O 8 de marzo do pasado ano a aldea de Loureiro, en Nogueira de Ramuín, viviu a primeira manifestación da súa historia. Foi unha manifestación feminista, que chamou a atención sobre situacións cotiás de desigualdade, sobre todo no terreo dos coidados: “Manolo, hoxe fas a cena solo” ou “En Loureiro e en Pombeiro, a cena que a faga o panadeiro” foron algúns dos lemas. A gran diferenza entre as pensións que cobran homes e mulleres (moi especialmente entre as persoas que desenvolveron actividades agrogandeiras), a dificultade no acceso á titularidade da terra, ou a diferente resposta cara á violencia de xénero nas zonas rurais fan que nestas zonas se engadan máis dificultades.
"Un dos grandes problemas que teñen as zonas rurais é o elevado grao de masculinización na poboación máis nova. As mulleres están fuxindo dos espazos rurais", di María do Mar Pérez Fra
"Un dos grandes problemas que teñen as zonas rurais é o elevado grao de masculinización na poboación máis nova. As mulleres están fuxindo dos espazos rurais", dicía a profesora María do Mar Pérez Fra nesta entrevista. A economista explicaba que en contornas envellecidas o peso do coidado das persoas dependentes e de maior idade recae sobre as mulleres novas, sobre todo cando os apoios públicos non son os suficientes. Esa perspectiva, presente ou futura, é un dos motivos que leva a que máis mulleres que homes abandonen o rural en dirección a vilas meirandes, ás zonas urbanas ou a outros territorios fóra de Galicia.
"Se ti colles a poboación maior de 65 anos (que é ou vai ser en pouco tempo demandadora de coidados) e a divides entre o número de mulleres entre 30 e 65 anos, o ratio para o conxunto de Galicia é de 1, pero nos concellos cunha baixa densidade de poboación, que son dous de cada tres en Galicia, o ratio é moi superior", sinalaba Pérez Fra.
"O que temos que facer é ofrecerlles a eses habitantes do rural, e en especial ás mulleres, unhas posibilidades de ter unha vida que sexa aceptable"
"Tendo en conta que a economía de coidados recae maioritariamente nas mulleres e que nas zonas rurais os centros de día son practicamente inexistentes, ese traballo de coidados correspóndelles ás mulleres, o que dificulta moito a súa vida laboral e limita tamén as súas posibilidades de lecer", di. "O que temos que facer é ofrecerlles a eses habitantes do rural, e en especial ás mulleres, unhas posibilidades de ter unha vida que sexa aceptable", conclía.
En efecto, en Galicia a ratio entre o número de habitantes por riba de 65 anos (672.930) e o número de mulleres entre 30 e 65 (689.910) é de 0,98. Porén, a maior parte dos concellos teñen moita máis poboación maior, de xeito que as súas ratios son moi superiores. 248 concellos están por riba da media galega e 152 teñen ratios superiores a 1,5. Calvos de Randín, Lobeira, Parada de Sil, O Bolo, Gomesende, San Xoán de Río, Larouco, O Irixo e Verea (todos na provincia de Ourense) son os concellos con máis poboación maior en relación á súa poboación feminina entre 30 e 65 anos.
A situación na zonas urbanas é moi distinta. Ames (0,4), Salceda de Caselas (0,54), Arteixo (0,55), Oroso (0,58), Cambre (0,59), Culleredo (0,59) ou O Porriño (0,59) presentan datos con moitas máis mulleres que poboación anciá. O mesmo pasa en seis das setes cidades (todas agás Ferrol), sempre con valores inferiores á media galega.
Hai daquela menos mulleres novas que homes novos nas zonas rurais? As estatísticas din que si. No conxunto da poboación galega hai máis mulleres que homes, exactamente un 51,86% de mulleres por 48,14% de homes, en boa medida pola maior lonxevidade feminina. Cómpre salientar que polo xeral nacen máis homes que mulleres (ao redor de 103 ou 104 por cada cen nacementos de sexo feminino) e a proporción de varóns supera á de mulleres nas persoas máis novas, igualándose no grupo de idade de 39 anos. A partir de aí o número de mulleres supera cada vez máis ao de homes.
Nas zonas urbanas a proporción de mulleres é maior: fronte á media galega do 51,86%, na cidade de Ourense hai un 54,54%, en Lugo, na Coruña e Compostela hai un 53,6%
Nas zonas urbanas a proporción de mulleres é máis elevada: fronte a esa media galega do 51,86%, na cidade de Ourense hai un 54,54%, en Lugo, na Coruña e Compostela hai un 53,6%, en Ferrol hai un 53,1% e en Vigo en Pontevedra hai un 52,7%. Mentres, nas zonas rurais a porcentaxe de mulleres é máis reducida, con 94 concellos con máis homes que mulleres (todas localidades de baixa densidade de poboación). En total, 254 concellos teñen porcentaxes femininas por debaixo da media galega.
Esta diferenza pode verse mellor se só contabilizamos a poboación feminina entre 15 e 40 anos
Esta diferenza pode verse mellor se só contabilizamos a poboación feminina entre 15 e 40 anos. Neste caso, a media galega é de 49,44%, fronte a un 50,56% de homes. Neste caso a diferenza entre as zonas urbanas e a maior parte das zonas rurais é aínda máis grande. En 83 concellos a proporción de mulleres supera a media galega, entre eles as sete cidades, comezando por Ourense (51,45%), Santiago (51,44%), Lugo (51,45%) e A Coruña (50,3%).
En cambio, no resto do país a proporción de mozos é moi superior, mesmo atopando máis dun 55% de homes en 62 concellos, situados todos eles no interior das provincias de Lugo e Ourense. En Calvos de Randín, por exemplo, hai 71 homes entre 15 e 40 anos, fronte a 35 mulleres nesas idades.
As diferenzas obsérvanse tamén nos fluxos migratorios que realizan homes e mulleres, sobre todo nas migracións interiores, que se dirixen a outros concellos galegos (e sobre todo dende as zonas rurais ás zonas urbanas), e que afectan máis ás mulleres que aos homes
O saldo migratorio con países fóra de España tamén amosou o pasado ano diferenzas por sexo, de xeito que é máis positivo no caso das mulleres (7.128 chegadas máis que saídas) que no dos homes (+5.887), o que pode interpretarse como un sinal dun maior movemento de mulleres que abandonan os seus países de orixe para buscar novas oportunidades en Galicia. Non hai, neste caso, grandes disparidades entre as zonas rurais e urbanas, sendo estas as que reciben un maior número de inmigrantes, independentemente do seu sexo.
O saldo migratorio con outras comunidades autónomas do Estado Español é tamén máis desfavorable no caso dos homes (-404) que no das mulleres (-220), aínda que de novo as diferenzas son cativas.