Condenado a dez anos un taxista que agrediu sexualmente unha muller en Santiago xerando "un estado de terror" que a deixou "paralizada"

Un taxi nunha cidade galega, ante un cartel dunha campaña institucional contra a violencia machista CC-BY-SA Xunta

A Audiencia da Coruña destaca a “intimidación” á que foi sometida a vítima, unha muller de 19 anos que colleu un taxi na madrugada do 8 de marzo de 2018 para regresar á súa casa, e considera “sobradamente acreditado” o grave dano causado polo taxista condenado

A Audiencia da Coruña condena a dez anos de prisión a un taxista que na madrugada do 8 de marzo de 2018 agrediu sexualmente a unha clienta de 19 anos que colleu un taxi no centro de Santiago para regresar á súa casa. O tribunal recalca que non só se tratou dunha relación non consentida, senón que se cometeu “mediante a intimidación empregada polo acusado, aproveitándose dunhas circunstancias buscadas coa finalidade de xerar un estado de terror na vítima, que a deixaron paralizada e sen posibilidade de reacción”. 

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a este home, que traballaba como asalariado nun taxi, a oito anos de liberdade vixiada a maiores da pena de cárcere e impúxolle o pagamento dunha indemnización á vítima de 20.000 euros, así como a prohibición de aproximarse e comunicarse con ela durante un total de 15 anos. Ademais, os xuíces entenden que o titular do taxi debe asumir a responsabilidade civil subsidiaria, pois o condenado era o seu empregado desde facía anos.

Interior dos xulgados de Santiago de Compostela CC-BY-SA CIG

“A descrición dos feitos que fai non só é consistente e coherente, senón que concorda con todos os restantes medios”, destaca a sentenza

“O acusado, aproveitándose da circunstancia de que quedou adormecida durante o traxecto de apenas cinco minutos de duración, desviou a súa traxectoria ao chegar á zona das Galeras e desconectou o localizador do vehículo”, relata o tribunal no fallo, no que indica que, acto seguido, se dirixiu “cara a unha zona non determinada, situada nos arredores da cidade, escura, carente de iluminación artificial e sen vivendas próximas á vista”.

Para o tribunal, a denunciante relatou “de modo persistente, convincente e sen contradicións” ao longo de todo o procedemento o ocorrido a noite do día 8 de marzo de 2018. “A descrición dos feitos que fai non só é consistente e coherente, senón que concorda con todos os restantes medios”, destaca a sentenza.

Na resolución xudicial, contra a que cabe presentar recurso, recóllese que a versión da moza está corroborada “polo testemuño das persoas que estiveron con ela inmediatamente despois dos feitos, polas lesións físicas que presentaba e pola marca psíquica reflectida no informe pericial psicolóxico de data 3 de decembro de 2020, así como polos datos obxectivos que resultan da análise do percorrido realizado polo taxi esa noite”.

Os maxistrados tamén sinalan que a versión do acusado “non só resultou incoherente e incrible, senón que o seu relato non se corresponde temporalmente cos datos obxectivados na causa”. Neste senso, estiman que é “especialmente grave” o feito de que “un taxista recolla a unha moza de 19 anos, de madrugada, e se aproveite de que esta queda durmida para levala a un lugar escuro e solitario, onde non ten posibilidade algunha de pedir axuda ou de escapar, quedando completamente á vontade do agresor, co temor que iso pode xerar na vítima a sufrir calquera tipo de acto violento, sen descartar un ataque contra a propia vida”. 

Remate da manifestación do 8M do ano 2021 na Praza do Obradoiro de Compostela ©

A vítima estaba “paralizada pola situación de terror que estaba a vivir ante a imposibilidade de pedir axuda e o medo ao que lle puidese suceder”

A sentenza especifica que o grave dano psíquico causado á denunciante quedou “sobradamente acreditado”, así como a alteración dos seus hábitos de vida. Así, os maxistrados coinciden en que a pena de dez anos solicitada polas acusacións é adecuada debido á gravidade do sucedido. A maiores, sinalan que non se pode esquecer que o condenado estaba “a desempeñar un servizo público como é o de taxi que, precisamente, xera unha sensación de confianza e seguridade en quen o utiliza, especialmente pola noite”. 

Segundo describe a resolución, o condenado colleu previamente o teléfono da vítima do asento traseiro, para impedir que se puidera comunicar durante a agresión sexual. A sentenza recolle que se baixou do coche cando chegou a un lugar apartado –desviado da ruta solicitada– e se introduciu na parte traseira do taxi. A vítima estaba “paralizada pola situación de terror que estaba a vivir ante a imposibilidade de pedir axuda e o medo ao que lle puidese suceder”. Despois da violación, o condenado regresou ao asento do condutor, devolveulle o seu teléfono e conduciu ata o domicilio da vítima. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.