"Os verinenses pensaron que o PP merecía gobernar", di Feijóo sobre o expediente ao xinecólogo de Verín

Feijóo durante a súa intervención no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente acusa a Pontón de querer que enfermos de COVID saian á rúa e a Caballero de negacionismo da violencia machista

“O 48,5% dos verinenses pensaron que este partido merecía gobernar”. Esa foi a resposta que deu este mércores o presidente Feijóo á interpelación que lle fixo o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, polo expediente que a Xunta abriu ao xinecólogo que liderou hai un ano as protestas contra o peche do paridoiro do hospital comarcal. Fíxoo nunha sesión de control ao Goberno galego no Parlamento que novamente tornou en sesión de fiscalización da oposición, ao acusar á portavoz do BNG, Ana Pontón, de supostamente querer que enfermos de COVID-19 saian á rúa e a Caballero de negacionismo da violencia machista.

Gonzalo Caballero, este 25 de novembro de 2020 na sesión de control do Parlamento © Parlamento de Galicia

Tanto na vila de Verín como na súa comarca o PP caeu dez puntos nas eleccións de xullo a respecto das de 2016

Foi Caballero, que tiña rexistrada unha pregunta sobre as actuacións da Xunta en materia de loita contra a violencia de xénero, quen comezou a súa intervención censurando recortes de servizos para as mulleres como o intento de peche do paridoiro de Verín hai un ano e reclamou que o Goberno galego rectifique a súa decisión de abrir un expediente ao xinecólogo que encabezou aquelas mobilizacións. Foi na súa resposta cando Feijóo lembrou o resultado electoral do PP en Verín o pasado 12 de xullo fronte ao do PSdeG, citando unha porcentaxe de voto, 48,5%, que se corresponde cos resultados na comarca, onde os populares caeron dez puntos a respecto de catro anos antes. Do mesmo xeito, na vila de Verín o 41% obtido polo PP foi 11,6 puntos menos que nos comicios de 2016.

"Sexa un pouco menos soberbio", dixo Feijóo a Caballero, ao que acusou de negacionismo da violencia de xénero por negar actuacións da Xunta para loitar contra ela

Tras presumir dos resultados electorais en Verín, Feijóo cargou contra a intervención de Caballero a respecto da violencia machista. “Sexa un pouco menos soberbio e fale con máis sentido desta lacra social”, díxolle ao socialista, ao que acusou de negacionismo do problema porque, argumentou, “negacionismo non é só daqueles partidos que negan a violencia de xénero senón tamén dos que negan aos demais o seu compromiso coa violencia de xénero”.

Acto das deputadas e dos deputados do BNG polo día internacional da eliminación da violencia contra a muller de 2020 CC-BY-NC-SA BNG

O presidente acusou a Pontón de querer que os enfermos de coronavirus poidan saír á rúa e ao tempo censurou que o BNG queira un "confinamento xeneralizado"

Pola súa banda, Pontón preguntou a Feijóo pola actuación da Xunta ante a pandemia do coronavirus e criticou que a nova lei sanitaria que vén de propoñer o PP ao Parlamento se centre ao seu ver en sancionar á cidadanía. A resposta de Feijóo foi considerar que Pontón defende que os enfermos de coronavirus poidan saír á rúa, pero ao tempo tamén acusou ao BNG de querer un “confinamento xeneralizado” da poboación. “Cal é o comité de expertos do BNG?”, rematou Feijóo unha sesión á que os deputados e deputadas do PP asistiron con máscaras de cor lila.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.