Entre os delitos contra a liberdade sexual rexistrados en Galicia, destaca o importante incremento das agresións e abusos sexuais (433 delitos en 2022, fronte aos 399 do ano anterior) e as agresións e abusos con penetración (155 fronte aos 144 do ano 2021)
Os delitos contra a liberdade sexual volveron aumentar no ano 2022 en Galicia, acadando un novo máximo na serie histórica. En total, segundo o informe anual do Ministerio do Interior, foron 719 os feitos coñecidos polas forzas de seguridade, por riba dos 707 do ano anterior, cifra que xa supuxera un récord. Dende o ano 2013, o número de delitos vén aumentando de forma constante, coa única excepción do ano 2020, marcado pola pandemia de COVID e as restricións de movemento introducidas para combatela.
Entre os delitos contra a liberdade sexual rexistrados en Galicia, destaca o importante incremento das agresións e abusos sexuais -433 delitos en 2022, fronte aos 399 do ano anterior- e as agresións e abusos con penetración (155 fronte aos 144 do ano 2021). A frecuencia do resto dos delitos que abrangue este capítulo -acoso sexual, exhibicionismo, pornografía infantil, corrupción de menores, prostitución... descende ou, como moito, mantense en relación ao ano 2021.
Dentro de Galicia é Ourense a provincia que rexistra máis delitos deste tipo en relación á súa poboación (3,6 por cada 100.000 habitantes)
Galicia non está, con todo, entre os territorios do Estado nos que se producen este tipo de delitos con máis frecuencia, con 2,7 por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media española (4 delitos contra a liberdade sexual por cada 100.000 habitantes) e máis lonxe aínda de Baleares, Canarias, Navarra, Catalunya ou a Comunidade Valenciana, que encabezan a lista.
Dentro de Galicia é Ourense a provincia que rexistra máis delitos deste tipo en relación á súa poboación (3,6 por cada 100.000 habitantes), por riba de Pontevedra (2,7), A Coruña (2,6) e Lugo (2).
Case a metade das vítimas eran menores de idade (45%) e outro 31% tiña entre 18 e 30 anos
O informe do Ministerio do Interior destaca que os meses próximos ao verán -entre maio e setembro- son o momento do ano no que se rexistran máis delitos deste tipo. A gran maioría das vítimas son mulleres (86%) e a inmensa maioría dos denunciados son homes (o 94%, as mulleres practicamente só aparecen como vitimarias nos delitos de prostitución).
Case a metade das vítimas eran menores de idade (45%) e outro 31% tiña entre 18 e 30 anos. De igual xeito, o 23% das vítimas tiñan nacionalidade estranxeira e os estranxeiros foron o 35,8% dos denunciados.
En canto á idade dos denunciados, esta abrangue case todas as xeracións, dende os máis novos: o 8,8% eran menores e o 30,6% tiñan entre 18 e 30 anos. E ata os máis maiores: o 33% tiña entre 41 e 64 anos e o 6% tiña 65 anos ou máis.
98 dos delitos contra a liberdade sexual foron cometidos en grupo, é dicir por dúas ou máis persoas, o que supón un importante incremento dende o ano 2019 (57)
O informe inclúe un apartado sobre os delitos sexuais cometidos en grupo, é dicir por dúas ou máis persoas. No ano 2022 cometéronse en todo o Estado 632 delitos deste tipo, 98 deles en Galicia. Dende o ano 2019 a frecuencia deste tipo de delitos vén incrementándose en Galicia, dende os 57 feitos coñecidos hai catro anos ata os 98 no 2022. 70 destes delitos corresponderon a agresións e abusos sexuais e 28 a agresións e abusos con penetración.
Novamente, Galicia está lonxe dos territorios nos que este tipo de delitos é máis frecuente, nunha lista encabezada por Baleares, Comunidade Valenciana e Canarias.