O Sergas mantén ocultos un ano despois os informes técnicos que esgrimiu para pechar o paridoiro de Verín

José Luis Doval, Félix Rubial e Santiago Fernández, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Sergas

O hospital de Verín superou os cen nacementos neste ano. Logo do peche do paridoiro e do servizo de pediatría en decembro e xaneiro pasados, revertido pola Xunta tras a mobilización social, o número de partos no centro público superou xa o dos últimos dous anos e situarase, a final de 2020, entre as mellores cifras do último lustro. 

O servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital de Verín reclamou hai nove meses por carta os supostos informes técnicos, que seguen sen recibir

Alcanza o hospital verinense os 103 nacementos na semana na que se coñece a apertura dun expediente, por parte do Sergas, ao xefe de Xinecoloxía do centro, Javier Castrillo, logo de opoñerse ao traslado dun neonato a Ourense hai un ano e despois de que tornase nunha das caras máis visibles na loita poña permanencia do paridoiro. 

El foi, xunto co resto do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital comarcal, quen hai nove meses solicitou ao Sergas os supostos informes técnicos nos que a Consellería de Sanidade dixo basear a decisión de clausurar a atención aos partos e as urxencias pediátricas no centro, reactivadas o pasado 4 de febreiro logo de dous meses de protestas e de varias e diferentes xustificacións esgrimidas pola Xunta

Félix Rubial escoita unha intervención do xa ex-conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, na súa etapa como xerente da EOXI de Vigo CC-BY-SA Xunta

Castrillo, agora expedientado, advertira do "prexuízo, estigma e dano" causado polos argumentos empregados polo Sergas para pechar a sala de partos

Daquela, Javier Castrillo --e outros profesionais-- advertiron do "prexuízo", "estigma" e "dano" que na súa imaxe e no seu "prestixio profesional" causaran varios dos argumentos empregados polo Sergas e a propia Xunta. Días despois, todo o servizo --xinecólogos e matronas-- reclamaron por carta uns informes técnicos que, nove meses despois, continúan sen facerse públicos nin entregarse aos profesionais que foran sinalados. 

"Non nolos proporcionan porque, sinxelamente, non existen nin nunca existiron", di un dos membros do servizo de Xinecoloxía, que insiste na advertencia que en febreiro facían xa os profesionais: "Seguirán sen amosalos porque non os hai". "É sorprendente este silencio administrativo", engade. 

Consultada a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras sobre a existencia deses informes, Praza.gal agarda aínda resposta. O escrito dos profesionais do hospital comarcal, ía dirixido a Félix Rubial, xerente da EOXI, e que xunto a José Luis Doval, xefe de Xinecoloxía do CHUO, e Santiago Fernández, responsable de Pediatría no mesmo Complexo, anunciaran o peche do paridoiro.

Feijóo advertira de que a clausura da atención aos partos estaba avalada "por 44 técnicos e os seus informes correspondentes", que nunca foron amosados

O escrito lembraba que Doval e Fernández xustificaran a clausura da atención aos partos en base a "criterios de calidade asistencial e das recomendacións das principais sociedades científicas de xinecoloxía e pediatría, así como nas recomendacións do propio Ministerio de Sanidade". 

Aquela xustificación para o peche fora logo asinada, "avalando a decisión e os motivos da mesma", por 44 profesionais de ambos servizos e o documento "mostrado publicamente no Parlamento polo presidente da Xunta, que reiterou en numerosas ocasións que o peche estaba avalado por 44 técnicos e os seus informes correspondentes". 

Concentración ante o hospital de Verín contra o peche do paridoiro © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei

"Non nos proporcionan eses informes técnicos porque, sinxelamente, non existen nin nunca existiron"

Mesmo o presidente da Sociedade Galega de Xinecoloxía e Obstetricia, lembraban, "afirmou publicamente ter recibido un 'traballo sesudo e moi ben elaborado" de responsables dos devanditos servizos do CHUO e que non tiña 'discusión científica". No entanto, nunca foi feito público nin enviado aos profesionais de Verín. Nin ese documento nin a recomendación técnica que disque avalaba aquel peche, que foi finalmente xustificado pola Xunta e o propio Feijóo pola ausencia de pediatras. 

"Nunca en 25 anos tivemos un problema no hospital, a nosa calidade asistencial é destacable e o número de queixas con respecto a outros centros é inferior á media", lembran fontes profesionais, que din estar "convencidas" de que "non hai ningún informe técnico nin científico que xustificase aquel peche".

Os xinecólogos e as matronas de Verín lembraban pouco despois da reapertura do paridoiro que, mesmo na reunión mantida no salón de actos do centro para anunciar a clausura a finais de novembro, responsables do CHUO "aludían como causa do peche á falta de pericia dos profesionais do servizo de obstetricia do hospital comarcal e ao conseguinte risco que isto supuña para as mulleres da comarca". E advirten de que se chegou a asegurar que o paridoiro "non reunía criterios de seguridade e calidade para continuar coa atención ofrecida ata daquela", cando mesmo sen as urxencias pediátricas atendéronse varios partos sen complicación ningunha. 

Con todo, nunca ningún informe sobre aquela situación foi feito público nin enviado aos profesionais de Verín, que reclamaron eses documentos ou "a evidencia científica que se supón que os sustenta". Nove meses despois, seguen sen aparecer, e os profesionais de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital comarcal non descartan levar a cabo outras accións legais polos "prexuízos" e o "estigma" que din que aquelas declaracións de responsables do Sergas e da Xunta lles provocaron. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.