O Supremo ratifica a condena dun mariñeiro por feitos ocorridos a comezos de 2023, logo de que o mesmo tribunal xa fixese o mesmo con outros dous casos de 2021, en todos con compañeiras como vítimas e con responsabilidade subsidiaria do Estado
O Tribunal Supremo vén de ratificar nunha sentenza con data do 16 de outubro a condena dun mariñeiro alumno da Escola de Especialidades da Armada Antonio de Escaño de Ferrol por agresión sexual a unha compañeira. A sentenza establece a responsabilidade civil subsidiaria do Ministerio de Defensa no pago da indemnización á vítima por considerar que mesmo fóra das instalacións da escola os alumnos seguen ligados "ao exercicio das súas funcións" e "todo aquilo que realicen durante o período de descanso, aínda no exterior das instalacións do centro docente, farano estando de servizo".
Os feitos ocorreron a comezos de 2023 e a sentenza é a terceira do Supremo en dous anos por delitos similares cometidos por outros condenados tamén contra compañeiras a principios e finais de 2021, respectivamente. En todos os casos a xustiza estableceu a responsabilidade subsidiaria do Estado.
Caso de comezos de 2023
A sentenza do Supremo agora feita pública, con data do 16 de outubro, ratifica como feitos probados que o mariñeiro condenado mantiña unha relación de amizade cunha compañeira cando a comezos de 2023 tentou que pasase a máis sen que ela así o quixese. Nese momento o mariñeiro comezou a ser "insistente e reiterativo nas súas comunicacións telefónicas", e atopándose cun grupo de compañeiros nun bar tocoulle as nádegas "en repetidas ocasións".
O Tribunal xustifica a responsabilidade de Defensa sobre os delitos cometidos polos alumnos porque "todo aquilo que realicen durante o período de descanso, aínda no exterior das instalacións do centro docente, farano estando de servizo"
A vítima marchou do local pero o home volveu coincidir con ela e de xeito agresivo díxolle "filla de puta, voute matar", ante o que outros mariñeiros a acompañaron á súa casa. En meses posteriores o condenado dirixiuse tamén á parella da vítima con expresións ofensivas.
Por estes feitos o home foi condenado por delitos de agresión sexual e coacción, primeiro polo Tribunal Militar Territorial da Coruña o 12 de febreiro de 2025, sentenza que agora ratifica o Tribunal Supremo. A condena, de dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións, inclúe unha indemnización por dano moral de 5.000 euros con responsabilidade civil subsidiaria do Ministerio de Defensa.
Caso de outubro de 2021
Antes desta sentenza, o 19 de xuño de 2023 o Supremo ratificou outra condena por abuso sexual doutro mariñeiro da mesma escola Antonio Escaño de Ferrol por feitos cometidos contra outra compañeira en outubro de 2021. A esa sentenza anterior remítese a última agora feita pública para xustificar que o Ministerio de Defensa sexa considerado responsable civil subsidiario por considerar que mesmo fóra das instalacións os alumnos cumpren funcións militares.
Nese caso anterior os feitos probados sinalaron que, tras consumir alcol nun local con outros compañeiros, o home levou a vítima á súa casa. Alí tivo con ela "sen o seu consentimento", pola súa "fonda embriaguez", "un acceso carnal, téndoa á súa mercé, consistente en penetración vaxinal".
Por eses feitos o home foi condenado primeiro polo Tribunal Militar da Coruña o 1 de decembro de 2022, sentenza que o Supremo ratificou en xuño de 2023. Nese caso, ademais de sete anos de cadea, foi establecida unha indemnización de 25.000 euros con responsabilidade subsidiaria do Estado.
Caso de maio de 2021
Pero o Supremo xa se pronunciara tamén sobre un terceiro caso, ratificando o 11 de maio de 2023 outra condena por agresión sexual dun sarxento alumno de terceiro curso por violar unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións do centro militar en maio de 2021.
Nese caso agresor e agredida iniciaran por mutua vontade un encontro sexual nun salón común da escola militar. Ata que outro compañeiro entrou na sala a recoller un ordenador e os interrompeu, momento no que a vítima "decide poñer fin ao encontro". Pero o agresor "non acepta a negativa" e "contra a súa vontade, é penetrada vaxinalmente". Despois o agresor envioulle unha mensaxe ameazante: “Entérate mañá, máis che convén non dicir nada, canto menos saiba a xente mellor”.
Por eses feitos o home foi condenado a sete anos de cadea primeiro polo Tribunal Militar da Coruña o 17 de xuño de 2022, sentenza que o Supremo ratificou en maio de 2023. Nese caso tamén se estableceu unha indemnización de 30.000 euros con responsabilidade civil subsidiaria do Estado.