Dous feminicidios e dúas agresións: as violencias machistas son estruturais e non cesan o 25N

Fotografía de arquivo da campaña municipal compostelá En Negro Contra as Violencias © Sara Torreiro

A confirmación este 25N dun asasinato cometido este sábado como crime machista eleva a 41 as mulleres vítimas mortais da violencia de xénero no Estado

Os asasinatos machistas acabaron coa vida de 1.286 mulleres no Estado, segundo os datos oficiais. Só neste 2024 hai 41 vítimas mortais –catro delas en Galicia– pola violencia de xénero, un problema estrutural porque afecta a toda a sociedade sen distinción. O último crime machista confirmouno na mañá deste luns o Ministerio de Igualdade, trátase do asasinato de María, de 46 anos.

Este feminicidio tivo lugar o pasado sábado en Estepa (Sevilla). María foi asasinada presuntamente polo seu marido, de 49 anos e nacionalidade española, que se quitou a vida tras acabar coa dela. Neste caso non existían denuncias previas por violencia de xénero contra o suposto agresor e María non figuraba no sistema VioGén. Os seus dous fillos quedan orfos a causa das violencias machistas, co que o número de menores orfos no que vai de ano pola violencia de xénero ascende a 32.

Concentración en Ames polo 25N nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Concello de Ames

A Delegación do Goberno de España contra a violencia de xénero está a investigar o asasinato dunha rapaza de 15 anos no serán deste domingo en Orihuela (Alicante), que foi presuntamente atacada pola súa exparella, de 17 anos; ambos son de nacionalidade española. De confirmarse este crime como machista esta menor será a vítima número 42 da violencia de xénero no Estado neste ano.

Outro crime contra unha menor de idade está en investigación. Ademais, na madrugada deste domingo producíronse dúas agresións machistas en Vilalba e Lugo

Nas últimas horas producíronse dous ataques machistas en Galicia, un en Vilalba e outro en Lugo, que están a ser investigados como presunta violencia de xénero. 

Unha muller de 78 anos tivo que ser trasladada ao hospital tras ser agredida presuntamente pola súa parella no seu domicilio en Vilalba, na madrugada deste domingo. O Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade do presunto agresor coa prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima. Está a ser investigado por un delito de lesións no ámbito da violencia de xénero. 

Na mesma madrugada produciuse outra agresión na cidade de Lugo, unha muller recibiu varias coiteladas presuntamente por parte da súa parella, que foi detido pola Policía Nacional. A vítima recibiu atención no Hospital Lucus Augusti polas súas lesións. O presunto agresor permanece baixo custodia policial á espera de pasar a disposición xudicial. 

Mobilizacións para este 25N do conxunto do movemento feminista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Este 25N, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a cidadanía galega está convocada a participar en manifestacións e concentracións por todo o país. A Marcha Mundial das Mulleres comparte as mobilizacións organizadas polo conxunto do movemento feminista galego baixo o lema A violencia machista ten moitas formas, combatámolas todas!

Nun comunicado, a Marcha Mundial das Mulleres aposta pola educación en igualdade e pide medidas de autoprotección “que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia”. 

A organización tamén reclama o acceso a un traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas das violencias sexuais, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución; así como a ampliación dos xulgados específicos de violencia de xénero a todas as cidades do país e garantías de protección abondo para as vítimas e as súas crianzas, onde inclúen que non se conceda "nin custodia nin réxime de visitas" para os proxenitores denunciados por maltrato.

Panos tecidos no obradoiro 'Bordados contra a violencia' dirixido por Bea Lema na Coruña CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, é preciso chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.