"É favorable que se asocie á especialización dos xulgados unha especialización dos e das profesionais destinados nos mesmos", destaca a xuíza de Lugo Sandra Piñeiro
A especialidade de violencia de xénero na xustiza vaise poñer en marcha de maneira inmediata. Así o anunciou o pasado xoves a presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género, Ángeles Carmona, un órgano integrado no Consejo General del Poder Judicial, que reformulará o regulamento da carreira xudicial para cumprir co mandato do poder lexislativo e “mellorar” a formación e especialización dos xuíces e xuízas que se encargan destes casos.
“Ten un efecto positivo porque axuda á promoción profesional, os especializados en violencia sobre a muller son xulgados nos que ao non ter unha especialización hai unha rotación alta dos maxistrados, maxistradas, xuíces e xuízas que están aí destinados. Particularmente porque non existen tampouco todos os órganos especializados en violencia de xénero, acostuman a ser xulgados por quen non só investigan ou instrúen asuntos de violencia de xénero, senón tamén outros de certa gravidade”, explica a xuíza de instrución de Lugo Sandra Piñeiro.
A creación desta especialidade en violencia de xénero "non resolve por si soa a carga de traballo dos Xulgados de Violencia sobre a Muller pero si dá máis estabilidade", apunta a xuíza de Pontevedra Belén Rubido
En Galicia só hai dous xulgados específicos de Violencia sobre a Muller, un na Coruña e outro en Vigo. No resto dos partidos xudiciais os casos de violencia machista aténdense en xulgados que comparten outros delitos. A carga de traballo destes xulgados das vilas como Cambados, Vilagarcía, Xinzo, Ribeira, Ordes, Vilalba ou Betanzos é moi alta, polo que da man desta especialidade en violencia de xénero ábrese a oportunidade de reformular onde, quen e como se xulgan estes casos no país.
“É favorable que se asocie á especialización dos xulgados unha especialización dos e das profesionais destinados nos mesmos, a especialización sempre supón un maior coñecemento das dinámicas deste tipo de delitos. Cando loitas contra un determinado tipo de violencia tes que coñecer e profundar nas causas desa violencia, neste caso a situación asociada á existencia do heteropatriarcado e a situación de sometemento da muller, que aínda que hoxe en día se acade unha igualdade formal, non chegamos á igualdade real e efectiva, e isto supón o mantemento dos roles tradicionalmente asociados á condición de home ou muller na sociedade”, debulla a xuíza Sandra Piñeiro.
"Aínda que hoxe en día se acade unha igualdade formal, non chegamos á igualdade real e efectiva", destaca a xuíza Sandra Piñeiro
Belén Rubido, xuíza decana de Pontevedra e titular do Xulgado Penal nº4 de Pontevedra, especializada en Violencia sobre a Muller, indica que unha opción posible sería seguir o exemplo dos Xulgados do Social e que os xulgados especializados en Violencia sobre a Muller se creasen cun ámbito superior ao que é propiamente o partido xudicial. Pois, di, ás veces unha atención máis próxima á vítima no xulgado no que lle corresponde polo seu domicilio fai que se sobrecarguen máis os xulgados das vilas.
“O lexislador ten que optar por que é o mellor: crear un xulgado especializado cun ámbito territorial máis grande aínda que as vítimas teñan que, por exemplo, trasladarse dunha vila como Marín a unha cidade com Pontevedra? Ou seguirmos como estamos ata o de agora. Iso nós non o podemos contestar, ten que facelo o lexislador. O que si creo é que a carga de traballo para os xulgados dos pobos é excesiva; tamén nos Xulgados de Violencia sobre a Muller de Vigo e A Coruña, pero son órganos totalmente especializados cos seus propios funcionarios que xa saben ao que van, mentres que nos pobos están un pouco a todo e iso fai que ás veces as cousas se vaian de tempo e de contido”, sinala Rubido.
Ademais, coa creación desta especialización dentro da carreira xudicial vaise modificar a Lei orgánica do poder xudicial co obxectivo de conseguir que se recoñeza a formación en temas de violencia de xénero e o tempo traballado nun Xulgado de Violencia sobre a Muller nos concursos de xuíces, que ata o de agora non se tiña en conta ao non ser considerados por lei. “O que non ten sentido é que en materia de concurso non se teña en conta o tempo especializado en violencia de xénero e que calquera sen experiencia na materia, só en causas penais, nos supere”, detalla a Praza outra profesional da xustiza que traballa sobre as violencias machistas.
“A creación desta especialidade non resolve por si soa a carga de traballo dos Xulgados de Violencia sobre a Muller pero si dá máis estabilidade porque ao ter a formación podo optar a un posto ao que quero optar, porque me formei para el. E suponse que estou orientada a que 'me guste' máis ese tipo de xurisdición. Pero isto só é unha parte da necesaria implementación de medidas nas que se teña en conta que esa carga de traballo a maiores que dá a violencia, para diminuír proporcionalmente a carga de traballo de outras cousas para que os xuíces non queiran marchas dos xulgados das vilas”, asegura Belén Rubido.
A definición da violencia sobre as mulleres que emprega a xustiza española non abrangue a violencia sexual, nin os matrimonios forzados e a violencia económica e patrimonial
A xuíza decana de Pontevedra argumenta que a carga de traballo derivada dunha detención a causa da violencia machista “case triplica” a calquera detido por outra causa. “Case sempre se pide unha orde de protección, nos outros delitos –roubos, estafas, etc.– salvo que sexa moi grave non se acostuman pedir estas medidas. Isto tamén implica que a vítima é asistida por un avogado, polo tanto, xa hai dous avogados no procedemento e todo é máis lento porque implica moitos máis trámites. Ademais, as declaracións das vítimas en moitos casos teñen que ser máis pausadas para que estean ben feitas”, conta Rubido.
Por outra banda, a definición da violencia sobre as mulleres que emprega a xustiza española aínda non se adecúa ás esixencias internacionais ditadas polo Convenio de Istambul, que amplía os marcos das violencias fóra das relacións de parella e ex-parella. Non abrangue a violencia sexual, que netamente se exerce contra as mulleres; nin os matrimonios forzados que só implican a nenas ou mulleres novas; e tampouco abrangue a violencia económica e patrimonial, que non figura como competencia dos xulgados de Violencia sobre a Muller aínda que medie a relación de parella entre as partes.