A acción institucional polo día contra a violencia machista procura transmitir que "hai que coidarse e tamén ter coidado" para "previr condutas machistas e neglixentes nas relacións sexuais
"Unha referencia ao problema e á solución", explicando que "hai que coidarse nas relacións afectivas e sexuais e tamén ter coidado". É o concepto de fondo na campaña lanzada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña cara ao día contra a violencia machista, un 25N que nesta ocasión pon o foco nas violencias ligadas ás infeccións de transmisión sexual.
"A falta de educación sexual na rapazada provoca que a súa fonte de información sexa, en moitos casos, a pornografía" e isto, sinala a responsable desta área na entidade provincial coruñesa, Soledad Agra, "provoca prácticas sexuais machistas, de abuso e risco". Esa é a razón de que a campaña aborde a cuestión: "Esas condutas de violencia machista son culpables, ademais, do incremento que estamos vendo de ITS na mocidade".
Judit Cabana, responsable da consultora que elaborou a campaña, encadrada na acción institucional De fronte á violencia de xénero, que se prolonga durante todo o ano, detalla que "durante o traballo previo" a esta acción "identificamos tipos de violencia que acaban nisto", na transmisión de doenzas a través das relacións sexuais. "Por iso nos pareceu fundamental visibilizalas" e facelo "cun ton que permita chegar á xente máis nova, con mensaxes en positivo, animando a mudar violencia por coidado".
A campaña encádrase na iniciativa 'De fronte á violencia de xénero', que vai alén do 25N e se prolonga todo o ano
Trátase, abondan Agra e Cabana, de que a campaña axude a "identificar as diferentes formas de violencia de xénero", neste caso axudando a "previr as condutas machistas e neglixentes das relacións sexuais". Con este marco, inciden, "ofrecemos un espazo onde concellos, entidades e centros educativos", así como a cidadanía en xeral, "obteña material dixital, contidos informativos, xogos interactivos e recursos didácticos" que vaian alén do propio 25N, especifica Bea Loureiro, no nome de Nova Xestión Cultural.
O sitio web defronte.gal centraliza outra volta os contidos dunha campaña que incluirá novos materiais audiovisuais para a prevención das ITS. O propio 25N, avanzan, os once centros de traballo da Deputación coruñesa collerán actos coa lectura dun manifesto composto con "declaracións reais de vítimas de violencias machistas" e "cinco palestras en varios puntos da provincia arredor das distintas formas de violencia de xénero".