Vinte mulleres vítimas das violencias machistas ao día en Galicia e aínda sen xulgados específicos en todas as cidades

As denuncias por violencia machista incrementáronse un 7% en Galicia en 2023 CC-BY-SA Marco Bianchetti/Unsplash

En 2023 houbo 7.438 vítimas de violencias machistas en Galicia. "Debemos crear xulgados de violencia exclusivos e sacalos do ámbito xudicial ordinario. Ten que ser un xulgado multidisciplinar", di o xuíz decano de Santiago, Andrés Lago

No ano 2023 contabilizáronse 7.438 vítimas de violencias machistas en Galicia, o que significa que máis de vinte mulleres ao día sufriron algún tipo de violencia só polo feito de seren mulleres ao longo do ano pasado. Son datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, que indican un incremento interanual do 7,6% no número de vítimas e unha taxa de violencia de xénero (as mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) de 53,1 en Galicia, a segunda máis baixa do Estado, que situou a súa media en 79,4.

As denuncias por violencia machista incrementáronse un 7% en Galicia, cun total de 7.483 denuncias rexistradas nos xulgados galegos en 2023, fronte ás 6.995 do ano 2022. Neste período, os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais de Galicia ditaron 2.415 sentenzas en procesos de violencia de xénero, das que o 81,8% foron condenatorias. De feito, as estatísticas indican que a porcentaxe de condenas nestes casos non deixou de medrar desde 2014.

Para Andrés Lago Louro, xuíz decano de Santiago e titular do xulgado de instrución número 3 –que ten as competencias de violencia machista–, o maior acerto que se fixo desde o eido xudicial contra as violencias machistas foi crear os xulgados con competencias exclusivas, o fallo está en que estes xulgados especializados non funcionen nin tan sequera nas sete cidades galegas, só hai dous no país: un na Coruña e outro en Vigo.

Concentración en Santiago polo 25N en 2023 CC-BY-SA BNG

“O que non se pode permitir é que sigan existindo xulgados como no que estou eu en Santiago, que son xulgados de instrución nos que ao mesmo tempo que levo a instrución de numerosas causas, cada día teño que atender a vítimas de violencia de xénero, e teño que coordinar e articular a atención coas psicólogas, as traballadoras sociais, o Ministerio Fiscal, os avogados... E é moi importante atender con coidado a esa vítima, pois no 90% dos casos vai ser a única fonte de proba da que poida dispoñer porque un maltratador non maltrata diante doutras persoas, ampárase na intimidade para facelo”, critica o xuíz.

"Un xulgado de violencia non se pode basear en datos estatísticos porque non estamos tratando con empresas. Estamos tratando coa seguridade e a integridade física e moral dunhas persoas que están en risco", di o xuíz Lago Louro

A creación dun xulgado especializado en violencia sobre a muller na comarca de Santiago segue no aire, a pesar de que foi solicitado desde o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Andrés Lago Louro pon o exemplo dos xulgados do mercantil, creados sen atender os datos estatísticos que agora se miran con lupa no caso dos de violencia de xénero. “Un xulgado de violencia non se pode basear en datos estatísticos porque non estamos tratando con empresas, ganancias ou perdas. Non estamos nin sequera tratando con postos de traballo. Estamos tratando coa seguridade e a integridade física e moral dunhas persoas que están en risco ou que poden estalo, incluso menores de idade”, detalla o maxistrado muradán.

Debemos crear xulgados de violencia exclusivos e sacalos, incluso, do que é o ámbito xudicial ordinario –incide Lago Louro–. Ten que ser un xulgado multidisciplinar, non o podemos ver só como un xulgado instrutor que vai reprimir e investigar un delito, senón que trata tamén cunha finalidade terapéutica de asistencia á vítima. Por iso, temos que ter ao lado un equipo de valoración integral, algo que en Santiago non temos. Aquí imos tirando do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia), pero o compartimos con outros xulgados e ás veces cando teñen que facer un informe poden tardar dous anos, e unha vítima de violencia de xénero non pode agardar ese tempo para que lle resolvan a súa situación”.

A lá tamén contra a violencia de xénero, imaxe de arquivo © Sara Torreiro

O xuíz Andrés Lago Louro defende que “aí é onde hai que poñer os cartos”. “Precísase crear unidades especializadas en violencia de xénero que se dediquen unicamente a tratar estas violencias. Se son 300 vítimas ao ano, pois son 300. Se son 800, pois 800. Pero hai que tratalas de maneira exclusiva. Que despois non chegamos ao número necesario? Pois comarcalice o xulgado, pero dote de medios materiais e profesionais ese xulgado para que poida atender axeitadamente esa demanda”, agrega.

Como exemplo, o maxistrado conta a Praza.gal que unha mañá viu a unha muller maior sentada nun banco do corredor do xulgado entre varios detidos que agardaban alí coa Policía. A muller, de máis de setenta anos, estaba esperando polo seu avogado de oficio. Levaba unhas cinco décadas de maltrato por parte do seu marido, ao que poucos días antes decidira ir denunciar ao posto da Garda Civil da súa vila. Estaba farta, chegara ao seu límite e logrou actuar.

"O tempo neste tipo de procedementos sempre corre en contra da vítima e a favor do presunto agresor", asegura o maxistrado

“Como podes ter a esa muller aí sentada como se fose unha delincuente nun contexto tan alleo?”, lamenta o xuíz, que falou con ela de cousas triviais da vila na que vive, e en galego –destaca–, para quitarlle a mala sensación do principio. “Ao final, dime: ‘Viña moi preocupada porque non sabía, tiña moito medo, pero despois de falar con vostede xa estou máis tranquila’. Isto é a formación en violencia de xénero, a capacidade de empatizar e de poñerse no lugar do outro”, asegura Lago Louro, que insiste en que “a única forma na que se debe tratar a violencia de xénero” é mediante “xulgados de violencia exclusivos con profesionais especializados que se dediquen exclusivamente a isto, e que teñan interese como para formarse e tratar os casos co resto de compañeiros”.

Ademais, o xuíz decano de Santiago salienta que os casos de violencia machista deben ser tratados, sempre que se poida, con dilixencias urxentes de axuizamento rápido. “Non podes deixar podrecer o asunto. Canto máis tardes nun caso deste tipo, máis posibilidades ten o maltratador de saír indemne. O tempo neste tipo de procedementos sempre corre en contra da vítima e a favor do presunto agresor”, asevera.

Cando unha vítima ve que vai ter que revivir en varias ocasións a agresión, ou que terán que facelo os seus fillos, a probabilidade de que abandone 'a medias' o proceso xudicial aumenta. “Canto máis se dilate o proceso a vítima máis se retrae”, sinala Andrés Lago Louro. De aí que, segundo os datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en 2023 aumentaron un 36,6% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. Optaron por esta opción 493 mulleres, fronte ás 361 que o fixeron en 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.