Hai sospeitas fundadas de que o suceso que tivo lugar en Campo Lameiro pode tratarse dun feminicidio e é por iso que o feminismo galego se está a mobilizar en repulsa do que considera un novo asasinato machista
Este mércoes ao mediodía coñeceuse que as probas de ADN confirmaron finalmente que os dous corpos que o pasado 31 de maio foran atopados nun coche queimado en Campo Lameiro corresponden ao home a á muller de Moraña que se atopaban desaparecidos. Aínda que as circunstancias concretas que levaron á súa morte aínda deben ser esclarecidas, el contaba con varias condenas por violencia machista contra ela e unha sucesión de episodios de malos tratos que motivaran a concesión dunha orde de protección.
Hai sospeitas fundadas de que o suceso que tivo lugar en Campo Lameiro pode tratarse dun feminicidio e é por iso que o feminismo galego se está a mobilizar en repulsa do que considera un novo asasinato machista, que se viría a sumar a outros asasinatos ou intentos de asasinato que tiveron lugar nas últimas semanas. Este martes a Plataforma Feminista Galega levou a cabo concentracións de protesta e para este xoves pola tarde, unha vez identificados os cadáveres a través do ADN, están convocadas novas mobilizacións nunha vintena de cidades e vilas.
No comunicado no que este martes pola tarde o Concello de Moraña anunciou a declaración de tres días de loito na localidade, púxose aos dous falecidos, o suposto agresor e a suposta vítima, ao mesmo nivel
Porén, no comunicado no que este martes pola tarde o Concello de Moraña anunciou a declaración de tres días de loito na localidade, púxose aos dous falecidos, o suposto agresor e a suposta vítima, ao mesmo nivel, indicando simplemente que se decretaban "tres días de loito oficial ondeando as bandeiras a media hasta, e suspendendo os actos públicos organizados polo concello"; ademais, o Concello mostraba as súas "condolencias ós seus familiares".
A declaración espertou as críticas na agrupación local do BNG, que lidera a oposición no concello pontevedrés, que goberna o PP con maioría absoluta. Nunha nota, a formación nacionalista sinala que "esta declaración de loito é indignante e profundamente inapropiada, pois estase a equiparar o respecto dunha muller maltratada co respecto do seu maltratador sistemático, recoñecido como tal por sentenzas xudiciais e sobre o que pesaba unha orde de entrada no cárcere por maltrato contra mulleres"
"Esta declaración de loito oficial, na que se pon ao mesmo nivel a maltratada e maltratador é unha mensaxe absolutaramente errónea e perigosa para a sociedade en xeral e pretende invisibilizar á verdadeira vítima", di o BNG
"Esta declaración de loito oficial, na que se pon ao mesmo nivel a maltratada e maltratador é unha mensaxe absolutaramente errónea e perigosa para a sociedade en xeral e pretende invisibilizar á verdadeira vítima, Marisol. Dar dende unha institución honras en compaixóns a una agresor machista é un paso atrás de xigante na loita contra a violencia machista dunha institución pública que debe comprometerse na erradicación da mesma", di o BNG.
"As institucións deben estar sempre coas vítimas. É intolerable, indignante, insoportable e inxusto que desde unha institución se lance unha mensaxe de respecto a un maltratador e se promovan condolencias sentidas", engade a formación.

Concentracións, este xoves
Este xoves o movemento feminista galego convoca concentracións de repulsa ante a morte, un posible feminicidio, da muller de Moraña
Este xoves o movemento feminista galego convoca concentracións de repulsa ante a morte, un posible feminicidio, da muller de Moraña. Hai convocatorias confirmadas, entre as 19 e as 21 horas, na Coruña, As Pontes, Betanzos, Carnota, Celanova, Compostela, Ferrol, Melide, Moaña, Moraña, O Porriño, O Rosal, Ourense, Pontevedra, Val Miñor, Vigo e Vilagarcía de Arousa.