O Goberno central vén de decretar a suspensión das viaxes do Imserso durante un mes e de prohibir a asistencia de público a todos os eventos deportivos "tanto profesionais, como non profesionais, que supoñan gran afluencia de público" nas vindeiras dúas semanas. Son dúas das principais medidas aprobadas este martes dentro dun novo paquete para tentar conter o espallamento do coronavirus, que no caso das áreas máis afectadas (polo momento Madrid, La Rioja e a cidade vasca de Vitoria-Gasteiz) inclúe restricións adicionais, como a suspensión de eventos a cuberto con máis de 1.000 persoas.
O Consello de Ministros reforma de urxencia a lexislación sanitaria para "permitir o subministro centralizado" de produtos precisos para conter o virus e pasa a considerar en situación de baixa por incapacidade ás persoas illadas por estaren contaxiadas
En rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello de Ministros, o titular de Sanidade, Salvador Illa, especificou as dúas principais accións que atinxen a todo o Estado e que, no caso do Imserso, están encamiñadas a protexer ás persoas maiores, máis vulnerables ante o virus. No referido ao deporte, afectan directamente aos partidos previstos para clubes galegos como o Celta, o Deportivo da Coruña, o Club Deportivo Lugo e, no ámbito do baloncesto, ao Obradoiro, o Breogán, o Club Ourense Baloncesto, o Basket Coruña e o Marín Peixe Galego.
No eido da organización interna da Administración, a principal novidade anunciada polo ministro pasa por reformar a lexislación sanitaria pola vía rápida para "permitir o subministro centralizado de todo tipo de produtos" vinculados á saúde e non só de medicamentos. É o caso, por exemplo, dos produtos de protección para persoas afectadas ou persoal sanitario. Nesta liña, anuncia tamén unha medida xa agardada en materia laboral: as persoas illadas por contaxiárense coa enfermidade pasarán estar de baixa por incapacidade temporal e non por continxencias comúns, o cal é relevante para a súa remuneración.
Alén do veto aos voos de Italia, o ministro subliña que é "clave" a hixiene das mans e "evitar as viaxes sempre que sexa posible"
A estas decisións engádese a prohibición á chegada de voos procedentes de Italia foi publicada nunha edición extraordinaria do Boletín Oficial do Estado inmediatamente despois do Consello. A orde especifica o veto aos "voos directos dende calquera aeroporto situado na República Italiana a calquera aeroporto situado no Reino de España" dende as cero horas do 11 de marzo e ata o vindeiro día 25. Fican fóro veto os avións do propio Estado, escalas "con fins non comerciais" e tamén "voos de carga, posicionais, humanitarios, médicos ou de emerxencia".
Estas accións súmanse ás "recomendacións" xa coñecidas para todo o Estado, como o "fomento do coidado domiciliario" das persoas maiores ou a "limitación da actividade social" para persoas con doenzas previas. Tamén resulta "clave", subliña o ministro, as medidas esenciais de hixiene persoal como o lavado de mans. E sobre todo "evitar, sempre que sexa posible, as viaxes" tanto interiores como ao estranxeiro.
Suspensión da actividade do Congreso
Ata o mediodía deste martes as persoas afectadas eran 1.622 e as recuperacións, 135. En Galicia, o Ministerio sitúaas en 22
Alén das medidas anunciadas polo Executivo, este martes a presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, anunciaba tamén a suspensión da actividade parlamentaria durante, polo momento, o que queda de semana. A decisión foi adoptada tras a confirmación do positivo polo virus de Javier Ortega Smith, deputado de Vox e o único acto previsto que se manterá é a comparecencia do ministro Illa para informar sobre o dispositivo do propio virus.
Segundo a información actualizada por Illa, ata o mediodía deste martes as persoas infectadas polo coronavirus eran 1.622 no conxunto do Estado e producíranse 35 falecementos de persoas que padecían a doenza. En Galicia, o Ministerio dá por confirmados 22 casos, mentres que o balance oficial do Sergas continuaba na tarde deste martes nos 18 do luns.
A "maioría" dos casos concéntranse en Madrid (782), Euskadi (195) e La Rioja (144). Ademais, destacou, 135 persoas xa foron dadas de alta por recuperárense dunha enfermidade da que xa se practicaron "máis de 17.5000 probas".