Este domingo 8 de marzo milleiros de mulleres saíron ás rúas. As manifestacións en Vigo, Compostela, A Coruña ou Ourense foron masivas, pero en toda Galicia había ducias de convocatorias, dende as grandes vilas ata concellos moito máis pequenos e rurais. Se as marchas celebradas nas zonas urbanas son dignas de recoñecemento, moito máis o son as accións feministas que se desenvolven en localidades moito menos poboadas e menos habituadas tamén á mobilización.
Falamos con representantes de Azos Feministas (Lalín), de Mulleres en Padrón, de Polamiúda (Chantada) e Sonlilá (Carnota). Ademais, regresamos á aldea de Loureiro, que o 8 de marzo de 2019 viviu a primeira manifestación da súa historia
Estas manifestacións e concentracións son impulsadas maioritariamente por colectivos feministas locais, asociacións que traballan durante todo o ano coas mulleres da contorna, dinamizando social e culturalmente estas localidades e servido de espazo de encontro para elas. É o caso de Feminismos Viana (Viana do Bolo), co Colectivo Feminista Dez-Tabeirós ou de Feministas Terra Cha (Vilalba). Nas vilas e sobre todo nos concellos rurais as mulleres sofren, ademais, problemáticas distintas ás das mulleres das zonas urbanas, problemáticas engadidas, como a falta de servizos públicos, que fan aínda máis necesaria a mobilización feminista fóra das cidades.
Tamén na manifestación de Verín do pasado 1 de marzo e no propio manifesto de Galegas8M se lembraron as problemáticas das mulleres rurais. E o mesmo fixo o Sindicato Labrego Galego, incidindo no "fracaso na aplicación da Lei de Titularidade Compartida".
Falamos con representantes de Azos feministas (Lalín), de Mulleres en Padrón, de Polamiúda (Chantada) e Sonlilá (Carnota) para preguntarlles como foi o 8 de marzo nas súas zonas e como é a situación da muller os 365 días do ano. Ademais, regresamos á aldea de Loureiro, en Nogueira de Ramuín, que no 2019 viviu a primeira manifestación da súa historia, para saber como foi a convocatoria deste ano e o impacto que tivo no lugar a mobilización feminista do pasado ano.
Carnota: unha cadea humana para tecer redes
A mobilización feminista na Costa da Morte estivo caracterizada polo traballo conxunto de colectivos de varias localidades: Carnota (Asociación Sonlilá), Cee (Buserana), Vimianzo (Curandeiras) e Carballo (Círculo Feminista de Carballo). Entre o sábado e o domingo houbo actividades nos catro concellos e as integrantes dos catro colectivos desprazáronse de vila en vila para participar todas xuntas en todas as convocatorias.
"O traballo multiplícase para nós, porque as mulleres responsabilizámonos de toda a carga de coidados e non ter servizos é un problema moi grave"
En Carnota Sonlilá organizou unha cadea humana na praia, unha actividade na que participou xente de toda a comarca. "Baixamos en manifestación dende a Praza da Pedra ata o areal, que hai uns dous quilómetros", explica Marupe Armendáriz (Sonlilá) que destaca que "nestas zonas é difícil mobilizar a poboación, por mor da dispersión e do envellecemento, e máis aínda ás mulleres".
"Hai moitísima diferenza entre a vida da muller no rural e nas cidades", subliña. "Unha das cousas polas que máis reclamamos é pola falta de servizos públicos: a situación do servizo de pediatría da Costa da Morte é demencial, e despois está o tema da carga de coidados, que recae nas mulleres nun lugar tan envellecido coma este. Non temos centros de día e o que tiñamos en Carnota nolo pecharon, a pesar de que tiña unha demanda moi importante. Ou o peche das escolas, que nos obriga a desprazar os nenos moitos máis quilómetros", denuncia. "O traballo multiplícase para nós, porque as mulleres responsabilizámonos de toda a carga de coidados e non ter servizos é un problema moi grave, que nos deixa case sen tempo. A poboación está tan envellecida que quen non ten que coidar o seu pai ou o seu sogro, ten que coidar un veciño que está só", di.
"Reunímonos todos os venres, por unha cuestión de sororidade, de tecer redes entre nós, por atoparnos nun espazo seguro no que falar libremente sen sentirnos xulgadas"
Marupe Armendáriz, destaca que "o 8M dános visibilidade, pero nós traballamos todo o ano". "En Sonlilá reunímonos todos os venres e facémolo non só para preparar actividades, senón por unha cuestión de sororidade, de tecer redes entre nós, por atoparnos nun espazo seguro no que falar libremente sen sentirnos xulgadas. A realidade é que aquí os homes teñen moitas máis posibilidades para socializar: na taberna, nas asociacións ou no traballo, ocupan moito máis o espazo público. Para nós é moito máis difícil", salienta. "Moitas mulleres séntense cohibidas nos espazos mixtos porque non teñen costume de falar en público. Por iso é tan importante que nos xuntemos os venres, para dicir o que nos pete; é algo que nos fortalece moitísimo. Cada vez achéganse máis mulleres, e de todas as idades, dende os 18 ata os 70 anos. E créanse moitos vínculos entre unhas e outras", di.
Lalín: "Ver outras mulleres pola rúa, mobilizadas, é un momento de conexión moi potente"
Lalín viviu este ano a súa primeira manifestación feminista, convocada polo colectivo Azos Feministas. "Levabamos moito tempo preparándoa. Xa o ano pasado fixéramos unha concentración e quedamos con ganas de máis", explica Raquel, unha das integrantes de Azos. "O de onte foi un subidón. Houbo moita xente e moi bo ambiente, persoas de todas as idades, maiores, mozas e mozos e nenas e nenos. A prensa convencional fala de 500 persoas, pero nós pensamos que había moito máis, case o dobre, o que para unha vila para Lalín é unha cifra moi interesante", di.
"Ver outras mulleres pola rúa, mobilizadas, é un momento de conexión moi potente. Onte na manifestación era moi emocionante mirar cara atrás e ver todas as caras, algunhas coñecidas e outras descoñecidas, pero todas xuntas", salienta Raquel.
Con todo, Azos Feministas amósase tamén crítica co Concello de Lalín, pola organización do Motococido (unha concentración moteira) coincidindo co 8M. "Non tivemos o apoio que debería haber do Concello. Lamentablemente, nun día tan importante coma o 8 de marzo contraprogramouse outra actividade coma esta", critica o colectivo, que sinala que "iso si, houbo boa colaboración da organización do Motococido e conseguimos coordinarnos".
"Adaptamos unha parte do manifesto á nosa realidade e fixemos unha homenaxe ás mulleres do rural, especialmente ás traballadoras do téxtil no rural, que durante anos estiveron completamente invisibilizadas"
Na mobilización do 8M en Lalín houbo un espazo para as reivindicacións das mulleres do rural. Raquel subliña que "unha das teimas do noso colectivo é como chegar ás parroquias do rural, a esas mulleres que se xuntan nas parroquias de arredor da vila. Por iso foi interesante ver que había moitas mulleres maiores na manifestación".
"Aínda que lemos o manifesto de Galegas8M, adaptamos unha parte á nosa realidade e fixemos unha homenaxe ás mulleres do rural, especialmente ás traballadoras do téxtil no rural, que durante anos estiveron completamente invisibilizadas", explica. "E tamén quixemos reivindicar a outras mulleres que tamén están moi ocultas, pero que están en Lalín coma nós, como son as mulleres migrantes. Pensamos que isto era moi importante e máis nunha xornada coma a de onte na que que falabamos de folga de coidados sabendo que moitas mulleres non podían facela", conclúe.
Chantada: poñer o foco nas mulleres migrantes e as mulleres do rural
"Nas vilas a presenza de mulleres migrantes é moi numerosa debido ao envellecemento da poboación. É un colectivo moi grande que sofre unha gran perda de dereitos"
Tamén se amosan críticas co Concello en Chantada, onde o 8M tamén coincidiu cun evento de grande importancia, como é a Feira do Viño de Chantada, que é unha das celebracións máis importantes do ano na vila. As críticas ao Concello chegan pola negativa deste a colaborar cos colectivos feministas na organización do 8 de marzo. "Nun primeiro momento, entramos en contacto co Concello, propoñéndolle facer a lectura do manifesto no marco da programación da feira, pero non recibimos contestación oficial, así que ao final decidimos facer a convocatoria pola nosa conta", explica Alba, do colectivo Polamiúda, que ademais de convocar unha concentración, organizou unha foliada feminista e un xantar de mulleres, xa integrada na festa.
Polamiúda destaca que "este ano implicamos a outros colectivos de mulleres da vila que teñen problemáticas particulares, de xeito que cada unha leu unha parte do manifesto: unha muller migrante, unha compañeira de enfermeiras en loita, unha muller rural e unha compañeira do servizo de atención a domicilio que está sendo privatizado nestes momentos polo Concello de Chantada".
Hai diferenzas entre os problemas que sofren as mulleres das cidades e das vilas? "Si, hai diferenzas. Por exemplo hai diferenzas no ámbito das mulleres migrantes, que tamén as hai nas cidades, pero nas vilas a súa presenza é moi numerosa debido ao envellecemento da poboación. É un colectivo moi grande que sofre unha gran perda de dereitos", relata Alba (Polamiúda). "Tivemos moitas reunións con elas e as cousas que contaban son terribles, con horarios interminables e case sen días libres. Ademais, non se atreven a denunciar por medo a perder os seus traballos e tamén os papeis", di. "E despois a problemática da muller rural, que non son titulares das explotacións, reciben pensións non contributivas, todo isto unido á realidade dun sector en crise", engade.
"Mulleres que ata agora nunca quixeran autodenominarse como feministas, porque pensaban que lles quedaba moi lonxe, comezan a participar"
Polamiúda, que salienta que "somos unha asociación completamente independente e non recibimos axuda ningunha do Concello para a realización das nosas actividades", subliña que a pesar das dificultades "cada vez participa máis xente e se valora máis o noso traballo". "Mulleres que ata agora nunca quixeran autodenominarse como feministas, porque pensaban que lles quedaba moi lonxe, comezan a participar. E cada vez que facemos unha concentración cando hai un asasinato machista, veñen mulleres máis maiores e achéganse a ti, o mesmo que cando organizamos charlas ou seminarios sobre sexualidade, ou sobre temas de saúde que afectan máis ás mulleres", sinalan.
Padrón: "Nos lugares pequenos sempre hai máis medos, sobre todo entre a xente máis maior"
"Pode que nas vilas non haxa tanto ese hábito de saír a manifestarse, pero a xente ve o que fai o movemento feminista ao longo do ano e pouco a pouco vaise achegando"
A asociación feminista Mulleres en Padrón convocou este 8M unha manifestación á que acudiu moitísima xente, a pesar da chuvia que caeu durante boa parte do percorrido. "Quedamos moi contentas coa participación da xente. Xuntamos un bo grupo e ademais un grupo participativo", destaca Teresa Rey, unha das integrantes do colectivo. "Pode que nas vilas non haxa tanto ese hábito de saír a manifestarse, pero a xente ve o que fai o movemento feminista, ve que se traballa día a día ao longo do ano e pouco a pouco vaise achegando. O domingo tivemos a proba", di.
"Nos lugares pequenos sempre hai máis medos, sobre todo entre a xente máis maior, que lle custa máis expresar ese sentir feminista, teñen máis dificultades á hora de expresarse libremente. Pero pouco a pouco, a través das asociacións locais e vendo que a cidadanía vai saíndo á rúa, vanse animando", explica.
"Sería importante que nos sitios pequenos as institucións se implicasen máis co feminismo e que non se limitasen a facelo uns determinados días do ano"
Teresa Rey reclama que "sería importante que nos sitios pequenos as institucións se implicasen máis co feminismo e que non se limitasen a facelo uns determinados días do ano". Critica ao Concello e lembra a polémica que xurdiu hai unhas semanas co premio que o Goberno local outorgou no Entroido a unha comparsa abertamente machista. "Simulando unha residencia de anciáns, as coidadoras, cuns disfraces de enfermeira, entre aspas sexis, íanlles facendo felacións e demais", sinala. "A xente púxose en contacto con nós, buscando que nós canalizásemos esa indignación, e fixemos unha denuncia pública, pedindo que se retirase o premio que lles outorgaran", di. "Estamos canalizando o sentir da rúa e levándoo cara ás institucións mediante queixas e propostas", remata.
"As mulleres de Loureiro tomaron moita conciencia da necesidade de estar unidas entre elas"
Unha das mobilizacións que máis chamou a atención o pasado ano foi a que levaron a cabo as mulleres da aldea de Loureiro, en Nogueira de Ramuín. O lugar viviu, grazas ao feminismo, a primeira manifestación da súa historia, na que participou unha parte importante das mulleres que alí viven, nun lugar que conta con 60 habitantes. Este domingo a aldea de Loureiro volveu mobilizarse polo 8M.
"As mulleres de Loureiro tomaron moita conciencia da necesidade de estar unidas entre elas. Ademais, comezaron a participar nas reunións da comunidade de montes, ás que ata agora ían sobre todo os homes"
A participación foi aínda máis importante, destaca Carla Souto, unha das impulsoras da mobilización do pasado ano. De novo asistiron mulleres de todas as idades, dende nenas ata as xeracións máis maiores, e nesta ocasión mesmo se incorporaron algúns homes. "As mulleres de Loureiro, feminismo o ano enteiro", "O feminismo vai en aumento sen axuda do Ayuntamiento" ou "Non precisas cona para usar unha fregona" foron algunhas das mensaxes que se puideron ler nos moitos carteis que levaban as persoas que participaron na mobilización.
Carla Souto salienta, ademais, o impacto que tivo na aldea a manifestación do pasado ano. "As mulleres de Loureiro tomaron moita conciencia da necesidade de estar unidas entre elas e nos últimos meses tivemos máis relación unhas coas outras", salienta. "Ademais, comezaron a participar nas reunións da comunidade de montes, ás que ata agora ían sobre todo os homes. Tamén comezaron a moverse para reivindicar a construción dun parque infantil, para que xoguen os netos", di, concluíndo que "en xeral, hai máis ganas de loitar polo noso e de que a aldea mellore e evolucione grazas a esta unión entre nós".