O BNG propón crear un comité de crise para "avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou"
Tras dous asasinatos machistas coñecidos nos últimos quince días e ata catro intentos de feminicidio identificados no último mes en Valdeorras, Tomiño, Verín e Vigo, a deputada do BNG Noa Presas propón a creación dun comité de crise ante a "situación de emerxencia" que se vive no noso país polas violencias machistas. A Delegación do Goberno contra a violencia de xénero confirmou o asasinato dunha muller de 49 anos este domingo na Coruña como un crime machista, con este son tres os asasinatos machistas cometidos en Galicia no que vai de ano.
A deputada nacionalista solicitou este luns que a Xunta actúe "de maneira inmediata" e leve "a iniciativa", pois varias destas mulleres vítimas estaban dentro do sistema Viogén. Coas competencias en Igualdade transferidas ao Goberno galego, Presas reclama que se analice que "fallou e non as puido protexer". "Isto ten que servir de alerta e hai que actuar. Non podemos permitir a pasividade institucional e que as mulleres pensen que denunciar é inútil", engade.
Noa Presas incide en que tras "trece días de infamia" do chamado 'caso Villares', co foco desviado por determinados intereses cara á vítima dunha presunta agresión sexual por parte do agora ex conselleiro do Mar, o PP debe aclarar "se está do lado das mulleres e contra a violencia machista ou se é cómplice e parte do problema".
A portavoz de Feminismo do BNG insta a Xunta a convocar nese comité de crise a todas institucións e organismos implicados na loita contra as violencias machistas, tanto do ámbito galego como os dependentes do Estado, incluíndo os entes policiais e xudiciais que traballan día a día con estes casos, así como as e os profesionais dos recursos psicosociais que atenden a estas vítimas.
Noa Presas incide en que o PP debe aclarar "se está do lado das mulleres e contra a violencia machista ou se é cómplice e parte do problema"
Para Noa Presas este comité debera "avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou" e avanzar xa a situación cara ao verán, "un momento no que historicamente se rexistran máis agresións e feminicidios". Ademais, pide ir máis alá e "revisar o protocolo de cooperación e coordinación institucional" contra as violencias machistas e "aumentar os recursos dispoñibles".
"É fundamental para enviar unha mensaxe clara á sociedade de tolerancia cero coa violencia machista, de normalización cero dos feminicidios, de que a violencia machista é un problema público e de toda a sociedade", recalcou Presas, quen trasladou que o BNG xa rexistrou no Parlamento unha nova petición de comparecencia de Alfonso Rueda, pois aseverou que aínda ten dar explicacións, "entre outras cuestións, sobre quen filtrou a identidade da vítima revitimizándoa e violando a súa intimidade, ou sobre o uso de medios públicos da Xunta para facer de 'xuíz e parte' proclamada a inocencia do ex conselleiro".

Pola súa banda, Alfonso Rueda manifestou este luns ao remate da xuntanza semanal do Consello da Xunta sobre a violencia de xénero: "Nunca tiven ningunha dúbida en condenala e facer todo o posible por erradicala". "Seguiremos traballando con independencia de que haxa ou non que facer un comité de crise, creo que é moito máis importante o traballo diario sen baixar a garda", afirmou en resposta á proposta do BNG.
Antes de coñecer a réplica do presidente da Xunta, Noa Presas xa cualificara de "indignante" a actuación de Rueda no 'caso Villares' e lamentara que está "enviando unha mensaxe ás mulleres demoledora: que o Goberno galego non se pon do lado das mulleres".
"Seguiremos traballando con independencia de que haxa ou non que facer un comité de crise", responde Rueda
A nivel estatal, o Goberno creou no ano 2023, cando se superaron os 50 feminicidios, ata seis comités de crise no que participaron as Comunidades Autónomas e os ministerios de Igualdade e Interior con resultados desiguais. En todo caso, as voces expertas insisten en que falta moito por mellorar na coordinación do sistema que ampara as vítimas das violencias machistas co sistema Viogén, que contaba con 5.886 mulleres inscritas en Galicia a finais do ano pasado.
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, tamén criticou este luns que Rueda siga sen dar explicacións no Parlamento sobre a súa actuación ante a denuncia por agresión sexual contra Alfonso Villares e esixiu "responsabilidades políticas" nun caso "que non se pode dar por pechado nin minimizarse". "Cada día máis de 20 mulleres presentan denuncias por violencia de xénero, e cada tres días hai unha nova denuncia por agresión sexual", lembrou a socialista para censurar que "mentres", o presidente da Xunta "reparte bicos, apertas e protección política a un conselleiro denunciado por agresión sexual".