O hospital de Verín rolda os 500 nacementos desde que reabrira o paridoiro que a Xunta pechou hai cinco anos. Este servizo e mais o de pediatría permaneceron inactivos durante os meses de decembro de 2019 e xaneiro de 2020 tras a decisión do Sergas de clausurar a sala de partos, o que provocou unha masiva e histórica mobilización cidadá e a resposta firme do persoal do centro hospitalario.
Desde que, logo da presión social, reabrira o paridoiro o 4 de febreiro de 2020, son xa 485 os pequenos e pequenas nados no hospital comarcal de Monterrei, segundo os datos ata finais de 2024 facilitados polos profesionais do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do centro. Unha cifra á que habería que engadir os once que tiveron que ser derivados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) en xaneiro de hai cinco anos, o que elevaría a practicamente 500 os nacementos nunhas instalacións nas que a Xunta decidira que non se podía nacer. Ata que rectificou.

O hospital de Verín atendeu case 500 partos desde que a Xunta reabriu o paridoiro forzada pola intensa mobilización cidadá contra un peche que durou dous meses
Foi hai un lustro. Unha masiva resposta cidadá, con importantes manifestacións e un longo peche no hospital, rebelábase en Verín e comarca contra unha decisión que o Sergas argumentaba, entre outras cousas, pola baixa natalidade. A reducida cifra de nacementos provocaría, segundo o daquela xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, un "risco" para os bebés e as nais pola "perda de experiencia" e "falta de pericia" dos profesionais, que recibiron con indignación aquelas palabras.
Mesmo aludiu o Executivo autonómico a unha recomendación do Ministerio de Sanidade para xustificar o peche da que obviaba as excepcións "por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade". Todo cando a única alternativa que ofrecía o Sergas ás nais embarazadas era un desprazamento de máis dunha hora ao hospital de Ourense para parir. O destino quixo que, ás poucas semanas de ordenar o peche, mesmo unha concelleira do PP dese a luz en Verín ao desaconsellar os médicos o seu traslado a Ourense, como indicaba o protocolo que o goberno do seu partido en Santiago viña de impoñer.
A Xunta xustificara a decisión na "falta de pericia" do persoal pola baixa natalidade para logo recoñecer a dificultade de atopar pediatras e apoiarse nas sinaturas ao seu favor de persoal médico de Ourense
O persoal de Verín acusou a Consellería de Sanidade de agochar as verdadeiras motivacións do peche: a deficiente organización, a falta de pediatras derivada desta e unha xestión baseada na rendibilidade económica e nos recortes que favorecía as áreas urbanas e prexudicaba as menos poboadas. O propio Goberno galego acabou asumindo que a incapacidade de atopar profesionais de Pediatría era o motivo fundamental da súa decisión.
Pero houbo máis. Os 44 pediatras e xinecólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) asinaran daquela un documento onde apoiaban a decisión da Xunta. Todos eles, como lembraba e lembra o persoal de Verín, estaban directamente afectados, tanto polas gardas que debían realizar en Verín e que non estaban incentivadas, como pola posibilidade de que a redución do número de partos na capital provincial provocase que quedasen sen as residencias dos facultativos MIR (Médico Interno Residente). Mesmo Núñez Feijóo sinalara aquelas sinaturas como o argumento que máis pesaba na decisión do seu goberno. As feridas tras aquela postura aínda non curaron de todo entre compañeiros de área sanitaria.
"A resposta social da xente en Verín foi extraordinaria e síntome orgulloso", di Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía expedientado logo polo Sergas
Logo de 63 días clausurado, coa cidadanía mobilizada e pechada no hospital, a Xunta decidiu reabrir o paridoiro e as urxencias pediátricas tras a incorporación dunha nova pediatra. Alcaldes da provincia de todos os partidos, tamén do PP, rexeitaran a medida da Xunta e mesmo o daquela o líder provincial dos populares e presidente da Deputación, Manuel Baltar, chamara a "reverter" a situación.
"O que fixo a xente de Verín e de toda a comarca aqueles días foi algo extraordinario; a resposta social fixo que me sentise moi orgulloso e que aínda o siga estando hoxe", di Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín. Na súa opinión, aquel conflito non só supuxo unha vitoria pola reapertura do paridoiro, senón tamén pola "concienciación da cidadanía".
"A Xunta quedou escaldada; non sei se o Sergas se atrevería agora a facer algo como o que fixeron, saben que terán toda a poboación en contra"
"Decatáronse da importancia de manifestarse, de defender servizos básicos, pero tamén de que a presión social pode conseguir resultados", insiste quen cre que a mobilización "de xente de toda clase, ideoloxía e partido" é clave tamén agora na postura da Xunta. "Quedou escaldada; non creo que, polo momento, lle queden moitas ganas de intentar pechar un servizo tan fundamental porque sabe, tamén, que volverá ter toda a poboación en contra", insiste Castrillo.
"O apoio da xente foi o máis rechamante e positivo daquilo, non ten parangón... Manter tanto tempo o peche e a mobilización foi exemplar. Á Xunta fíxolle moito dano e aquela resposta cidadá foi o que logrou a reapertura", explica Rogelio Viñán, xinecólogo tamén no hospital de Verín, que coincide co seu compañeiro. "Non sei se agora o Sergas se atrevería a facer algo como o que fixeron; xa asumiron que o número de partos vai ir decaendo, pero pasa aquí, nun lugar xa despoboado, pero tamén en Ourense ou en Vigo", reflexiona.
Castrillo, referente da mobilización contra o peche, sufriu mesmo a apertura dun expediente disciplinario que el cualificou de "vinganza" e que foi arquivado catro anos despois. "Malia o custo persoal, volvería facer o mesmo", di un dos tres xinecólogos que traballan nun hospital que atende un número de nacementos acorde á curva en descenso da natalidade e con cifras mesmo superiores aos anos inmediatamente anteriores á decisión do peche por parte do Sergas.
Unhas cifras que, como lembra Javier Castrillo, demostran que as razóns polas que se quería pechar a sala de partos eran outras. "Obviamente, roldar os 80 partos anuais é unha cifra baixa, pero á xente hai que darlles servizos e este é un servizo que está funcionando e que o fai ben. Quitar un servizo coma este é algo delicado e moi serio", di quen lembra que a tendencia no descenso da natalidade é común.
"A xente ten dereito a uns servizos básicos; se os quitas, marchan e se marchan, as administracións teñen o argumento para suprimilos"
Así, e segundo datos do Sergas, o descenso do número de partos no hospital de Verín en 2023 —último ano cos datos completos en todas as áreas— respecto de 2020 foi de case o 22%. Pero no de Valdeorras rolda o 38%, na Mariña o 15% e no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, con toda a área urbana que abrangue, supera o 11%.
"A tendencia é a que é e non chama a atención; Ourense é a provincia máis envellecida e eu nunca vin pasar en Verín dos 140 partos anuais. A partir da crise de 2008, moita xente nova emigrou e a cousa foi a peor, pero tamén no CHUO, na capital provincial, onde non hai moito pasaban de 1.500 e agora están preto de baixar do milleiro", engade Rogelio Viñán.
"O problema é xeral e común nas zonas rurais e máis despoboadas, un círculo vicioso. Se quitas servizos, a xente marcha e se a xente marcha, as administracións argumentan na falta de poboación a supresión de servizos que son básicos e teñen que prestar", insiste Viñán nunha reflexión que acompaña Castrillo.
"A xente ten dereito aos servizos básicos"
"A asistencia sanitaria é clave para manter o rural e hai unha cousa tan evidente como importante: a xente ten dereito a ter ese e outros servizos básicos. O problema último de todo é o abandono do rural, a clave de todo. Hai que facer algo, ou é que todos imos ir vivir á Coruña, a Vigo ou a Madrid? A xente, viva onde viva, ten dereito a uns mínimos servizos e hai que dárllelos", di o xefe de Xinecoloxía.
"Os profesionais sanitarios non queren vir ás zonas rurais ou despoboadas; é un traballo cómodo, non hai tanta lista de espera pero a xente quere estar no centro do universo"
"Hai que impulsar incentivos para que os profesionais veñan ás zonas menos poboadas e o Sergas e outros sistemas sanitarios seguen a ter ese problema de non saber xestionar a descentralización de servizos cando todo o mundo quere ir ás cidades ou ás áreas urbanas", engade Viñán, que lembra que "se xubilan máis médicos dos que entran na carreira".
"O certo é que ninguén quere vir ás zonas rurais ou menos poboadas e os primeiros que sufriremos as consecuencias seremos os hospitais comarcais; é un traballo cómodo, non hai tantas listas de espera, vívese ben... Pero a xente quere estar no centro do universo", di Viñán, que pide ás administracións que afronten de vez o "problema". Castrillo, pola súa banda, advirte: "Se fas as cousas ás bravas, como fixo o Sergas aquí hai cinco anos, vas ter a xente en contra, pero todos sabemos que hai xeitos máis sibilinos de ir deixando morrer un hospital ou unha comarca".