"Non pode haber amparo social e banalización ante as agresións sexuais"

Mobilización contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Entre xaneiro e marzo a policía investigou 13 agresións sexuais con penetración en Galicia, fronte aos 5 casos rexistrados no mesmo período de 2016, segundo os datos do Informe de Criminalidade feito público hai uns días polo Ministerio do Interior. O número de violacións denunciadas non deixou de crecer nos últimos cinco anos. En 2015 foron 54 as agresións sexuais con penetración, sete máis que as 47 que se rexistraran en 2014, e moi por riba das 42 de 2012.

Tamén se vén incrementando en Galicia a frecuencia doutros delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual, que inclúen outro tipo de agresións e abusos sexuais sen penetración, acoso sexual, delitos de contacto mediante tecnoloxía con menores de 13 anos con fins sexuais, exhibicionismo, provocación sexual e relativos á prostitución. O seu número en 2015 (332) era moi superior ao rexistrado en 2014 (287) e 2013 (254). No que levamos de 2017, a cifra tamén se incrementou con respecto ao mesmo período do pasado ano (83 fronte a 77).

Nesta estatística chaman a atención algúns datos, como que (a nivel estatal) a terceira parte (33%) das vítimas de violación teñen entre 18 e 30 anos e que outro 23% contan entre 14 e 17. Así mesmo, en 2015 o 91% das vítimas de violación no Estado español foron mulleres, o mesmo que o 85% das vítimas dos demais delitos contra a liberdade/indemnidade sexual. Á vista desas cifras, non estrañan outras estatísticas, coma a publicada polo IGE en 2015, que indicaba que un 36% das mulleres galegas dicían sentirse moi inseguras ou un pouco inseguras camiñando soas de noite pola zona na que viven, unha porcentaxe que se reducía ata o 16% no caso dos homes. De igual xeito, o 30% dos homes aseguraban sentirse moi seguros, exactamente o dobre que as mulleres (15%).

"Unha muller que denuncia debe sentirse cómoda, debe haber medios para investigar esa denuncia e, finalmente, o que non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións"

"Este tipo de estatísticas non sempre son coñecidas, quedan nun segundo plano. Non chega a todo o mundo que no Estado español se produce unha violación cada oito horas, non todo o mundo coñece o dato de que de cada seis violacións só se denuncia unha. Pero que non exista unha denuncia non quere dicir que non se producise a violación", alerta María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres). "Nós pedimos que todas as mulleres que sofran unha agresión a denuncien, aínda que sabemos que denunciar certas agresións é moi complexo. O problema, ademais, é que os trámites do proceso xudicial son moi lentos. Quen quere converter a súa vida nun proceso xudicial no que, ademais, se sente desprotexida e incomprendida?", di Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega). "Unha muller que denuncia debe sentirse cómoda, debe haber medios para investigar esa denuncia e, finalmente, o que non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións. As agresións sexuais deben ser cuestionadas socialmente en todos os ámbitos: no espazo laboral e no ámbito familiar e de amizade", engade

 

O que se agocha por debaixo das agresións

Estas estatísticas debuxan unha realidade. Con todo, en ocasións non nos permiten albiscar por completo as circunstancias complexas nas que se asentan este tipo de fenómenos: outro tipo de agresións menos rechamantes e un reparto de roles por xénero que asenta os mecanismos de dominación e cousificación e que contribúe á normalización social dos comportamentos denunciados. Nos últimos meses, o proceso xudicial contra os presuntos violadores dos Sanfermíns está amosando en determinados medios de comunicación e nas redes sociais a peor cara destas prácticas: a desculpa aos agresores, a banalización do impacto dos feitos ou a culpabilización da vítima.

"Todos os días sufrimos micromachismos que nada teñen de micro e que levan a que o número de agresións sexa cada día máis grande"

"Hai pequenas cousas que pasan todos os días, actos de todo tipo que non relacionamos con eses outros actos que son denunciados. Todos os días sufrimos micromachismos que nada teñen de micro e que levan a que o número de agresións sexa cada día máis grande", di Montenegro. "Se ti, home ou muller, ao longo da túa vida vas vendo e escoitando certas cousas que te van posicionando nunha situación de poder ou de submisión, despois non sabes discernir se este tipo de relacións son normais ou non, se é lóxico ou non ceder ante certas cousas ou asumir certo tipo de agresións. E todo isto vaise construíndo con milleiros de pequenos actos que se producen todos os días", engade. "Hai certos límites que se traspasan e que non deberíamos permitir. Se un rapaz de 14 anos lle toca unha teta a unha nena, tamén hai que denuncialo. E se cadra a Fiscalía de Menores debe darlle catro pautas a ese neno para que con 20 non cometa unha violación", di.

"Non se quere ser consciente da asignación de roles que se mantén, da cousificación das mulleres e da responsabilidade que nisto teñen os poderes públicos"

"Non se lle dá a este tema a importancia que ten e non se toman medidas para solucionalo. As situacións de acoso son o xermolo de agresións máis fortes e o seu impacto non se valora o suficiente, non se ten en conta o seu efecto na vida diaria das mulleres", sinala Pilar Estévez. "Non se quere ser consciente da asignación de roles que se mantén, da cousificación das mulleres e da responsabilidade que nisto teñen os poderes públicos", afirma así mesmo a representante da Plataforma Feminista, que engade que "o día que asasinan unha muller as institucións e a sociedade si se mobilizan. Pero antes dese asasinato houbo moitos pasos previos, que non se quixeron ver e ante os que non se actuou".

"Ata que sexamos conscientes de que eses micromachismos xeran violadores e xeran vítimas non vai cambiar a situación. Ata que non nos demos conta de que certas cancións son machistas e non se deben escoitar, de que unha nena non pode ser tratada de princesa, de que non podemos ter os roles nas casas tan marcados, non imos acabar coa violencia. Porque está todo interrelacionado, porque é a estrutura que mantén esa relación de poder", subliña Montenegro.

"Hai que educar en valores de respecto, educar para que ninguén invada o espazo da outra persoa, para que todo o mundo sexa consciente de que a outra persoa é libre para andar por onde queira sen ser agredida"

Pilar Estévez propón solucións que pasan pola educación: "Hai que educar en valores de respecto, educar para que ninguén invada o espazo da outra persoa, para que todo o mundo sexa consciente de que a outra persoa é libre para andar por onde queira sen ser agredida". Subliña así mesmo que "os homes deben desaprender". "Os homes tamén son vítimas desa educación patriarcal e machista, que durante anos lles inculcou que debían ser os máis fortes, que debían dominar, que debían esixir o que é seu", di.

 

A culpabilización da agredida

Estévez chama a atención sobre os "debates públicos sobre se o comportamento da muller violada non foi o correcto, sobre se ela coñecía os seus agresores, sobre se ela quería que a violasen ou non"

Montenegro e Estévez tamén fan fincapé nas representacións sociais e mediáticas sobre este tipo de actos, dende os discursos benévolos e exculpatorios sobre os agresores, ata as argumentacións que poñen o foco sobre unha suposta responsabilidade da agredida, presentes mesmo en campañas públicas que -para previr violacións- lles piden ás mulleres que modifiquen os seus hábitos de vida. "Ese tipo de campañas ou consellos poñen o foco de atención enriba nosa, coma se nós fósemos o problema. Nós, que somos a vítima deses feitos, somos convertidas na causa que motiva esas agresións. Coma se as violacións fosen culpa nosa ou coma se nós tivésemos a capacidade de cambiar esta realidade. Ponse o foco enriba noso, e nunca no outro lado, no lado do agresor. Somos nós as que nos temos que medir á hora de realizar certos actos, somos nós as que temos que ter medos, as que temos que poñer límites", denuncia María Montenegro.

Estévez chama a atención igualmente sobre os "debates públicos sobre se o comportamento da muller violada non foi o correcto, sobre se ela coñecía os seus agresores, sobre se ela quería que a violasen ou non" que decote reproducen certos medios de comunicación, que "se dedican a facer espectáculo dunha violación", como vén sucedendo nas últimas semanas ao fío do xuízo aos agresores de Pamplona. "Primeiro, vitimízanos e ademais fannos responsables de que sexamos agredidas, fannos chamamentos a estar vixilantes, a vivir as nosas vidas dunha determinada maneira", denuncia.

"Nós acabamos convertidas nas culpables desa situación, mentres que ao agresor se lle intenta buscar unha razón para a súa agresión. É surrealista"

A representante da MMM destaca que "non estamos en igualdade de condicións, non estamos en igualdade de condicións de coller unha borracheira, non estamos en igualdade de condicións de pasalo ben. Ás veces parece que cando un home ve que estamos empoderadas sexualmente pensa que iso significa que poden irromper nos nosos corpos. É coma se eu deixo a miña carteira ou a miña casa aberta; iso non significa que alguén me poida vir roubar". "Nós acabamos convertidas nas culpables desa situación, mentres que ao agresor se lle intenta buscar unha razón para a súa agresión. É surrealista", resume.

 

Evolución do número de violacións denunciadas en Galicia 2012-2015 Dominio Público Praza Pública
Mobilización contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.