A Coruña concentra a maior parte de infectados polo coronavirus, que suman 44 en toda Galicia

Centro Cívico de Feáns, foco do maior número de casos en Galicia © Concello da Coruña

A Coruña chega a 29 casos, a maior parte relacionados cun centro social que xa foi clausurado. Vigo rexistra 6 casos, Pontevedra 4, e Lugo e Ourense 2 en cada área sanitaria

O número de persoas infectadas polo Covid-19 en Galicia elévase a 44, segundo as últimas cifras ofrecidas pola Consellería de Sanidade. 29 dos positivos xa foron confirmados e outros 15 están pendentes dunha segunda análise. A Coruña chega a 29 casos, a maior parte relacionados cun centro cívico que xa foi clausurado. Vigo rexistra 6 casos, Pontevedra 4, e Lugo e Ourense 2 en cada área sanitaria.

Dous dos doentes atópanse na UCI, en estado grave pero estable. Trátase dun home de 81 anos ingresado na Coruña e do primeiro paciente contaxiado en Vigo, un home de 43 anos. Outras 17 persoas están ingresados nos hospitais, pero en unidades convencionais. Os restantes 25 atópanse nas súas casas, con síntomas leves. As idades das persoas contaxiadas van dende os 15 ata os 92 anos. 16 dos 44 casos teñen máis de 65 anos. 

Un dos dous casos de Ourense corresponde a un médico do hospital da cidade (CHUO), que xa deu positivo na primeira análise e que está pendente da súa confirmación polo Centro Nacional de Epidemioloxía de Majadahonda. No CHUO outros seis traballadores atópanse en illamento domiciliario por prevención. Tamén como medida de prevención acordouse este mércores o peche temporal dunha das aulas da Escola de Idiomas da Coruña, onde se rexistrou un dos casos.

Dous dos doentes atópanse na UCI, en estado grave pero estable. Outras 17 persoas están ingresados nos hospitais, pero en unidades convencionais. Os restantes 25 atópanse nas súas casas

Dende o comezo da crise o Sergas levou a cabo 476 probas para detectar a presenza do virus, das que 432 deron un resultado negativo. Os representantes da Consellería detallaron a existencia de catro grandes focos, nos que se están aplicando os protocolos recomendados para controlar a expansión da enfermidade. O máis importante, con gran diferenza é o do Centro Civico de Feáns, na Coruña, que por si só atinxe a máis de 20 persoas. O centro foi clausurado este luns, e onte martes procedeuse á súa completa desinfección

Dende a Consellería de Sanidade prevese que nos vindeiros días, unha vez superado o periodo de 14 días que adoita durar a infección, se comecen a dar altas aos pacientes que están a presentar síntomas leves e se atopan nos seus domicilios.

Na rolda de prensa na que se ofreceron os últimos datos, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, detallou algunhas das accións que o Sergas está a poñer en marcha para limitar o número de persoas que teñen que acudir a Centros de Saúde e Hospitais para consultas non urxentes nin graves. Neste senso, promóvense as consultas telefónicas, pensando sobre todo nos pacientes máis fráxiles, de maior idade, inmunodeprimidos ou con outras patoloxías. Así mesmo, lémbrase que o teléfono específico para as persoas que sospeiten estar afectados polo coronavirus é o 900400116. E pídese deixar o 061 para outro tipo de afeccións e urxencias.

Promóvense as consultas telefónicas, para evitar a presenza nos centros de saúde e hospitais dos pacientes máis fráxiles, de maior idade, inmunodeprimidos ou con outras patoloxías

A Consellería de Sanidade dispón dun plan de continxencia preparado para o momento en que medre notablemente o número de afectados polo coronavirus. O plan prevé o reforzo de recursos e o adiamento de procesos e operacións cirúrxicas non urxentes. Con todo, dende o Sergas lémbrase que polo momento o número de afectados polo coronavirus que necesitan de atención hospitalaria (menos dunha vintena) é aínda moi reducida. 

Neste senso, o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña lembrou que na última campaña da gripe o número de persoas ingresadas superou amplamente as mil, e que nos días de pico da enfermidade tamén se tiveron que aprazar algunhas intervencións non urxentes.

Así mesmo, a Xunta e a Fegamp reuniranse este mércores para afondar na coordinación entre administracións para activar medidas que permitan limitar os contaxios. Ademais, quérese trasladar aos concellos toda a información necesaria sobre a situación en Galicia, así como sobre as medidas que se están impulsando desde a Xunta.

O cálculo que realizan os expertos é que o pico da enfermidade acadarase en Galicia durante os primeiros días de abril e que a enfermidade duraría dous meses no mellor dos casos

O cálculo que realizan os expertos é que o pico da enfermidade acadarase en Galicia durante os primeiros días de abril. E dende o Ministerio de Sanidade realízanse cálculos de que a infección podería durar "entre mes e medio e dous meses" no escenario máis optimista e "entre catro e cinco meses" no escenario máis pesimista.

Este martes o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, anunciou que a entidade modificou a consideración do COVID-19, que pasa a cualificar xa como unha pandemia. "Estamos preocupados polos niveis alarmantes de propagación e polos niveis alarmantes de inacción", sinalou.

A OMS cualifica xa o Covid-19 como unha "pandemia"

O número de positivos en Galicia duplicouse nos dous últimos días, pero segue moi lonxe das cifras das comunidades máis afectadas: Madrid (1.024 casos), Euskadi (261 casos, 201 deles en Álava) e A Rioxa (179). No conxunto do Estado o número total de contaxios situouse xa nos 2.188, dos que 1.956 permanecen activos, con 183 pacientes xa recuperados. Ata o momento producíronse 49 mortes, 31 delas en Madrid e case todas correspondentes a persoas de idade avanzada.

Recreación do Covid-19 CC-BY NIAID

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.