A médica á que Feijóo fai responsable do expediente ao xinecólogo de Verín afirma que seguiu ordes do Sergas

Manifestación na defensa do doutor Castrillo ante o hospital de Verín e detalle da acta de comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Hai pouco máis dunha semana, o Sergas abriu un expediente disciplinario contra Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín e un dos referentes da mobilización que se levou a cabo en protesta contra o peche do paridoiro no hospital comarcal. O proceso aberto podería supor a súa inhabilitación, logo de que o pasado 30 de novembro de 2019 mantivese unha "diferenza de criterio", segundo di, cunha compañeira pediatra, tras negarse ao traslado a Ourense dun neonato. O afectado considera, tal e como explicou en Praza.gal, unha "vinganza" esta acción disciplinaria e sinalou sobre todo, sen citalo, o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial como impulsor do "desquite" pola loita de profesionais e cidadanía que fixo recuar a Xunta, que acabou reabrindo a sala de partos. 

Feijóo asegurou que non había "ningún expediente", senón "unha denuncia dunha pediatra sobre un xinecólogo"; a doutora desmente esa versión

Preguntado o pasado 26 de novembro por esta suposta "persecución" contra o doutor Castrillo, Feijóo negouno con contundencia. "Aquí hai un erro. Non é ningún expediente disciplinario, é unha denuncia dunha pediatra sobre un xinecólogo por entender que foi tratada de forma absolutamente inaceptable ante unha familia". O presidente da Xunta sinalou a profesional como impulsora do expediente, descargou nela toda a responsabilidade e mesmo negou a categoría punitiva do proceso, pero ela mesma bota abaixo esta argumentación e desmente o xefe do Executivo galego. 

Detalle da acta de comparecencia da doutora de Verín sobre o expediente ao doutor Castrillo CC-BY-SA Praza Pública

"O informe naquel momento non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo quen falou con xerencia e pedíronme que o fixese", aclara a pediatra

Fíxoo na declaración a que a pediatra implicada no caso realizou ante a Inspección de Servizos Sanitarios da xefatura territorial da Consellería de Sanidade de Ourense, cuxa transcrición se inclúe no expediente disciplinario aberto contra Castrillo o pasado 5 de novembro. Na acta de comparecencia, esta doutora --enviada desde Ourense a Verín aquel 30 de novembro de hai un ano-- asegura que o informe no que se describen os feitos acontecidos aquel día non foi cousa súa, senón do seu xefe de servizo, que actuou logo de consultar coa xerencia da área sanitaria

Ante a pregunta de "a quen deu traslado do escrito no cal se describen os feitos obxecto desta información reservada", a pediatra é clara: "Á xerencia a través do meu xefe de servizo", responde. "O informe naquel momento non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo quen falou con xerencia e pedíronme que o fixese", explica, tal e como se pode ler no documento ao que tivo aacceso Praza.gal. 

Xa que logo, a profesional especialista en pediatría afirma que foi Santiago Fernández Cebrián, xefe de Pediatría do CHUO, quen lle ordenou facer o informe sobre aquela discusión con Javier Castrillo e que tanto el como a xerencia, en mans de Félix Rubial, foron os que lle "pediron" que o levase a cabo. 

Feijóo insistiu este mércores en que non se iniciou "ningún expediente contra ninguén" e que hai "unha denuncia dunha facultativa contra outro facultativo"

O relatado pola pediatra contradí a versión de Feijóo, que negou que se "perseguise" a ningún médico. "Hai unha denuncia dunha pediatra, iníciase un expediente, tómase declaración á denunciante, ao denunciado, a outras persoas e faise unha proposta. É compatible con apoiar o xinecólogo, a súa tese ou a súa actividade asistencial", explicara o presidente da Xunta a semana pasada sobre un proceso que cualificou como "garantista por ambas partes". 

Este mesmo mércores, preguntado polo proceso aberto, reafirmouse malia o coñecemento da declaración da pediatra. "Nós non estamos iniciando ningún expediente contra ninguén, hai unha denuncia dunha facultativa contra outro facultativo e estámola tramitando administrativamente", insistiu. 

"Non é necesario manipulalo todo. Non prexulgamos nada, só tramitamos a denuncia dunha pediatra contra o xinecólogo", insistira Feijóo hai unha semana sobre uns feitos que non foron así, polo menos tendo en conta a declaración da pediatra implicada, que advirte de que foi impulsado polos seus superiores e, precisamente, polo xefe de servizo e o xerente da área sanitaria aos que sinalou o propio Castrillo, así como distintos profesionais de do hospital de Verín e a cidadanía mobilizada. 

O expediente disciplinario, como denuncian afectado e profesionais, foi impulsado polo xerente, Félix Rubial, e polo xefe de Pediatría, Santiago Fernández Cebrián

Neste mércores, Feijóo volveu tirar de argumento. "En sanidade sería bo poñer algún límite á demagoxia, algún límite; xa non pido que non se faga demagoxia, pero que se poña algún límite", asegurou, advertindo de que "non pasas nada" cando a suposta denuncia da pediatra contra un compañeiro "ocorre noutros hospitais". "Cando ocorre en Verín, si; a política e a sanidade non fan unha boa maridaxe", engadiu. 

Precisamente, este pasado luns, persoal sanitario, representantes políticos e veciñanza manifestáronse ante o centro hospitalario verinense para solicitar a "dimisión" ou "cesamento" de Félix Rubial e amosar o seu apoio a Javier Castrillo, que cualificou de "indignos" os motivos esgrimidos polas persoas impulsoras do expediente. 

"Se o que eu fixen foi unha falta grave, tería que haber cen expedientes todos os días porque discrepancias nos hospitais hai sempre", dixo o xinecólogo, que asegurou que, logo de estudar e documentarse máis sobre o caso, que a decisión tomada polos profesionais de Ourense de trasladar o pequeno era "totalmente cuestionable". Ademais, anunciou que presentará en breve as súas alegacións a un proceso que seguirá coa súa declaración ante Inspección o vindeiro venres en Ourense.

"Non creo que os facultativos se deixen presionar para presentar unha denuncia", di Feijóo, que insiste en que o Sergas non impulsou ningún expediente

Pero Feijóo insistiu na rolda de prensa deste mércores: "A Xunta non abre ningún expediente contra ninguén, hai simplemente unha denuncia administrativa que ten o trámite que corresponde. Espero e desexo qeu se aclare de forma rápida". En referencia ás posibles presións recibidas pola pediatra para abrir o proceso contra o xefe de Xinecoloxía de Verín, o presidente da Xunta asegurou que "evidentemente" non as houbo. 

"Nin me consta nin coñezo de forma directa nin indirecta ningún tipo de presión. Non creo que os facultativos se deixen presionar para presentar unha denuncia", rematou, insistindo no argumento que considera o proceso disciplinario aberto unha denuncia particular dunha profesional e non un expediente a instancias da xerencia da área sanitaria de Ourense. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.