O Sergas propón sancionar por "falta grave" o xinecólogo que liderou a protesta polo peche do paridoiro de Verín

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

O Sergas propón sancionar por unha "falta grave" o xefe de servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín. A instrutora do expediente disciplinario aberto a Javier Castrillo, un dos referentes da mobilización contra o peche do paridoiro no hospital comarcal, propón á Consellería de Sanidade que sexa sancionado con dous días de suspensión de funcións tras a discusión que o 1 de decembro de 2019, en plena polémica pola decisión da Xunta da clausura da sala de partos, mantivo cunha compañeira pediatra ao negarse ao traslado a Ourense dun neonato. 

A instrutora do expediente propón sancionar a Castrillo con dous días en suspensión de funcións por unha "falta grave"

Na proposta de sanción, á que tivo acceso Praza.gal, a instrutora do expediente propón que se declare a Javier Castrillo "autor dunha falta grave" tipificada no Estatuto Marco do persoal estatutario sanitario por "grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou usuarios", e que sexa sancionado con dous días de suspensión de emprego e soldo. 

Javier Castrillo, con compañeiras no servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, nunha imaxe de arquivo previa á pandemia © Xosé Lois Colmenero

Castrillo dispón agora de dez días para presentar alegacións á proposta asinada o pasado 17 de febreiro por unha das inspectoras médicas do Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios do Sergas, que mantén a consideración de "falta grave" o que o médico afectado considerou sempre unha "diferenza de criterio" habitual no seu labor profesional. 

O xinecólogo considera "inexplicable" que o Sergas siga "cualificando como falta grave o acontecido"

Malia que a proposta opta por unha sanción mínima, xa que había a posibilidade dunha suspensión de funcións de ata dous anos ou o traslado forzoso durante un máximo de 24 meses a outra localidade, Castrillo cre "inexplicable" que o Sergas continúe a "cualificar como falta grave o acontecido", sobre todo, di, tendo en conta as declaracións e o relato dos feitos que acompañan o expediente. 

Precisamente, e durante o curso do procedemento aberto, a pediatra á que Núñez Feijóo fixeron responsable do expediente aberto a Castrillo declarara que seguira ordes do Sergas

Castrillo prevé acudir á xustiza ordinaria de manter o Sergas a sanción por falta grave

"Aínda que fose real todo o que di a pediatra, que non o é, non ten sentido que se considere falta grave", di Castrillo, que asegura, ademais, que "ninguén apoia esa versión". "Quixeron recuar sen recoñecer que se equivocaron e, quizais, porque pensan que con esa mínima sanción xa non me paga a pena seguir loitando", di. 

Si o fará. O xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín anuncia que presentará alegacións e que, no caso de que o Sergas manteña a sanción por falta grave, ten pensado acudir á xustiza ordinaria. "Porque non é xusto e porque non teño por que ter antecedentes deste tipo no meu expediente", aclara. 

Detalle da acta de comparecencia da doutora de Verín sobre o expediente ao doutor Castrillo, onde declarara que seguira ordes do Sergas CC-BY-SA Praza Pública

"É inxusto e é unha chafullada, pero sigo pensando que sobre todo é unha vinganza por ter sido un estorbo para os plans que tiñan algúns dirixentes do Sergas", conclúe quen xa denunciara o que consideraba represalias pola súa oposición ao peche do paridoiro, do que se vén de cumprir un ano. O expediente aberto, ademais, reactivou en Verín a defensa da sanidade pública. 

Coñecida a proposta disciplinaria do Sergas, desde o BNG a súa deputada Noa Presas cualificou de "inaceptable" calquera sanción ao doutor Castrillo e demandou o arquivo do especiente e as "desculpas do PP". 

A parlamentaria nacionalista considera que "a única saída admisible é que se retire o expediente, que a sanción non sexa nin dun minuto nin un só euro e que o PP pida desculpas por ser a man escura desta persecución".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.