Os delitos contra a liberdade sexual acadan o seu máximo en Galicia na última década, con 81 violacións investigadas pola Policía

Manifestación feminista celebrada en Lugo o 3 de marzo do ano 2019 CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O Ministerio do Interior vén de dar a coñecer a estatística de criminalidade correspondente ao conxunto do ano 2021, uns datos que deben ser analizados tendo en conta o contexto pandémico e de restricións sanitarias que aínda se vivía ao longo do pasado ano e, sobre todo, á hora de facer comparacións co ano 2020, un ano no que o confinamento da primavera fixo descender de forma importante o número de delitos cometidos.

Os delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual levan anos en ascenso. No ano 2021 acadaron un novo máximo, cun total de 707, por riba dos 634 do 2019

Nas cifras totais de delitos rexistrados en Galicia, xaquelogo, hai un importante incremento no ano 2021 con respecto ao ano 2020, que non é tal se comparamos os datos cos de 2019. Así, o número total de infraccións penais o pasado ano (88.255) é moi superior ao rexistrado no 2020 (73.344, un aumento do 20%) pero non medra tanto en relación ás cifras de 2019 (80.024).

Na estatística chama a atención a evolución seguida polos delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual, que levan anos en ascenso, e que no ano 2021 acadaron un novo máximo, cun total de 707, por riba dos 634 do 2019, o que converten o pasado ano no exercicio con máis sucesos deste tipo dende que hai rexistros. Esta categoría delitiva inclúe non só as violacións, agresións sexuais e abusos sexuais, senón tamén a corrupción de menores ou a pornografía de menores, aínda que o número de casos nestes dous apartados apartados é reducido.

Entre estes delitos, 81 foron agresións sexuais con penetración, un grande aumento dende as 61 do pasado ano 2020, e preto do indicador do 2019 (93), o momento no que se acadou o máximo histórico.

No 2021 houbo 81 agresións sexuais con penetración, un grande aumento dende as 61 do pasado ano 2020, e preto do indicador do 2019 (93), o momento no que se acadou o máximo histórico

Na gráfica advírtese o incremento continuado deste tipo de delitos nos últimos anos. As violacións con penetración investigadas pola Policía, que sempre roldaran o medio cento, sitúanse nos tres últimos anos por por riba desa cifra. E o número total de delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual veñen tamén ascendendo, dende os pouco máis de 400 de comezos e mediados da pasada década ata os máis de 700 na actualidade.

No pasado ano 2021 Vigo foi a cidade galega que rexistrou máis agresións sexuais con penetración (13), seguida de Ferrol e A Coruña (7), de Ourense (6), Santiago (5) e Pontevedra (4).

Das 88.255 infraccións penais coñecidas no ano 2021, 19.946 foron estafas cometidas a través de medios telémáticos. Furtos, roubos en domicilios e roubos con violencia descenden con respecto ao 2019

No resto de delitos, os furtos seguen a ser a modalidade máis frecuente, con máis de 15.000 feitos investigados, unha cifra superior á de 2020, pero por debaixo dos datos de 2019. O mesmo sucede cos roubos en domicilios e establecementos comerciais (3.760), por debaixo mesmo do indicador de 2020. Descenden tamén os delitos relacionados co tráfico de drogas e as substraccións de vehículos.

Os delitos de lesións mantéñense en niveis semellantes aos de 2019, mentres que os roubos con violencia e intimidación fóra de vivendas aumentan con respecto aos datos de 2020, pero descenden en relación ao 2019.

Das 88.255 infraccións penais coñecidas no ano 2021, 19.946 foron estafas cometidas a través de medios telémáticos, un tipo de delito que está a aumentar moito nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.