A Xunta di que os asasinatos de mulleres non teñen relación coa súa "residual" política de prevención

Responsables de igualdade e loita contra a violencia de xénero da Xunta CC-BY-SA Xunta

O ente fiscalizador desbotou as alegacións do Goberno galego e insistiu en que "non só na Secretaría Xeral de Igualdade, senón en todo o ámbito autonómico", as actuacións de protección e apoio "foron gañando peso fronte ás de prevención"

O informe do Consello de Contas desvelado este xoves que analiza as políticas da Xunta en materia de loita contra a violencia de xénero tentou ser corrixido polo Goberno galego. Pero as súas alegacións non lograron rebater as análises do ente fiscalizador, que mantivo o seu texto no fundamental máis alá de correccións puntuais de cifras. 

Entre outras cuestións, Contas salientou o retroceso das políticas de prevención, que cualificou como "residual" en comparación co aumento do gasto en atención ás vítimas. Ante esa crítica a Xunta tentou argumentar que "o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización".

Alegacións da Xunta ao informe do Consello de Contas sobre as políticas en materia de violencia de xénero CC-BY-SA Praza Pública

Así figura nas alegacións presentadas ao informe Contas polo actual director xeral de loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, xuíz de carreira especializado na materia. Nas súas seis páxinas de alegacións a Contas o director xeral tenta rebater, entre outras cuestións, a afirmación do ente fiscalizador de que "o número de mulleres asasinadas é un dos parámetros que mellor amosa o avance das políticas de prevención contra a violencia de xénero". Segundo Barba, "non se recollen no informe datos obxectivos que sustenten esta conclusión".

A Xunta di que "en moitos casos, un dos motivos ou detonantes que levou ao agresor a acabar coa vida da muller foi a decisión dela de deixalo", ao que Contas responde que é unha cuestión que "non dá lugar a ningún debate" e mantivo as súas conclusións

O director xeral di que "lamentablemente, o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero". E engade que "actualmente, despois de máis de vinte anos da aprobación [da Lei contra a violencia de xénero] estase a ver un repunte, moi preocupante, de actitudes machistas entre a xente moza". 

Como argumento engadido á súa alegación, Barba sinala a continuación que "máis concretamente, na análise realizada a nivel interinstitucional dos asasinatos por violencia de xénero, revélase que, en moitos casos, un dos motivos ou detonantes que levou ao agresor a acabar coa vida da muller -e tamén ás veces, a suicidarse el despois-, foi a decisión dela de deixalo e poñer fin á relación que mantiñan"

Recomendacións do Consello de Contas á Xunta en materia de violencia de xénero CC-BY-SA Praza Pública

Esa alegación da Xunta foi desbotada por Contas, que mantivo intacto o seu informe de fiscalización. Segundo Contas, "aínda non sendo un indicador perfectamente fiable do impacto social das políticas de violencia de xénero", o número de mulleres mortas "trátase dun parámetro que é incontestable en canto á interpretación cando se fai unha comparación temporal ou territorial".

"Desligar o feminicidio da violencia de xénero anterior e vinculalo exclusivamente co feito da ruptura non dá lugar a ningún debate", responde Contas

Contas engade que "en canto á segunda parte da alegación, onde se expón que nos asasinatos por violencia de xénero un dos motivos que leva ao agresor ao asasinato é a decisión da vítima de poñer fin á relación que mantiñan, non dá lugar a ningún debate". O ente fiscalizador di que "convén aclarar que estes feminicidios non son actos impulsivos illados, que os estudos amosan como na meirande parte dos casos de asasinato existía un historial claro de violencia de xénero previo que no momento da ruptura desemboca no feminicidio. 

"Desligar o feminicidio da violencia de xénero anterior e vinculalo exclusivamente co feito da ruptura non dá lugar, como se expuxo, a ningún debate". Por iso, conclúe Contas, "a alegación formulada non supón a modificación do informe". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.