A xustiza avala que a vítima tardase uns días en denunciar o sucedido por "medo a non ser crida ou incluso a ser xulgada" e lamenta que deixase a carreira militar e renunciase "á súa vocación por ser agredida sexualmente"
O pasado decembro coñecíase unha sentenza emitida por un tribunal militar da Coruña que condenou a sete anos de cadea e expulsión da Armada a un sarxento alumno de terceiro curso da Escola de Especialidades Antonio Escaño de Ferrol por violar unha subordinada de primeiro curso. A defensa do condenado recorreu ante o Supremo esgrimindo diversos argumentos para tentar debilitar a credibilidade da vítima, como posibles intereses espurios tras da súa denuncia. Porén, o alto tribunal ratifica por completo a condena e xustifica que a vítima tardase uns días en denunciar o sucedido por “medo a non ser crida ou incluso a ser xulgada”. A xustiza mesmo lamenta que a moza deixase a carreira militar e tivese que renunciar “á súa vocación por ser agredida sexualmente”.
Na sentenza do tribunal militar da Coruña, que ademais dos sete anos de cadea fixou unha indemnización de 30.000 euros por danos morais, agresor e agredida iniciaran por mutua vontade un encontro sexual nun salón común da escola militar. Ata que outro compañeiro entrou na sala a recoller un ordenador e os interrompeu, momento no que a vítima “decide poñer fin ao encontro”. Pero o agresor “non acepta a negativa” e “contra a súa vontade, é penetrada vaxinalmente”.
Tras eses feitos, a muller volve ao seu cuarto e “aos poucos minutos recibe unha mensaxe” do agresor que lle di: “Entérate mañá, máis che convén non dicir nada, canto menos saiba a xente mellor”. Ela non contesta e catro días máis tarde, xunto dunha compañeira, acode ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol onde queda constancia de diversos hematomas por todo o corpo.
O Supremo ratifica a reflexión do tribunal militar coruñés que considerou que "non existe un manual de comportamento das vítimas dunha agresión sexual"
A condena do tribunal militar coruñés foi recorrida ante o Supremo con argumentos como que se vulnerara a presunción de inocencia do agresor dando credibilidade á declaración da vítima de xeito irracional. A defensa do condenado tentou poñer en dúbida a actuación da muller pola súa demora de varios días en denunciar os feitos, cuestión que o Supremo desbota ratificando que a vítima pensaba que ía ser peor para a súa carreira militar e que foi a súa contorna a que a logrou convencela.
O Supremo avala a reflexión que fixera o tribunal militar coruñés cando no seu momento xustificou que “non existe un manual de comportamento das vítimas dunha agresión sexual, non existe un protocolo de como deben comportarse para seren cridas, e calquera conduta, se ten explicación suficiente, é perfectamente entendible”. Así, o alto tribunal incide en que “tras un feito traumático, como é unha agresión sexual, non pode falarse do que é normal e do que non, pois cada persoa e as súas circunstancias son diferentes e afrontan estas situacións de maneira distinta, sen que haxa un protocolo de actuación ou de comportamento normalizado das vítimas de agresión sexual”.
O Supremo tamén rexeita rebaixar a pena en aplicación da lei de liberdade sexual e di que a condena, cunha ou outra lexislación, é "proporcionada á culpabilidade do suxeito"
Así que o Supremo di que o principio in dubio pro reo, o que di que ante a dúbida debe prevalecer a presunción de inocencia, refírese aos supostos nos que un tribunal ten tales dúbidas, pero que neste caso non as hai.
A sentenza do Supremo tamén rexeita rebaixar a pena en aplicación da reforma penal aprobada o pasado ano a través da lei de liberdade sexual que diversos tribunais interpretaron de xeito favorable a persoas xa condenadas por delitos sexuais. Neste caso, di o tribunal, no que se declarou probado o emprego de violencia sobre a vítima, fose coa aplicación da lexislación previa ou sexa coa nova podíase impoñer a mesma pena, que considera “proporcionada á culpabilidade do suxeito” .