Os profesionais do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital comarcal de Verín solicitan ao Sergas que lles entregue os supostos informes técnicos nos que baseou a decisión de clausurar a atención aos partos e as urxencias pediátricas no centro, reactivadas o pasado 4 de febreiro logo de dous meses de protestas e de varias e diferentes xustificacións esgrimidas pola Xunta.
Os profesionais do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía de Verín reclaman os supostos informes técnicos nos que baseou a decisión de clausurar o paridoiro
Logo de que o xefe de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo --e outros profesionais-- advertisen do "prexuízo", "estigma" e "dano" que na súa imaxe e no seu "prestixio profesional" causaron varios dos argumentos empregados pola Consellería de Sanidade e a propia Xunta, agora todo o servizo --xinecólogos e matronas-- únese para reclamar uns informes técnicos que, advirten fontes sanitarias, ben seguro "seguirán sen amosar porque non existen".
Nun escrito dirixido ao xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, e ao que tivo acceso Praza.gal, os profesionais lembran que tanto o devandito xerente como os xefes de servizo de Xinecoloxía e Obstetricia e de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) xustificaron o peche do paridoiro en base a "criterios de calidade asistencial e das recomendacións das principais sociedades científicas de xinecoloxía e pediatría, así como nas recomendacións do propio Ministerio de Sanidade", tal e como sinalaba o escrito enviado ao centro verinense.
Os profesionais lembran que responsables do Sergas aludiron á "falta de pericia" do persoal e "á incapacidade deste para ofrecer atención segura e de calidade"
Ademais, recordan, aquel escrito foi asinado, "avalando a decisión e os motivos da mesma", por 44 profesionais de ambos servizos e "mostrado publicamente no Parlamento polo presidente da Xunta, que reiterou en numerosas ocasións que o peche estaba avalado por 44 técnicos e os seus informes correspondentes".
Mesmo o presidente da Sociedade Galega de Xinecoloxía e Obstetricia, lembran, "afirmou publicamente ter recibido un 'traballo sesudo e moi ben elaborado" de responsables dos devanditos servizos do CHUO e que non tiña "discusión científica". No entanto, como lembran os profesionais de Verín, ninguén lles amosou nunca documento nin recomendación técnica que avalase aquel peche, que foi finalmente xustificado pola Xunta e o propio Feijóo pola ausencia de pediatras.
Os xinecólogos e as matronas de Verín advirten de que, mesmo na reunión mantida no salón de actos do centro para anunciar a clausura a finais de novembro, responsables do CHUO "aludían como causa do peche á falta de pericia dos profesionais do servizo de obstetricia do hospital comarcal e ao conseguinte risco que isto supuña para as mulleres da comarca". E lembran como se chegou a asegurar que o paridoiro "non reunía criterios de seguridade e calidade para continuar coa atención ofrecida ata daquela", cando mesmo sen as urxencias pediátricas atendéronse varios partos sen complicación ningunha.
En base a todo o exposto, sinalan os profesionais na carta, "parecen existir numerosos informes de 'técnicos' e 'profesionais expertos' que avalan o peche do paridoiro debido á falta de peridica dos profesionais de obstetricia e á incapacidade destes para ofrecer unha atención segura e de calidade". Ante estas graves acusacións, solicitan que se lles entreguen eses "informes nos que se baseou a decisión", así como "a evidencia científica que se supón que os sustenta".
"Como profesionais sobre os que se verteron acusacións de falta de pericia, temos dereito a coñecer eses informes e rebatelos e o cremos oportuno"
"Como profesionais do servizo afectado, e sobre os que se verteron acusacións de falta de pericia, consideramos que temos dereito a coñecelos e rebatelos se así o cremos oportuno", finaliza o escrito de xinecólogos e matronas, que volven amosar o malestar deste persoal co Sergas e coa Xunta por uns argumentos, logo desmentidos mesmo pola nova xerente do hospital de Verín, que consideran que atacaron o seu prestixio profesional e a súa dignidade.
Os profesionais, segundo fontes consultadas, dan "un mes" ao Sergas para que facilite os documentos antes de tomar outras medidas. "Non nos imos cruzar de brazos; se non nos defenderon e nos calumniaron, teremos que defendernos nós", explican.