Cargos do PP de Ourense, BNG e PSdeG rexeitan o expediente do Sergas ao xinecólogo de Verín

Mobilización no CHUO contra o peche do paridoiro de Verín © MMM Galiza

Do "Verín non se pecha" ao "Castrillo non se toca". A decisión do Sergas de abrir un expediente ao xefe de Xinecoloxía do hospital un ano despois do inicio do conflito pola clausura do paridoiro ergueu de novo as protestas na comarca de Monterrei. E doutra volta a indignación abrangue todo tipo de colectivos e cores políticas, tamén do PP. 

Neste luns, alcaldesas, alcaldes e portavoces do Partido Popular nesta comarca e na de Conso-Frieiras subscribiron un manifesto no que solicitan á Consellería de Sanidade que arquive o expediente disciplinario aberto contra Javier Castrillo, de quen gaban unha "integridade profesional e persoal" que está "fóra de toda dúbida". 

Alcaldesas e alcaldes das comarcas do sur de Ourense piden á Consellería de Sanidade que arquive o expediente ao xefe de Xinecoloxía de Verín

"Solicitamos aos responsables da incoación do expediente disciplinario que se arquive de maneira inmediata e así se lle traslade ao prexudicado", di o manifesto segundo publica Diario do Támega. Ao igual que acontecera durante a loita contra o peche do paridoiro, outra vez responsables locais do PP cargan contra unha decisión do Sergas na provincia. Daquela, mesmo unha edil dos populares acudira dar a luz ao Hospital de Verín unha vez pechada a sala de partos e o alcalde da Gudiña, tamén do PP, pedira a reapertura urxente do servizo

O propio Baltar, líder do PP a nivel provincial e presidente da Deputación, opuxérase á decisión da Xunta, un rexeitamento que xa antes fixera oficial o partido en Ourense.  Agora, desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, limítase a amosar o seu "máximo respecto" pola actuación da Administración autonómica.

Ana Pontón, durante un Consello telemático do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Ademais, a propia xunta de persoal da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco asegura que os feitos coñecidos "deixan entrever unha cousa moi grave: a intimidación daqueles que protesten e que manifesten unha opinión distinta aos directivos". "Teñen unha maquinaria uqe parecen non dubidar en usar cando as cousas non pintan ben", di nun comunicado, no que acusan a dirección de "non ter aprendido nada do que pasou en Verín". 

"Atacar unha das cabezas visibles da loita da xente da comarca é atacar a todo o mundo que participou no peche", advirte a xunta de persoal

"Non foi unha cuestión técnica ou clínica, a xente pechouse por un dereito a parir na súa vila con seguridade, loitou pola supervivencia do seu hospital; diso ía o tema. Non querer velo indica que ou non quixeron ou non se decataron", engade a xunta de persoal, que cre que "atacar unha das cabezas visibles da loita da xente da comarca é atacar a todo o mundo que participou no peche e un aviso para navegantes". 

As críticas de responsables do PP únense ás da oposición, cidadanía e colectivos sociais, que preparan xa mobilizacións contra a decisión do Sergas. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a Feijóo a retirada do expediente e o cesamento dos responsables, ademais de anunciar a participación da súa formación nas protestas contra un proceso que considera "de vergoña". "É impresentable", advertiu a líder do Bloque, que cre que a acción disciplinaria levada a cabo pola xerencia da área sanitaria de Ourense vai tamén "contra a vontade maioritaria expresada por toda unha comarca".

BNG e PSdeG piden a retirada do expediente disciplinario e cualifican de "impresentable" unha acción que consideran un intento de "purga"

Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, asegurou este luns que o expediente amosa “a peor cara de Feijóo e do PP”. "Non imos permitir purgas ou represalias contra quen defende a sanidade pública", engadiu.

Ademais, censurou o “intento despiadado” por parte de Feijóo de “atacar a quen defende a sanidade pública”. "Tomaremos todas as medidas ao noso alcance para frear este uso inadmisible do poder da Xunta contra un médico", engadiu.

Gonzalo Caballero, en rolda de prensa no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

Ás críticas á decisión do Sergas uniuse tamén a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que cualifica o expediente de "represalia" coa que a Xunta intenta "enviar unha mensaxe de advertencia aos traballadores do sistema sanitario para que non poñan en cuestión as súas decisións nin participen en mobilizacións". "É inaceptable que se pretenda coartar a liberdade de expresión e manifestación", di o colectivo. 

"A Xunta quere enviar unha mensaxe de advertencia aos traballadores do sistema sanitario", denuncia a AGDSP

Por outra banda, na comarca, o apoio a Javier Castrillo é maioritario. Tamén, como era de agardar, pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, na que se inclúe a Asociación de Empresarios de Verín (Aever), que amosou o seu recoñecemento a Castrillo polo seu "esforzo" na reapertura do paridoiro. 

As olladas tras a apertura do expediente van dirixidas a Félix Rubial, xerente da área sanitaria; José Luís Doval, xefe de Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); e o xefe de Pediatría, Santiago Cebrián. Eles tres foran os encargados, hai agora un ano, de anunciar a decisión do peche da sala de partos e do servizo de pediatría en Verín, nunha intervención que acabara con peticións de dimisión, elevada tensión e fortes protestas da cidadanía e das profesionais do hospital comarcal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.