptar medidas de flexibilidade horaria, a posibilidade de poñer en marcha o teletraballo e a posible reorganización das quendas de traballo. O protocolo recolle a posibilidade de ausentarse do traballo a persoal especialmente sensible, sempre que haxa unha recomendación sanitaria que así o indique
No ámbito sanitario, seguindo as medidas adoptadas no últimos días, ademais de limitar a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro, suspéndense as visitas dos visitadores médicos e farmacéuticos e as actividades de voluntarios. Ademais, promoverase a e-consulta e a consulta telefónica. Todas as medidas publicaranse este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Feijóo sinalou que as eleccións só se celebrarán "se temos o 100% de seguridade de que se pode votar con garantía"
As eleccións do 5A
Preguntado en relación coa celebración das eleccións ao Parlamento galego do 5 de abril, Núñez Feijóo chamou á cautela, e adiou calquera decisión a contar con máis datos. En calquera caso, subliñou que nesta situación "as eleccións son secundarias" e afirmou que só se celebrarán "se temos o 100% de seguridade de que se pode votar con garantía, e de que todos os membros das mesas poden estar alí as 12 horas con normalidade". O presidente da Xunta comunicou que o PPdeG suspende todos os actos políticos da precampaña electoral e proponlles ás demais forzas políticas que fagan o mesmo.
Concello da Coruña
Pola súa banda, o Concello da Coruña, a localidade galega cun maior número de persoas infectadas, anunciou esta tarde as medidas específicas que adoptará para tentar evitar a propagación da enfermidade. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou o peche das escolas infantís, os centros cívicos e as instalacións deportivas e culturais durante 14 días a partir deste luns, entre elas as bibliotecas e museos. No referente ao transporte público, habilitarase unha entrada directa dos autobuses na estación para evitar o confinamento e que as pasaxeiras e pasaxeiros poidan adquirir o ticket xa no propio autocar.
Pola contra, os mercados municipais non cesarán a súa actividade e distribuiranse entre as praceiras e praceiros unha serie de medidas de autoprotección para que a compra-venda se realice con total seguridade. No caso dos centros sociosanitarios CIM (Centro de Información ás Mulleres) e COF (Centro de Orientación Familiar), o concello ofrecerá un servizo especial para atender a demanda das persoas usuarias.
Inés Rey detallou, así mesmo, o aprazamento dos distintos espectáculos previstos para esta fin de semana, como a actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia a escolares e a de Brothers in Band no Pazo da Ópera. De igual xeito, os concertos que Ara Malikian e Chayanne tiñan programados no Coliseum nas vindeiras semanas pospóñense aos meses de outubro e setembro, respectivamente.
63 casos en Galicia
Hai xa 35 casos confirmados en Galicia e outros 28 positivos pendentes dunha segunda análise
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu todos os detalles durante a rolda de prensa posterior ao Consello, na que tamén ofreceu información sobre o número de casos rexistrados en Galicia. En total, hai 35 casos confirmados e outros 28 positivos pendentes dunha segunda análise. Serían 63 casos, un incremento do 43% con respecto aos 44 rexistrados o mércores.
27 dos casos confirmados están na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Ourense, 1 en Pontevedra e 4 en Vigo. Entre os 28 positivos que aínda deben ser reconfirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía de Majadahonda, 10 corresponden á Coruña, 1 a Ferrol, 3 a Santiago, 6 a Ourense, 4 a Pontevedra e 4 a Vigo. Isto elevaría a 37 os positivos da área sanitaria da Coruña, a máis afectada, seguida de Vigo (8), Ourense (7), Pontevedra (5), Santiago (3), Lugo (2) e Ferrol (1), que rexistraría así o seu primeiro caso.
A Coruña, con 37 casos é a área máis afectada
O número de casos en Galicia, cunha incidencia de 2,3 casos por cada 100.000 habitantes, segue sendo inferior á media española, cunha incidencia de 4,8, case o dobre. A maior parte dos casos rexistrados en Galicia teñen a súa orixe en Madrid. En total, nos últimos días leváronse a cabo 591 análises en Galicia, das que máis de 500 deron negativo.