Feijóo, sorprendido polo "interese da xente por parir en Verín"

Feijóo, o pasado xaneiro no acto de presentación do proxecto de ampliación do hospital da Coruña CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O gran rexeitamento xerado pola decisión da Xunta de pechar o paridoiro do hospital comarcal de Verín, tanto entre persoal e veciñanza da propia vila como no seo do PP ourensán -moi especialmente despois de que unha concelleira popular da Gudiña dese a luz na sala de partos clausurada- levou o Goberno galego a recuar apenas dous meses despois. O Executivo deixou de lado as diversas versións ofrecidas, da suposta falta de pericia do persoal polo baixo número de nacementos ás sinaturas de 44 médicos, e só admitiu problemas de comunicación sobre a carencia de pediatras.

"Sorprendeunos o interese da xente por parir en Verín", afirma Feijóo, que só admite erros de "comunicación" no conflito do paridoiro

O conflito de Verín tivo un impacto directo no panorama preelectoral galego mesmo antes da convocatoria das eleccións do 5 de abril. Mostra disto foi, por exemplo, a multitudinaria manifestación de SOS Sanidade Pública que, o pasado día 9, tivo na loita verinesa un dos seus emblemas. 

Neste contexto, o actual presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, foi cuestionado ao respecto nunha das súas primeiras entrevistas da precampaña, este luns no xornal La Voz de Galicia. A súa resposta foi regresar á tese dos erros de comunicación, á que engadiu outra: a sorpresa pola protesta veciñal.

Remate da manifestación pola sanidade pública, o pasado 9 de febreiro, cun cartel da veciñanza de Verín en primeiro plano CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Trabucámonos claramente na comunicación aos cidadáns, na prioridade do problema, que é que non había pediatras en Verín" e "pensamos que a xente o sabía", dixo sobre unha carencia de persoal de atención pediátrica que o hospital comarcal én padecendo dende hai anos. "Non demos a información suficiente" e "sorprendeunos o interese da xente por parir en Verín". Así e todo, o cabeza de cartel do PP "resume" a cuestión en que "suspendemos 60 días os partos en Verín mentres non había pediatras" -realmente, houbo catro nacementos nese período- e inscribe as protestas nun "lamento" por que se "faga demagoxia coa sanidade pública".

Non ser "candidato dun partido", primeiro argumento da precampaña

O aspirante á reelección identifica o PP con Galicia e co seu Goberno

Noutra entrevista concedida este luns, neste caso á Radio Galega, Feijóo teimou no primero gran argumento da súa precampaña, que pasa por afastarse das siglas do PP. Así, como xa fixera no propio mitin de proclamación da súa candidatura, o pasado sábado en Vigo, o aspirante á reelección negou ser "candidato dun partido político" identificando a súa formación, o PP, con Galicia e co Goberno galego.

Neste sentido e en referencia á posibilidade de que Galicia teña un Goberno apoiado por varias forzas políticas ds esquerda, Feijóo sinala que o país precisa "un Goberno que non dependa de ninguén", senón "de si mesmo" e que sexa "libre para levantar a man" ante o Goberno central ou, de ser o caso, "pactar" con el. Esta é a razón, segundo o xefe de filas do PPdeG, para rexeitar tamén unha coalición con Ciudadanos, a cuxos membros, non obstante, segue abrindo as portas das listas electorais do seu partido para o 5A.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.