O presidente do PP ourensán emite unha nota de prensa dicindo que a reapertura é unha “magnífica noticia, tal como defendeu a Deputación”
Lonxe de intentar que o conflito se silencie unha vez que a Xunta anunciou este sábado que en febreiro reabrirá o paridoiro de Verín, poucas horas despois o presidente da Deputación e do PP de Ourense, Manuel Baltar, emitiu unha nota de prensa na que lembra a súa postura discordante co peche. “Baltar valora como ‘magnífica noticia’ que reabra o paridoiro de Verín, ‘tal e como defendeu a Deputación de Ourense desde o minuto un’”, é o titular do comunicado oficial.
O PP de Ourense impulsou unha moción pedindo a reapertura apenas dous días despois de que o PP galego rexeitase unha iniciativa similar no Parlamento
Efectivamente, en canto pechou o paridoiro de Verín a comezos de decembro o PP de Ourense volveu evidenciar que é un verso solto do PPdeG e, a través dunha inédita moción ante o Pleno da Deputación, reclamou á Xunta que mantivese o servizo. A moción foi aprobada grazas á maioría popular apenas dous días despois de que o PPdeG rexeitase unha proposta similar no Parlamento de Galicia, e obrigou ao portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, a ter que desbotar en público que se puidese producir unha nova revolta dos populares ourensáns como a que sufriu Fraga a comezos de 2003 cando os deputados afíns a Baltar pai lle plantaron cara. Aínda a pasada semana, tras o parto en Verín, malia o peche do paridoiro, dunha concelleira do PP da Gudiña, o rexedor popular dese concello amosaba en público o seu rexeitamento ao peche dese servizo.
“Sempre nos opuxemos ao peche do paridoiro, e hoxe é un bo día porque volve ao punto de partida a reivindicación permanente que fixemos desde a Deputación", salienta Baltar
Pero a reapertura do paridoiro non serviu para que o PP ourensán amose un perfil máis baixo no conflito e a nota de prensa agora emitida por Baltar, colgada en lugar preferente da web institucional da Deputación, así o evidencia. “Sempre nos opuxemos ao peche do paridoiro, e hoxe é un bo día porque volve ao punto de partida a reivindicación permanente que fixemos desde a Deputación, cun pronunciamento unánime do pleno da corporación provincial”, lembra o popular ourensán.