O proxecto chegará este ano a 1.500 rapaces e rapazas dos 67 concellos da provincia
A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha un proxecto de educación sexual que, da man dun grupo de médicos/as e sexólogos/as está a achegar estes temas a ao redor de 1.500 alumnos e alumnas de 6º de Primaria de colexios dos 67 concellos da provincia. Está coordinado por Estefanía Fernández Otero, e desenvólvese en dúas fases: unha primeira charla máis xeral e común a todos os centros e unha segunda na que son os rapaces e rapazas quen presentan as súas dúbidas e preguntas específicas para que as respondan os e as especialistas participantes.
Non só se fala de anatomía, de relacións sexuais ou de métodos anticonceptivos, senón que nestas charlas se tratan a regra, a diversidade nas orientacións sexuais, os cambios de todo tipo que se experimentan na puberdade e adolescencia ou do consentimento no sexo.
"Todos os nenos teñen acceso a contido sexual a través de Internet, e o problema é que este tipo de canles xeran unha imaxe errada das relacións sexuais"
Na presentación da iniciativa, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, destacou que o obxectivo é incrementar o "coñecemento sexual dos nosos rapaces, co fin de rachar con estereotipos e tópicos que nada teñen que ver coa realidade". “Existe unha nova necesidade de educación sexual. Todos os nenos teñen acceso a contido sexual a través de Internet, e o problema é que este tipo de canles xeran unha imaxe errada das relacións sexuais", engadiu. Falamos con Estefanía Fernández Otero.
Por que é necesario este proxecto para que estes nenos e nenas teñan unha auténtica educación sexual? O momento debe ser ese: 6º de Primaria?
A educación sexual é algo que está no currículo do ensino obrigatorio dende Primaria. O que pasa é que se trata sempre de forma transversal, non hai un espazo ou unha materia dedicados a ela. En 5º e 6º de Primaria ensínase o aparello reprodutor e por iso ese é un bo momento para introducir estes conceptos.
"En 5º e 6º de Primaria ensínase o aparello reprodutor e por iso é un bo momento para introducir estes conceptos. Saben moito do interior do corpo pero case nada do que está por fóra"
Eu son nai, teño dous fillos na ESO e decateime de que eles sabían perfectamente todo o relacionado coa teoría do aparello reprodutor, pero que había cuestións básicas que descoñecían, comenzando pola anatomía dos rapaces e das rapazas. Saben moito do interior do corpo pero case nada do que está por fóra, digamos. Por exemplo, algúns varóns que sacaran un sobresaliente no exame do aparello reprodutor e do aparello excretor, non sabían dicir cantos buratos tiñan as mulleres. E nenos e nenas que tamén aprenderan teoricamente o que era a menstruación, non sabían dicir como se usaba un tampón ou unha copa menstrual.
En que consisten as charlas? Como as organizades?
O proxecto ten dúas fases en cada colexio. Nunha primeira achegámonos alí e damos unha charla máis xeral centrada no momento que están vivindo: a puberdade, a adolescencia, os cambios que están experimentando. Hoxe ademais conviven nestas aulas rapaces e rapazas que xa iniciaron ese proceso e outros e outras que non, pero todos e todas teñen os mesmos medos, dúbidas e preocupacións. Tratamos tamén cuestións de anatomía, sobre todo aqueles aspectos que normalmente non se tratan nas aulas: poñémoslle nomes ás cousas para que poidan falar sobre o tema entre eles e elas, ou por se teñen que ir ao médico. Eu, que son médica, aínda escoito moitas veces aquilo de “dóenme os baixos”, en todas as idades. Despois desa primeira clase, que é igual en todos os colexios, damos unha segunda, na que respondemos ás súas preguntas e ás súas dúbidas, algunhas realizadas por escrito e outras directamente.
"Sorpréndeme sempre a cantidade de preguntas que hai sobre a regra. É algo do que non se fala nas casas, nin sequera as nenas"
Que tipo de preguntas fan? Cales son os temas que máis lles preocupan ou sobre os que teñen máis dúbidas?
Hai de todo. A min sorpréndeme sempre a cantidade de preguntas que hai sobre a regra. Parece que é un tema que está na rúa, nos anuncios, na fala cotiá..., pero a realidade que vemos é que é algo do que non se fala nas casas, nin sequera as nenas. Hai moitas preguntas sobre o corpo, sobre as ereccións, as polucións nocturnas... Os mestres e mestras sempre nos din: son moi pequenos, disto non saben nada, non teñen nin idea..., pero despois resulta que fan moitísimas preguntas sobre anticonceptivos, sobre condóns ou a pílula, e tamén sobre técnicas como a 'marcha atrás' ou sobre a exaculación precoz, temas que manexan en todo momento.
Son moi diferentes as preguntas e dúbidas dos rapaces e das rapazas?
Non, non, non hai grandes diferenzas entre as preguntas dos rapaces e das rapazas. Niso si que hai máis igualdade que antes
Máis información significa menos riscos?
Canta máis educación sexual reciben os rapaces, menos riscos corren e máis capacidade de resposta teñen. Ademais, ter unha educación sexual, saber de sexualidade, non implica que un ou unha adolescente vaian iniciarse antes no sexo. De feito, segundo a OMS é exactamente ao revés: nos países cunha educación sexual regrada, a iniciación é máis tardía, hai menos embarazos non desexados e menos enfermidades de transmisión sexual. Queiramos ou non os pais e nais, os nenos e nenas van acceder á información sobre o sexo, sobre todo a través de Internet. En páxinas web, a través de youtubers ou directamente a través do porno. E reciben información que non é veraz.
"Sempre lles digo aos pais e nais: que preferides, que lles ensine eu estas cousas ou que as aprendan vendo un youtuber ou un vídeo porno?"
É moi prexudicial conformar unha idea do sexo a través do porno?
Vese que teñen moitas ideas, procedentes do porno, que non son correctas. Sempre lles explicamos que o porno é mentira e explicámoslles por que é mentira: que os corpos non son reais, que os tempos non son reais... Sempre lles digo que eles teñen moi claro que Star Wars é ficción ou que non poden aprender a conducir con Fast & Furious, polo que de igual xeito o sexo real non ten nada que ver co porno. Eu, que teño 47 anos, tiña información máis veraz con 47 anos que eles e elas agora. E por iso, sempre lles digo aos pais e nais: que preferides, que lles ensine eu estas cousas ou que as aprendan vendo un youtuber ou un vídeo porno? A realidade é que se os rapaces e rapazas non teñen unha educación sexual, van aprendelo a través do porno.
No proxecto entra o tema do abuso sexual?
É certo que hai un problema real de abusos sexuais en España: 1 de cada 4 mulleres sufrirá algún tipo de abuso ao longo da súa vida. Pero non lles falamos deste tema aos rapaces, directamente, aínda que si lles falamos moito do consentimento e de autoestima. Creo que é importante que teñan claro que nunca se pode facer nada que un non queira facer.