A Marcha Mundial das Mulleres publica un posicionamento ante os recentes feminicidios frustrados en Tomiño e Valdeorras, a denuncia dunha violación grupal de Vigo e a posibilidade de que un dos cadáveres calcinados en Campo Lameiro sexa o dunha veciña que sufría malos tratos
Nos últimos días asistimos en Galicia a unha sucesión de novas sobre intentos de feminicidio. O pasado 20 de maio unha muller precipitouse dende un cuarto andar no Barco de Valdeorras, ficando gravemente ferida, sendo despois detido a súa parella, acusado dun delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa. Un día despois, un home presuntamente plantou lume na casa da súa ex-parella en Tomiño; a muller estaba na vivenda pero non sufriu danos.
Ademais, o pasado sábado apareceron en Campo Lameiro dous cadáveres queimados no interior dun coche en Campo Lameiro. Un deles foi identificado coma o dun home condenado por malos tratos e o outro, pendente de identificación, podería ser o da súa muller, que se atopa desaparecida. Tamén esta fin de semana tres menores foron detidos acusados de ter practicado unha violación grupal a unha menor nas festas de Fragoselo, en Coruxo (Vigo).
A Marcha denuncia "a pasividade institucional que abandona programas de prevención e advirte da auxe dos "discursos reaccionarios" e da "normalización da violencia contra as mulleres"
Estes feitos veñen unirse ao primeiro feminicidio confirmado do ano en Galicia, o que tivo lugar a comezos de abril no Bolo, onde Josefa, de 76 anos, foi acoitelada polo seu marido.
Esta sucesión de agresións de todo tipo levaron nas últimas horas á publicación por parte da Marcha Mundial das Mulleres dun posicionamento público no que a entidade alerta de que "a violencia machista está repuntando". A Marcha denuncia "a pasividade institucional que abandona programas de prevención e atención fronte á violencia machista" e advirte da auxe dos "discursos reaccionarios" e da "normalización da violencia contra as mulleres".
A Marcha critica a demora na identificación do segundo cadáver atopado en Campo Lameiro, considerando "inadmisíbel que non se acelere o proceso de identificación"
No comunicado, a Marcha Mundial das Mulleres critica así mesmo a demora na identificación do segundo cadáver atopado en Campo Lameiro, considerando "inadmisíbel que non se acelere o proceso de identificación". A Marcha anuncia que "no momento da confirmación da identidade desta muller" o feminismo galego "responderá coa contundencia necesaria ante este novo feminicidio".
A entidade reclama finalmente "unha axenda feminista que coloque o foco na erradicación da violencia" e chama á sociedade a "reclamar todos os recursos necesarios para loitar contra a violencia machista".
Durante o pasado 2024 Galicia rexistrou 7.602 denuncias por violencia de xénero. Foi a cifra máis elevada da serie histórica
Durante o pasado 2024 Galicia rexistrou 7.602 denuncias por violencia de xénero. Foi a cifra máis elevada da serie histórica, cun incremento do 1,3% dende o nivel do ano anterior (7.483). Dende 2012 cada ano superou o máximo histórico de denuncias agás en 2020 e 2021, marcados pola pandemia de COVID. En 2024, cinco mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas, a cifra máis alta dende as 7 de 2015. Estes feminicidios deixaron ademais 3 menores orfos e orfas