"O Grupo Parlamentario está unido, grazas polo interese". O voceiro do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, amosouse este luns contrariado por ser cuestionado a respecto dunha eventual revolta interna dos nove membros da formación que sentan no Pazo do Hórreo pola provincia de Ourense para, deste xeito, secundaren o rexeitamento do seu xefe de filas, José Manuel Baltar, ao peche da sala de partos de Verín.
Despois de que o PP ourensán asinase con Democracia Ourensana e Ciudadanos unha moción contra o recorte decidido polo Sergas e o propio Baltar instase o Goberno galego a "rectificar" a medida, Puy insistiu na "unidade" do grupo que sustenta ao Goberno. O que non aconteceu hai década e media coa revolta do piso da que participara o propio Baltar non vai suceder agora, veu dicir, e os nove escanos ourensáns do PP non se van sumar aos da oposición para votar contra o peche, o cal carecería de efectos prácticos -estas votacións non son vinculantes- pero si un demoledor impacto político para os populares galegos e o propio Feijóo. De aí a súa aposta por afastar o foco político do conflito.
Mentres na vila ourensá vai fraguando o que, semella, vai ser unha nova mobilización unitaria contra a política sanitaria da Xunta, o PPdeG procura retomar o control da axenda virándoa cara asuntos coma o financiamento estatal pendente ou a AP-9
Segundo Puy, no seo do Grupo Parlamentario concórdase en que é "responsable" o peche do paridoiro porque está avalado por "criterios técnicos" e a única discordancia, de habela, redúcese á "comunicación". É por iso que cre un xeito "pouco digno de facer oposición" que Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto -En Marea- insten os deputados ourensáns do PP a votaren con eles a prol reabrir o paridoiro mentres o PSdeG, ao tempo, subliña que "ata os propios dirixentes do PP en Ourense" son quen "desacreditan" a medida que o presidente defende. Pero na dirección do grupo parlamentario conservador aseguran que farán o mesmo que nestes dez anos, apoiar a medida do presidente.
Mentres na vila ourensá vai fraguando o que, semella, vai ser unha nova mobilización unitaria contra a política sanitaria da Xunta, como amosou a asemblea celebrada este luns no auditorio da localidade, o PPdeG procura retomar o control da axenda. Para os populares, a prioridade é unha proposición non de lei para reclamar ao Goberno de España o financiamento autonómico pendente.
Tamén procuran, igualmente atribuír a Pedro Sánchez as previsibles subas das peaxes da AP-9 en 2020 -como en anos anteriores, polo IPC e polas obras de Rande, polas que comezou a cobrar antes de rematalas-. As cifras concretas aínda non se coñecen, se ben os populares xa as dan por feitas tras unha publicación ao respecto, este luns, no xornal La Voz de Galicia.
"Se Feijóo non é capaz, que se faga a un lado"
Pontón: "Se o PP pensa que a veciñanza de Verín vai cansar na defensa dos seus servizos sanitarios, equivócase"
Aínda que tamén abordaron a devandita nova a respecto da AP-9, nos grupos parlamentarios da oposición aínda ecoan as declaracións nas que Feijóo atribuíu o peche do paridoiro de Verín a unha carencia de pediatras para a que "non ten solución". "Se Feijóo non é capaz de contratar pediatras, que se faga a un lado", di dende o BNG Ana Pontón. "Que dimita -agrega-, porque sería a maior proba da súa incompetencia". "Se o PP pensa" que a veciñanza de Verín "vai cansar" na protesta, "equivócase", augura a líder do Bloque, quen reitera o ofrecemento aos deputados ourensán sdo PP a demostraren se, efectivamente, "discrepan da decisión do xefe do Executivo" votando en consecuencia.
Nun sentido semellante, dende o Grupo Mixto o deputado Davide Rodríguez (En Marea) reiteraba o chamamento ao PP de Ourense a "romper a disciplina de voto para favorecer e defender os intereses da cidadanía de Verín" tamén no Parlamento galego. Ao seu xuízo, o de Verín é un primeiro síntoma, pero non a última decisión neste mesmo sentido. "Verín é o primeiro, pero a partir de aquí van ser O Barco, Burela, O Salnés, Cee... Porque o goberno de Feijóo, de non facerlle fronte, seguirá eliminando servizos dos nosos hospitais" comarcais, augura.