Un total de 82 persoas tiveron que aprender a encaixar o ano pasado o peor dos golpes: o asasinato da súa nai como consecuencia da violencia machista. Os datos, recompilados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) nun informe publicado este luns e correspondentes ao ano 2024, perfilan as dimensións da violencia de xénero alén das propias vítimas mortais e pon cifras aos outros grandes afectados: os seus fillos e fillas.
Entre as vítimas mortais rexistradas o pasado ano polo Poder Xudicial o 83,3% tiña polo menos un fillo ou filla
A Gracia asasinouna a súa ex-parella en marzo do ano pasado, en plena rúa. A vítima ía acompañada da súa filla de dezaseis anos no momento do crime. Foi precisamente a adolescente quen pediu auxilio, instantes despois de que o agresor lle disparase tres veces. Ela e o seu irmán, sete anos maior, forman parte da listaxe de orfos pola violencia machista.
Tamén tiveron que aprender a vivir sen a súa nai os fillos de Soledad. A muller foi asasinada e decapitada polo seu marido, un policía local xubilado, en xuño do ano pasado. Unha das súas tres fillas deu o aviso tras levar varios días sen ter noticia da súa nai. A Carmen asasinouna a súa ex-parella en outubro, a pesar das denuncias previas. Ela tiña 39 anos e o seu asasinato deixou dous irmáns, ambos maiores de idade, orfos.
Vítimas que eran nais
Pondo o foco nos menores de idade, a estatística cuantifica un total de 40 menores orfos o ano pasado, case a metade do total. E deles, 27 eran fillos dos agresores que terminaron coa vida das súas nais.
Desde que no ano 2003 se comezou a traballar sobre un rexistro oficial, o número de menores orfos ascende a 1.005. As nais ocupan unha parte importante da estatística: o 47,4% das vítimas mortais desde aquela tiña fillos menores. Pero o CGPJ quixo, na súa análise anual, ampliar o obxecto de estudo e pór a lupa sobre todos os fillos e fillas, con independencia da súa idade. Desde esa perspectiva, o número de orfos ascende a 82 e as nais, agora si, son a inmensa maioría: o 83,3% das vítimas érano.
Nove menores asasinados
As denuncias nos casos de violencia vicaria ascende ao 35,4%, nove puntos por riba da media rexistrada nos feminicidios íntimos
O estudo faise eco, ademais, do número de menores asasinados no que se coñece como violencia vicaria. O ano pasado, nove menores foron asasinados como consecuencia da violencia machista, sete deles a mans dos seus pais biolóxicos. A cifra ascende a 62 desde o ano 2013, momento en que se inclúe aos fillos menores de idade nunha estatística específica. A maioría tamén foron asasinados por homes que eran os seus pais e o 74,2% tiña menos de dez anos.
A denuncia, nos casos de violencia vicaria, é superior á media. O ano pasado, case todos os agresores vicarios foran denunciados previamente polas súas parellas ou ex-parellas, agás un. Na serie histórica, a denuncia nestes casos ascende ao 35,4%, nove puntos por riba da media rexistrada nos feminicidios íntimos. É dicir, as nais tenden a denunciar con maior frecuencia cando perciben que a vida dos seus fillos está en risco.
Os datos sobre violencia vicaria chegan nun momento especialmente delicado, tras o debate en torno ao crime machista cometido por José Bretón contra os seus dous fillos, hai agora once anos e recuperado polo autor Luisgé Martín no seu libro El odio. O Ministerio de Igualdade anunciou precisamente a semana pasada a súa intención de reformar o Código Penal para impedir que os agresores machistas poidan compartir detalles dos seus crimes a terceiros. A intención pasa por evitar que os maltratadores lesionen desta maneira ás súas vítimas, como ocorreu con Ruth Ortiz, a nai das crianzas asasinadas en 2011.
Unha muller asasinada cada semana
Os datos do CGPJ relativos ao ano pasado amosan un dato contundente: cada semana un home arrebatou a vida a unha muller coa que mantiña unha relación de parella ou ex-parella.
Os datos recompilados, obtidos a partir dos expedientes xudiciais, permiten ademais trazar un perfil das vítimas e dos agresores. A media de idade das vítimas mortais foi de 44 anos, mentres que a dos seus agresores ascendeu aos 49 anos. A máis nova das mulleres asasinadas tiña 15 anos. A maior, 66.
Só 15 das 48 vítimas deu o paso de dar a voz de alarma e interpor unha denuncia contra o seu agresor, o 31,3%. Oito delas, aínda convivían cos seus maltratadores no momento do crime e en cinco dos casos existía unha medida de afastamento en vigor. Nestes últimos casos, as ferramentas pensadas para a súa protección fracasaron.
"As escolas son un lugar no que podemos detectar que esa situación de malos tratos está a producirse cando non hai denuncias"
Precisamente por este motivo o Ministerio de Igualdade quere desenvolver instrumentos capaces de arroupar as vítimas, alén das comisarías e os xulgados. Este luns, o departamento de Ana Redondo convocou un comité de crise para analizar, xunto a comunidades autónomas e poder xudicial, a acumulación de casos rexistrados no pasado mes de marzo. E puxo o acento ese asunto: a creación de espazos preparados para escoitar ás vítimas.
"Ás veces son os fillos das vítimas os que levantan a voz para denunciar a situación", salientou a ministra, polo que "as escolas son un lugar no que podemos detectar que esa situación de malos tratos está a producirse cando non hai denuncias". No extremo oposto, sinalou, as vítimas maiores "dificilmente" van denunciar a situación, pero si o poden facer ante o médico de familia". Non é un obxectivo novo: hai catro anos, o Consello de Ministros aprobou un catálogo con seis eixos de actuación contra a violencia machista. Entre as medidas propostas atopábase o desenvolvemento de instrumentos de detección temperá nos centros de saúde.
O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.