Paz Filgueira foi durante anos a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo e na actualidade é a responsable do Xulgado de Familia número 12 da cidade olívica. Nos sete anos que estivo á fronte do tribunal especializado en tratar os casos de agresións machista recibiu milleiros de casos, pero alerta de que unha boa parte das situacións de violencia de xénero non se denuncian nin son detectados. Advirte especialmente das limitacións existentes fóra das cidades, que non contan con xulgados específicos e que carecen de moitos recursos (policiais, asistenciais...) para axudar ás mulleres vítimas de malos tratos. Falamos con ela sobre estas e outras eivas que aínda existen na lexislación e no sistema xudicial á hora de enfrontarse ás agresións machistas.
"En Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas e o ideal sería que tamén fosen incorporando os seus xulgados especializados"
Que medidas son urxentes para mellorar a atención xudicial que reciben as mulleres vítimas de violencia de xénero?
Faltan moitas cousas. Algunhas, de feito, están aprobadas ou prometidas pero non se aplican. O Pacto de Estado leva un ano en vigor, pero aínda non se fixeron efectivas a maioría do seu contido, porque estivo varios meses soterrado. Por exemplo, a lei de 2004 instaba a que se creasen unidades de valoración con persoal formado especificamente para a valoración dos riscos. Porén, despois de 14 anos seguen sen crearse de forma estrita e xeneralizada. Neste caso o Pacto de Estado fixaba un prazo de dous anos para a súa creación e pasou xa un ano e aínda non existe.
É importante lembrar que en Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas e o ideal sería que tamén fosen incorporando os seus xulgados especializados. E algúns dos xulgados que si existen presentan eivas. Aínda que estes xulgados de violencia contra a muller deberían estar deseñados arquitectonicamente para ter salas separadas para agresores e agredidas, en Vigo a realidade é que as salas son contiguas e moi pequenas, polo que era moi difícil controlar que a vítima non vira o agresor ou que non o viran os menores.
"Se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor"
É moi distinta a situación nunha cidade como Vigo da que existe en localidades máis pequenas?
Se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor. Un dos grandes retos é corrixir as desigualdades entre urbes e zona rural. Vigo e A Coruña, que suman 700.000 habitantes, teñen case o mesmo número de denuncias que o resto de Galicia, con 2 millóns de persoas. E iso é porque o acceso aos recursos unha vez que se denuncia é moi diferente: cómpre rematar con esta diferenza, é necesario dotar o resto de Galicia dos avogados, xuíces e axentes de policía suficientes.
"O 60 ou 70 por centos das mulleres que sofren violencia non a denuncian. Non hai os elementos axeitados de detección destas situacións"
Conta a administración cos instrumentos suficientes para detectar a violencia de xénero cando se produce?
Falta información, falta estatística sobre o que sucede realmente. O 60 ou 70 por centos das mulleres que sofren violencia non a denuncian. E isto é porque non hai os elementos axeitados de detección destas situacións. Estes casos deberían ser detectados polo Estado a través do tecido sanitario, educativo, de servizos sociais... En cambio, o que se fai é dirixir campañas ás mulleres para que denuncien. Certas campañas poñen na vítima a responsabilidade de denunciar, pero moitas veces non contan con suficientes inventivos para poñer unha denuncia, sobre todo nos casos de mulleres que dependen economicamente do seu agresor. Pensan que é máis o que poden perder que o que poden gañar saíndo desa situación.
"As mozas denuncian máis este tipo de situacións porque non teñen ningún interese nin ningún incentivo para aturar un tipo que as maltrata"
Están mal enfocadas as campañas?
En xeral, as campañas son moi mediocres. Non deben dirixirse só á vítima, deberían dirixirse sobre todo ao agresor porque igual que non hai prostitución sen puteiros, non hai agresión sen agresores. Ademais deben axustarse a cada treito de idade.
Como é a situación nas xeracións máis novas? As mozas consenten menos estas situacións? Os mozos son distintos aos de xeracións anteriores?
Fálase moito de que hai máis violencia entre xeracións máis novas. Para nada. O que pasa é que as mozas denuncian máis este tipo de situacións porque non teñen ningún interese nin ningún incentivo para aturar un tipo que as maltrata. Non están casadas, non teñen fillos e o home non as mantén economicamente, non teñen ese poder sobre elas. A gran diferenza é que o sistema actual xa non ofrece nada: nin un emprego estable, nin benestar económico, nin propiedades. O sistema xa non ofrece nada a unha muller, por iso a rebelión é tan grande.
"Falta moito coñecemento e estatísticas do que sucede e sucedeu nas persoas de máis idade, ou do que pasa no mundo rural, do que esas mulleres aguantan e aguantaron"
Hai que mellorar a educación neste ámbito?
As películas románticas fan moito dano. Xa non digo o porno, que seguramente tamén, pero ese ideal romántico é reproducido por todas as xeración. A liberdade sexual e a existencia de desexo non queren dicir que eu teña que estar a disposición do teu sexo nin que o sexo signifique necesariamente penetración.
É peor (ou era peor) a situación de violencia nas xeracións anteriores?
Cando recibimos denuncias de mulleres de máis de 50 e 55 anos, os actos que relatan son moito máis terribles que o que pode pasar con rapaces de 20 ou 30 anos. En xeral, falta moito coñecemento e estatísticas do que sucede e sucedeu nas persoas de máis idade, ou do que pasa no mundo rural, do que esas mulleres aguantan e aguantaron. Hai un gran deficit de visibilización do que lles aconteceu a nais e avoas, e iso tamén ten un impacto moi negativo nas xeracións seguintes, porque os fillos e netos queren reproducir ese sistema de dominación que sempre viron nas súas familias.
"O menor é o grande esquecido do sistema. Necesitaríamos máis psicólogos nos xulgados e fóra dos xulgados, máis traballadores sociais e máis medios económicos"
Os menores vítimas de violencia machista están suficientemente protexidos?
De acordo coa lei, todo menor que conviva nun entorno de violencia de xénero é considerado vítima de violencia de xénero e como tal debe ter a mesma protección. Pero na realidade iso non se produce. Necesitaríamos máis psicólogos nos xulgados e fóra dos xulgados, máis traballadores sociais e máis medios económicos. E unha atención e unhas axudas a medio prazo e non só a curto prazo. O menor é o grande esquecido do sistema
"Na xudicatura e nas fiscalías non hai cambio ningún. O cambio só chegará pola aprobación de normas. E normas que teñen que ser estritas e imperativas, non interpretables"
O 8 de marzo provocou cambios na xudicatura e no ámbito xudicial en xeral?
Na xudicatura e nas fiscalías non hai cambio ningún. O cambio só chegará pola aprobación de normas. E normas que teñen que ser estritas e imperativas, non interpretables. Está habendo a nivel social unha revolución das mulleres, que foi posible en parte grazas a Internet. As redes permitiron acceder a máis información, permitiron a mobilización, permitiron a aparición de máis xornalismo independente. Temos a grande oportunidade neste momento de mudar o contrato social, porque aquel contrato, aquel acordo, foi deseñado por unha serie de homes machistas: o concepto de pater familias, o patrimonio, o matrimonio... e todas as institucións que se crearon ao seu redor. Para min o feminismo consiste en rachar con todo isto.
Paz Filgueira participou na constitución da asociación de xornalistas galegas | As Xornalistas