A cifra de agresións sexuais con penetración denunciadas en 2022 supera o dato de 2019, último ano antes da pandemia e ata agora máximo da serie histórica
O ano 2022 pechouse cun importante incremento do número de agresións sexuais con penetración coñecidas pola Policía en Galicia, cun total de 95, un 17% máis que no ano 2021. Hai que ter en conta que o 2021 estivo aínda marcado polos efectos da pandemia de COVID e as limitacións de mobilidade asociadas. Con todo, a cifra de violacións denunciadas en 2022 supera tamén o dato de 2019, último ano antes da pandemia e ata agora máximo da serie histórica, segundo a estatística provisional feita pública polo Ministerio do Interior hai uns días.
Vigo é a cidade galega nas que máis violacións se rexistraron nos últimos seis anos, cun total de 53, por diante de Santiago e Ourense, con 36 e 34, e moi por riba dos indicadores da cidade da Coruña (24)
O resto de delitos contra a liberdade sexual (que abranguen outros tipos de agresións e abusos sexuais, ademais de pornografía infantil e outros) tamén acadaron o seu máximo histórico en Galicia en 2022, cun aumento do 19% con respecto ao ano 2019 e do 5% en relación ao 2021.
A Coruña (45) foi a provincia galega na que se denunciaron un maior número de agresións sexuais con penetración, cun aumento de máis do 30% en relación tanto ao ano 2021 coma ao 2019. Pontevedra foi a segunda (21), neste caso cun importante descenso con respecto aos exercicios anteriores, que sitúa os seus datos moi preto dos de Ourense (19) e Lugo (10), en ambos os dous casos con importantes subas.
No ano 2022 foi Ourense a cidade que máis violacións con penetración rexistrou (13)
En calquera caso, segundo as estatísticas do Ministerio do Interior, Vigo é a cidade galega nas que máis violacións se rexistraron nos últimos seis anos, cun total de 53, por diante de Santiago e Ourense, con 36 e 34, e moi por riba dos indicadores da cidade da Coruña (24), que iguala os datos de Ferrol (24) e Pontevedra (23). Lugo (17), Narón (9) e Vilagarcía e Oleiros (8) son os seguintes concellos que máis denuncias rexistraron nos últimos anos.
No ano 2022 foi Ourense a cidade que máis violacións con penetración rexistrou (13), moi por riba dos datos de Vigo e Santiago (7), Lugo e Ferrol (6).
Os incrementos máis notables en relación ao tempo anterior á pandemia corresponden aos ciberdelitos (+80%)
O ano 2022 rexistrou un importante aumento do número de infraccións penais coñecidas pola Policía en Galicia, un 8% máis que no 2021 e un 18% máis que no ano 2019. Porén, os incrementos máis notables en relación ao tempo anterior á pandemia corresponden aos ciberdelitos (+80%), xunto cos delitos de lesións (+24%) e os devanditos delitos contra a liberdade sexual (+19). En cambio produciuse unha diminución dos roubos con forza en domicilios e establecementos (-22%) e das substraccións de vehículos (12%) e unha estabilidade no que atinxe aos furtos (+4%) ou ao tráfico de drogas (-3%).