Cinco anos despois do final do conflito en Verín, noutro hospital da mesma área sanitaria, en Ourense, mulleres embarazadas volven mobilizarse contra a xerencia e o Sergas polas deficientes condicións para dar a luz e exixindo garantías para un parto digno.
Hai un lustro, en febreiro de 2020, a Xunta decidiu reabrir o paridoiro que pechara semanas antes logo dunha intensa presión social e resposta cidadá, con importantes manifestacións, un longo peche no hospital comarcal e a resposta firme do persoal do centro.
Daquela, o Sergas decidira pechar a sala de partos argumentando, entre outras cousas, a baixa natalidade e aludindo despois a un suposto "risco" para os bebés e as nais pola "perda de experiencia" e "falta de pericia" dos profesionais, que recibiran con indignación aquelas palabras. A alternativa da xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco era un desprazamento para parir de máis dunha hora ao Materno Infantil da capital provincial. Ata que a mobilización social e profesional acabou por facer recuar á Xunta.

Agora, cinco anos despois, é precisamente o traslado do Materno Infantil ao edificio principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e a falta de "condicións dignas" para o parto nestas futuras instalacións provisionais, que denuncian profesionais e doentes, as que provocan unha nova mobilización contra o Sergas por parte de mulleres embarazadas.
Hai cinco anos, a mobilización cidadá, das nais e dos profesionais freou o peche do paridoiro en Verín; agora, as embarazadas mobilízanse contra o traslado da sala de partos en Ourense
O problema xorde logo de que o Sergas decidise tirar o Materno Infantil para facelo de novo tras as últimas derrubas do falso teito na zona de Pediatría e despois de que desde hai máis dun ano a deterioración fose a máis.
Persoal do servizo de partos do hospital de Ourense recolleu nun informe as eivas das novas instalacións e advertiron de que "comprometen de maneira significativa a calidade da atención obstétrica, a seguridade clínica de mulleres e neonatos e os dereitos fundamentais durante o parto". Denunciaron a existencia de salas de dilatación "divididas por cortinas" e "sen lavabo nin auga corrente" ou de espazos de acceso á sala de partos para nada axeitadas.
Colectivos como Arrolos de Teta, O parto é noso, a Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, a Asociación Galega de Matronas ou SOS Sanidade Pública comezaron as mobilizacións e mesmo tres mulleres embarazadas acompañaron un membro da xerencia do hospital ás novas instalacións, confirmando as denuncias que trasladaran profesionais sanitarios. "Non cumpren as condicións de seguridade, intimidade e dignidade que merecen as embarazadas en Ourense", explican desde as asociacións que lideran unhas protestas ás que o pasado luns se uniu o BNG e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, e que apoian desde o PSdeG ata CIG-Saúde, sindicato maioritario no Sergas.
Diversos colectivos e BNG e PSdeG apoian as demandas das embarazadas que exixen "condicións dignas" para dar a luz e denuncian falta de "seguridade, intimidade e dignidade"
Precisamente, este mércores a central nacionalista e os colectivos mobilizados enviaron varios escritos á xerencia do CHUO e mais do Sergas exixindo —como xa fixeran os colectivos mobilizados ou a propia Pontón— que o traslado (previsto para este mes) dos paridoiros, UCI neonatal, UCI pediátrica, Obstetricia e Urxencias xinecolóxicas "se realice nunhas condicións axeitadas co fin de garantir a calidade asistencial, seguridade laboral para as profesionais e que estas poidan garantir a intimidade das doentes" e que, se non é así, "se paralice ata que todo isto estea garantido".
A Valedora xa admitiu a queixa e pediu información ao respecto a Sanidade
Xa que logo, que se manteñan nas instalacións actuais, que recibiron o visto e prace e o aval de seguridade non hai moitos meses, ata que as novas cumpran cos requisitos exixidos. Ademais, advirten das recomendacións do propio Sergas, da OMS ou doutras institucións sobre as condicións para un parto digno e de todos os atrancos que o traslado supón. Tamén pediron reunións con diferentes administracións e á Valedora do Pobo, que xa admitiu a queixa a trámite e pediu información ao respecto a Sanidade.
Desde a Consellería de Sanidade, ante as críticas, defenden que a área provisional dos paridoiros "suporá unha mellora substancial respecto á situación actual" e aseguran que é "unha falta de rigor e un insulto á intelixencia da cidadanía" cualificar de "improvisado" un traslado e unhas obras "que levan máis de catro meses de trabalo e un investimento de 2,7 millóns", en referencia ao orzamento total para a reconstrución do Materno Infantil.
Pero o informe realizado polo persoal de partos e servizo de espertar sobre as eivas nos novos paridoiros, remitido á dirección de enfermería, é contundente. Advirten de escasa capacidade, de infraestrutura inaxeitada, de falta de baños ou de precariedade nas instalacións, ademais dunha falta evidente de intimidade e de numerosos atrancos para o seu labor.
Parvati Devi, voceira de Arrolos de Teta, un dos colectivos máis activos nas mobilizacións, pregúntase polas "présas" para o traslado cando os partos se seguen a realizar nun espazo "que ten o visto e prace" e no que se garantiu "a seguridade". Ademais, ollando cinco anos atrás ao conflito en Verín, advirte da "relación" entre aquel caso e este. "É un síntoma da precariedade que paira sobre os servizos ás mulleres e á saúde reprodutiva, que sempre son secundarios para as administracións; parece que como non ten ese peso da enfermidade ou da patoloxía, podemos aturar de todo", explica quen lembra que moitas das mobilizadas estes días en Ourense acoden ás protestas "cansas, mesmo con contraccións" e a piques de dar a luz.
"O conflito en Verín e o de Ourense son síntoma da precariedade nos servizos ás mulleres e á saúde reprodutiva, sempre secundarios para as administracións"
"En Verín, nun principio, falábannos de cifras, como se isto fose unha cousa de números e por vivir no rural tivésemos que asumir longos desprazamentos tendo un hospital comarcal; logo atribuíron o peche á suposta falta de pericia e experiencia dos profesionais... Sempre van construíndo un plan de escusas e xustificacións sobre a marcha en función de como responde a poboación, tamén agora", relata Devi, que lembra que é o propio persoal implicado nos partos o que "non está de acordo coas condicións do traslado".
"Hai vinte anos que se sabe que o Materno Infantil precisaba dunha intervención e hai dez que hai derrubas habituais sen que se fixese plan de acción ningún; decidiuse non investir nel porque se sabía que se acabaría demolendo", insiste quen sinala esta circunstancia de "precariedade nos servizos" como "habitual" cando as prexudicadas son mulleres e nais.

"Non nos toca ceder outra vez"
"Sempre íamos tragando", engade Devi, que sinala que moitas veces as reivindicacións polas melloras no Materno esvaecían ante a "necesidade de esquecer" das nais afectadas. "Así que das a luz e na situación que estás, o que queres é esquecer os problemas, esquecer o Materno...Non estás para pelexar". Ata agora. "Non nos toca ceder outra vez", advirte quen lembra que os profesionais e as mulleres, principalmente embarazadas, tampouco cederon en Verín hai cinco anos.
"Á xerencia non lle parece ben que falemos de condicións terceiromundistas, pero gustaríame preguntarlles como teríamos que denominar a un espazo para parir onde non se pode garantir nin tan sequera controlar a luz que entra", pregunta, en sintonía co expresado pola oposición parlamentaria.
“Quero preguntarlle ao señor Rueda se de verdade considera que, en pleno século XXI, as mulleres de Ourense teñan que parir nunhas condicións que son terceiromundistas, se realmente considera normal que as mulleres teñan que parir nunha zona onde non hai lavabos nin auga corrente, se considera que unha muller durante o seu proceso de dilatación pode estar nunha sala na que non ten a máis mínima intimidade”, preguntouse Ana Pontón, voceira nacional do BNG.
Desde o PSdeG, a súa portavoz de Sanidade no Parlamento, Elena Espinosa, denunciou tamén a situación. “Rueda pode dicir o que queira, pero hoxe en Galicia hai mulleres parindo sen auga quente”, advertiu sobre un conflito no que o PP e a Xunta volven quedar sós. Como hai cinco anos en Verín.