Adíase a manifestación en defensa da sanidade pública, que estaba convocada para o martes 17 en Vigo
O incremento das infeccións polo Covid-19 e as medidas de prevención recomendadas polas autoridades sanitarias están provocando unha sucesión de cancelacións e aprazamentos de manifestacións, concentracións e outras convocatorias sociais, que se unen ás decididas tamén no mundo da cultura ou no deporte.
Unha das máis importantes, e se cadra a máis simbólica é a que afecta á manifestación en defensa da sanidade pública, que estaba convocada para o martes 17 en Vigo. A marcha, impulsada por SOS Sanidade Pública e pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, suspéndese co obxectivo de “protexer os profesionais” dun posible contaxio polo coronavirus, en primeiro lugar, e tamén a todas as persoas que participaran na mobilización. En calquera caso, SOS Sanidade Pública fai un chamamento a levar a cabo nese mesmo día 17 unha "mobilización virtual" nas redes sociais coa etiqueta #17MpolaSanidadePública.
Tamén no ámbito sanitario, a Asemblea de Área Sanitaria de A Coruña acordou suspender as concentracións que se están celebrando os xoves diante dos centros de saúde dende hai un ano. "Consideramos que o prioritario é centrar toda a nosa atención nas actuacións fronte á epidemia", sinala a asemblea, que subliña que "as reivindicacións continúan vixentes".
"Situacións coma a do coronavirus fan evidente a importancia de contar cun sistema sanitario público potente"
Ademais, engade que "situacións coma a do coronavirus fan evidente a importancia de contar cun sistema sanitario público potente, que non faga diferenzas entre as persoas e que actúe co criterio do máximo ben e utilidade para a sociedade, non para o negocio". "E faise tamén evidente a importancia de contar cunha rede de atención primaria que poida atender a toda a poboación", engade.
Finalmente, Enfermeiras en Loita suspendeu igualmente as mobilizacións previstas para este xoves 12 de marzo. O colectivo sinala que toman a decisión "nun exercicio de responsabilidade" e tendo en conta "o importante peso que temos, e ás nosas funcions na contención e tratamiento da mesma". Con todo, subliñan que "as nosas reclamacións seguen en pé e non poden evitar verse influenciadas pola proximidade das eleccións ao Parlamento Galego".
Ferrolterra
Aprázase así mesmo a manifestación pola reindustrialización da comarca de Ferrolterra, que estaba prevista para este domingo 15
Aprázase así mesmo a manifestación pola reindustrialización da comarca de Ferrolterra, que estaba prevista para este domingo 15. A decisión foi adoptada polos sindicatos convocantes (CCOO, CIG e UGT) e polos alcaldes da bisbarra, atendendo ás recomendacións lanzadas polo Goberno para limitar as aglomeracións de persoas. A marcha queda, en principio, adiada ata o día 29 de marzo, pero a decisión sobre a data definitiva queda en suspenso á espera de comprobar como evoluciona a enfermidade.
En Narón suspendeuse tamén o acto previsto para conmemorar o 102 aniversario da Revolta Popular de Marzo de 1918, "ante a situación de incerteza" e por non saber se se podería "celebrar con todas as garantías". A Comisión Revolta Popular indica que nos vindeiros días anunciará a da definitiva na que se celebrará esta xornada conmemorativa que homenaxea as mulleres "que se ergueron hai 102 anos contra os poderosos polo dereitos de todas e todos, e que logrou unir ao mundo operario e labrego na loita".
Sarria
En Sarria a Plataforma en defensa do CEIP Frei Luis de Granada acordou adiar a manifestación convocada para este venres 13
De igual xeito, en Sarria a Plataforma en defensa do CEIP Frei Luis de Granada, o colexio que tivo que ser apuntalado hai unhas semanas, acordou adiar a manifestación convocada para este venres 13. A plataforma impulsada polas nais e pais do alumnado explica que "as recomendación dadas pola Subdelegación do Goberno recomendan a limitación ou aprazamento de eventos se e posible" e subliña que a suspensión é "coherente" coa súa reclamación de garantir "a seguridade das nosas nenas e nenos, extensible neste caso a toda a poboación de Sarria".
"Esperamos que esta demostración de coherencia, antepoñendo a seguridade do pobo de Sarria a calquera outra cosa, sexa tomada como exemplo pola Conselleria de Educación e deixe de unha vez por todas de asumir riscos innecesarios cos pequenos da vila de Sarria", engade a Plataforma.
Touro-O Pino
A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non ía celebrar este sábado 14 unha foliada para celebrar a paralización do proxecto mineiro
Outros colectivos, como a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non, acordaron igualmente a suspensión de eventos máis festivos. O colectivo ía celebrar este sábado 14 unha foliada para celebrar a paralización do proxecto mineiro, anunciado hai dous meses, unha festa "que serviría tamén de ocasión para agradecer todo o apoio recibido durante os dous anos e medio de loita do colectivo".
A plataforma explica que "como defensora da saúde non pode manterse allea á actual situación sanitaria que se está a vivir a consecuencia do coronavirus". "A súa incerta evolución, e as recomendacións das administracións autonómica e estatal, lévannos a tomar a difícil decisión de aprazar a foliada, para evitar así un potencial incremento de contaxios entre os asistentes ao evento, especialmente a xente de idade avanzada", sinala.