"Foi unha vinganza; xa me advertiran de que gardase ben as costas"

Javier Castrillo, con compañeiras no servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, nunha foto de arquivo © Xosé Lois Colmenero

O Sergas vén de abrir un expediente disciplinario contra Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín e un dos referentes da mobilización que se levou a cabo en protesta contra o peche do paridoiro no hospital comarcal. O proceso aberto podería supor a súa inhabilitación, logo de que o pasado 30 de novembro mantivese unha "diferenza de criterio", segundo di, cunha compañeira pediatra, e despois negarse ao traslado a Ourense dun neonato. Agora, case un ano despoi, o Sergas considera unha falta grave aquel suceso e sinala un profesional que se significou abertamente contra a decisión de clausurar a sala de partos no seu centro hospitalario. O doutor considera a decisión unha "vinganza" e lembra as ameazas que recibiu de instancias superiores ao estoupar o conflito. "As mesmas persoas que falaron da falta de pericia dos profesionais son os que están, moi probablemente, detrás de todo isto", asegura. 

Cre que o expediente que lle abriron é unha vinganza ou desquite por ter sido unha das caras visibles na loita contra o peche do paridoiro?

Creo que si, non ten outra explicación. O que ocorreu non ten substancia como para incoar un expediente, e hai que ter en conta que eu xa recibira avisos, no seu momento, de que gardase ben as costas: non direi de quen chegaron eses avisos, pero foron de persoas xerarquicamente moi por riba de min. 

"O expediente é unha vinganza, non ten outra explicación; xa recibira avisos de cargos superiores a min"

O expediente alude á súa negativa a trasladar un neonato a Ourense...

Foi unha diferenza de criterio, algo que ocorre en calquera traballo e todos os días. Un dos motivos polo que incoan o expediente é porque, supostamente, eu fun contra os protocolos dun servizo, e iso non é verdade. Cuestionei o feito de que se trasladase un bebé que a todas luces parecía que estaba totalmente san. E trasladeilles aos pais que os que tomaban finalmente a decisión e a última palabra eran eles ou, no caso de que se quixese forzar, tería que intervir un xuíz. Se de verdade había uns motivos médicos reais, podería ter intervido a Xustiza. 

Mobilización contra o peche do paridoiro no Hospital de Verí © XCG

Pero o pequeno acabou sendo trasladado...

Os pais dixeron que non se movía e, ao pouco tempo, deberon ergurese teléfonos desde outros niveis ata que se fixo vir aquí un dos responsables desde Ourense e o pequeno foi trasladado, si. É máis cuestionable o que fixeron eles, presionar daquela maneira os pais, que o que eu fixen. O único que houbo foi unha discrepancia de opinións cunha compañeira, nada máis. 

"Tíñanme ganas; houbo persoas que non asimilaron que a xente acabase torcendo a súa vontade e que fosen cuestionados os seus criterios e mandatos"

Alude sempre a instancias superiores. Cre que lle tiñan ganas?

Si, creo que si. Houbo persoas que non asimilaron nin foron quen de entender que a xente, e non eu aínda que fose unha cara máis visible, foi a que acabou por torcer a súa vontade. Esas persoas non foron capaz de aceptar a vontade dunha maioría enorme de xente e de que os seus criterios e mandatos fosen cuestionados. As mesmas persoas que viñeron dicindo que se pechaba un paridoiro por falta de pericia dos profesionais son os que están, moi probablemente, detrás de todo isto. 

Cre que a decisión de incoarlle o expediente vén de máis aló da área sanitaria de Ourense, de máis arriba?

Non o creo. As persoas que viñeron aquí a dicir que non tiñamos pericia, sobre todo dúas delas, son os que, na miña opinión, argallaron isto. Un deles díxome no seu momento que gardase ben as costas e iso soa a ameaza. É posible que estivesen esperando a que pasase algo, nin tan sequera a que cometésemos un erro, porque se iso ocorrese eu tería o inimigo dentro da casa, igualiño que o teño agora. 

Na loita contra o peche, vostede participou en roldas de prensa xunto a líderes políticos da oposición ao goberno do PP na Xunta. Cre que iso tamén lle puido pasar factura?

Probablemente haxa algo diso, algo de vinganza política tamén. Pero, se reparamos, eu aparecín na prensa con todos, con todos os políticos que viñeron defender o paridoiro. Tamén recibín certo apoio e boas palabras do presidente da Deputación de Ourense e líder do PP na provincia, Manuel Baltar. Non son amigo del nin me une nada con el, pero se despois de apoiarme nunha reunión, como así fixo, vén á porta do hospital, eu tamén me tería feito unha unha foto con el igual que a fixen con Gonzalo Caballero, con representantes de En Marea ou con quen fose... Non apoiei especificamente ningún partido nin organización, pero si que creo que todo aquilo puido ser un leit motiv importante para o que pasou despois. 

"Non apoiei ningún partido e fixen fotos con todos os que viñeron defender o paridoiro, pero pode que haxa algo de vinganza política tamén"

Un ano despois de iniciarse o conflito, o Hospital de Verín recuperou parte do servizo. Funciona con normalidade?

Temos un pediatra adscrito ao hospital e outra pediatra de Atención Primaria que atende os partos. Con estes dous imos cubrindo, pero seguimos moi en precario e precisaríamos, como mínimo outro pediatra ou dous máis para ter un servizo que nos permitise cubrir gardas, ter unha consulta, poder marchar de vacacións sen que o servizo que de descuberto... Para un servizo normal, vaia. Non lle podo dicir se non atoparon outro profesional máis ou non se buscou, pero si podo dicir que neste período de tempo o Sergas si que o atopou para o hospital do Barco de Valdeorras. 

"Seguimos moi en precario; precisaríamos un ou dous pediatras máis para ter un servizo normal en Verín"

Visto en perspectiva, cal cre que foi o motivo principal para que o Sergas intentase aquel peche que finalmente non se deu?

Como en todas as cousas, cadaquén leva a auga polo seu rego... E motivos hai varios. O xerente tiña uns motivos, probablemente económicos, e buscaba arranxar un problema xerado en Pediatría, onde tiñan dificultades para cubrir o servizo, con profesionais que viñan de Ourense de mala gana e que xa presentaran querelas por ter que acudir a hospitais comarcais. O xefe de servizo de Pediatría tería motivos semellantes, pero ademais, e ante o descenso xeneralizado do número de partos, víñalle moi ben contar cos cento e pico partos de Verín para poder xustificar unha dotación de persoal establecida nunha época co dobre de nacementos. En canto ao servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, pois o mesmo: era un servizo dotado para unha época de 2.000 partos e agora teñen 1.000; xustificar o mesmo persoal nesta altura é máis complicado. Víñanlles moi ben os nosos partos... Pero se tivesen sido os do Barco de Valdeorras, exactamente igual. 

Cidadanía celebrando a reapertura do paridoiro de Verín © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei / Cedida

"Se o Sergas chega a ter éxito na acometida contra o Hospital de Verín, o seguinte sería o do Barco de Valdeorras"

Cre que a mobilización en Verín supuxo algo máis que deter o peche do paridoiro na vila?

Se o Sergas chega a ter éxito nesta acometida que fixo contra o Hospital de Verín, logo tocaríalle ao do Barco moi probablemente. 

Recibiu moitas mostras de apoio nestes días?

Moitísimas. E se non fose por iso, probablemente a min xa me terían fulminado. Se isto ocorre de maneira silenciosa e só eu, de maneira individual, me opoño, estaría moi preocupado e convencido de que xa me terían apartado. Se todo fose normal, isto teríase resolto de maneira interna no Sergas, pero o balbordo mediático e na rúa e o apoio recibido evitou que xa fose afastado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.