Igualdade e o Sergas presentan un protocolo tras as reclamacións de BNG e PSdeG no Parlamento. O documento aporta pautas para a coordinación do equipo sanitario co xudicial, recolle os tipos de drogas máis habituais nestes casos e pide "condicións de privacidade, seguridade e confidencialidade" na atención á vítima
Unha primeira versión do protocolo unificado de actuación ante casos sospeitosos de submisión química funciona desde este mércores en todas as áreas sanitarias de Galicia. Así o trasladou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, despois dun encontro co director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que lle fixo chegar o documento, "que estará suxeito a permanente revisión e actualización coas achegas que se reciban".
O documento Procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual (versión número 1 - 10 de agosto de 2022) considera as agresións sexuais como "unha forma extrema de violencia" e destaca que o Instituto Nacional de Toxicoloxía vén detectando un aumento dos casos de agresións sexuais en situacións de abuso de alcol e doutras drogas e tamén de uso intencional de substancias químicas. "Nestes casos –salientan desde Igualdade– a vítima adoita ser unha muller nova, habitualmente menor de 30 anos, mentres que o agresor adoita ser un home que, nunha alta porcentaxe dos casos (ata no 70%), é un coñecido da vítima".
O protocolo do Sergas recolle que "nos últimos anos tamén se observa unha proporción moi importante, de arredor do 33%, de casos de agresións sexuais asociadas a submisión química, posibilidade que é necesario ter presente na atención, e que tamén se inclúe neste procedemento". Así, ve fundamental unha "actuación conxunta, homoxénea e protocolizada do equipo sanitario que atende á vítima" tanto para "mellorar a calidade da atención, no momento inicial e no seguimento", como para "asegurar a derivación xudicial, a seguridade da vítima e evitar a vitimización secundaria".
Desta maneira, especifícase que "a actitude do persoal debe ser respectuosa debido á delicada situación" e "as preguntas que se fagan deben ser realizadas con sumo tacto utilizando unha linguaxe adecuada para a súa idade e circunstancias".
O protocolo contempla que "a muller que sufriu unha agresión sexual precisa dunha atención e unha asistencia en condicións de privacidade, seguridade e confidencialidade"
O texto recoñece a especial "vulnerabilidade" das vítimas de agresións sexuais e asegura que "a muller que sufriu unha agresión sexual precisa dunha atención e unha asistencia en condicións de privacidade, seguridade e confidencialidade, coordinada entre os profesionais sanitarios". De feito, o Sergas considera que "dada a natureza das lesións, sempre que se poida a muller será atendida por xinecólogas ou médicas", á parte dos e das profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).
O protocolo toma como base o elaborado previamente no servizo de urxencias da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. O actual modelo interpela a todos o persoal do Sergas e a todos os centros sanitarios da súa rede, desde a atención hospitalaria, a primaria e as urxencias. O pasado 3 de agosto o Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou unha iniciativa no Parlamento para reclamar á Xunta que activase este documento que –lembran– a xerencia do Sergas prometeu pór en marcha no mes de marzo.
O BNG pide campañas de concienciación e de sensibilización para dar información "veraz" ás vítimas "evitando enfoques alarmistas"
"A área sanitaria de Vigo continúa sen contar cun protocolo de actuación de submisión química, que van máis alá dos casos de pinchazos denunciados estes días, senón que existen moitas outras formas xa coñecidas desde hai tempo para as que non existen respostas", denunciou naquel momento a deputada do BNG na Cámara galega, Alexandra Fernández, que tamén solicitou campañas de concienciación e de sensibilización para dar información "veraz" ás vítimas e ao conxunto da sociedade. "Evitando enfoques alarmistas ou vitimizadores e incluíndo pautas e mecanismos eficaces para combater esta lacra", destacou.
María Jesús Lorenzana avanzou que levará o documento ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero, no que participan, ademais de diversos departamentos da Xunta, representantes da Delegación do Goberno, da FEGAMP, do Tribunal Superior de Xustiza, da Fiscalía Superior, de asociacións de mulleres, de organizacións sindicais e empresariais e de colexios profesionais como os de avogacía, psicoloxía, traballo social ou educación social para recoller as alegacións pertinentes. No propio protocolo especifícase que estará "en permanente revisión e actualización".
O PSdeG propón que nos recintos festivos e discotecas haxa controis para evitar que se acceda con xiringas
Este mércores, á vez que a Xunta informaba deste protocolo unificado, o PSdeG presentou unha moción tipo que pretende levar aos concellos en relación coas agresións sexuais e a submisión química exercida contra as mulleres. A moción recolle demandas que coinciden coa iniciativa presentada polo BNG no Parlamento e vai máis alá, propón que dentro dos recintos festivos e nas discotecas "se establezan controis para evitar que se entre con xiringas para realizar as picadas, e mesmo que os concellos amplíen a instalación de puntos violetas para asistir ás posibles vítimas, aproveitando que a meirande parte deles están financiados polo Plan Estatal contra a Violencia de Xénero".
A secretaria de igualdade dos socialistas galegos, Silvia Fraga, evidenciou a importancia de centrarse no agresor, sen deixar de inculcarlle medidas de prevención ás mulleres, sendo "o esencial" que "poidan saír de festa sen ter medo". Pola súa banda, a portavoz de Igualdade na Parlamento, Noa Díaz, indicou que o goberno da Xunta "debería ter feito moito máis e tomar medidas urxentes", pois lembrou que en xuño o grupo parlamentario do PSdeG tamén rexistrou varias iniciativas nesta liña.
Nas agresións sexuais adoitan empregar drogas que "producen unha afectación do estado de conciencia de forma relativamente rápida e prolongada"
"Non levantar sospeitas"
Desde a Consellería de Igualdade detallan que "o protocolo fixa as probas diagnósticas e toxicolóxicas a realizar ante este tipo de casos, tanto para detectar consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no presunto delito". Identifícanse como drogas habituais nestes casos "aquelas substancias solubles nun medio acuoso que non adoitan dar olor, sabor ou cor á bebida na que se empregan, que son efectivas a doses baixas e que teñen efectos inespecíficos que poidan confundirse cunha intoxicación etílica ou unha enfermidade, e así non levantar sospeitas".
Estas drogas –tal e como recolle o protocolo– inclúen desde as benzodiacepinas ata alcaloides como a burundanga, analxésicos como a ketamina ou o fentanilo, pasando por barbitúricos como a éxtase líquida (GHB) ou opiáceos, LSD e outros derivados alucinóxenos. Estas substancias "producen unha afectación do estado de conciencia de forma relativamente rápida e prolongada e ocasionan un maior ou menor grao de amnesia que pode levar á vítima a dubidar sobre a existencia dunha agresión sexual e que, en todo caso, dificultan a súa capacidade de achegar datos e detalles".