O Sergas asegura que a próxima semana formalizará os contratos de dous pediatras e prepara “un protocolo” co que poder retomar os partos “nos primeiros días de febreiro”
Tras dous meses de mobilización cidadá, a Xunta vén de informar este sábado de que a próxima semana formalizará “a contratación de dous pediatras” para o hospital de Verín co obxectivo de reabrir o seu paridoiro a comezos de febreiro. A carencia de profesionais foi un dos diversos argumentos que veu empregando o Goberno galego para xustificar a súa decisión de pechar o servizo de atención a partos dese centro a partir do pasado 2 de decembro, comunicada poucos días antes ao persoal.
Agora a Xunta asegura que está a traballar “na redacción do protocolo dos servizos hospitalarios implicados que permita retomar a atención aos partos en Verín, con seguridade e garantías imprescindibles para as nais e os nenos, nos primeiros días do vindeiro mes de febreiro”.
O primeiro argumento da Xunta foi que a baixa natalidade provocaba "falta de pericia" dos profesionais" para despois admitir que era incapaz de atopar pediatras
Foi o venres 22 de novembro cando o persoal do hospital de Verín foi informado do peche do paridoiro, que se concretaría o luns 2 de decembro, co argumento inicialmente de que a baixa natalidade, uns 60 partos o pasado ano, provocaba “falta de pericia” dos profesionais e un risco para as nais e bebés. A única alternativa que se ofreceu foi un desprazamento de máis dunha hora das nais ao hospital de Ourense. Posteriormente a Xunta iría ofrecendo outros moitos argumentos, ao tempo que a cidadanía da comarca se mobilizaba en contra do que considerou unha contradición coa suposta aposta do Goberno galego de dotar de máis servizos ao rural para loitar contra o devalo demográfico do país.
Neste tempo, co paridoiro pechado, se produciron tres partos en Verín porque a situación das nais non recomendaba o seu traslado a Ourense, o último deles dunha concelleira do PP
Nas últimas semanas os argumentos da Xunta, co propio Feijóo á cabeza, centráronse na incapacidade de atopar pediatras para atender dos neonatos que quixesen traballar en Verín. Iso non impediu que neste tempo, co paridoiro xa pechado, se producisen ata tres partos en Verín porque a situación das nais non recomendaba o seu traslado a Ourense, o último deles dunha concelleira do PP.
Aínda este xoves o PP votou no Parlamento de Galicia en contra dunha iniciativa do BNG apoiada por toda a oposición que instaba ao Goberno galego a "rectificar a súa decisión de suprimir o servizo". Facíao ao tempo que o presidente Feijóo amosaba o seu “optimismo” de cara á reapertura do paridoiro pero deixaba a concreción das datas en mans da nova xerente do hospital, nomeada a comezos de xaneiro, que este sábado comunicaba a nova.