Verín vólvese botar á rúa contra o peche do paridoiro e o PPdeG encadra o rexeitamento político na "demagoxia"

Velorio simbólico contra o peche da sala de partos do hospital de Verín, este 7 de decembro CC-BY-NC-SA Praza Pública

A mobilización non decae en Verín. Unha semana despois da histórica manifestación para rexeitaren o peche da sala de partos e o consecuente recorte á atención pediátrica no hospital comarcal e mentres continúa o encerro indefinido no interior do centro sanitario contra esta decisión da Xunta, a veciñanza volveuse botar á rúa. Desta volta, cun aquel creativo, cun velorio simbólico polo peche da sala de partos.

Unha semana despois da histórica manifestación para rexeitaren o peche da sala de partos, a veciñanza botouse á rúa nun velorio simbólico na defensa do hospital e o seu servizo de pediatría

"O mozo hospital de Verín, asasinado con premeditación, aleivosía e nocturnidade, o 1 de decembro de 2019 á idade de 25 anos", rezaba a nota necrolóxica que percorreu Verín nos últimos días convocando a veciñanza a protestar, ataviada de negro, dende a praza maior verinesa ata a contorna do propio centro hospitalario. Non faltou o loito, as cruces e mesmo unha coroa de flores. Pero alén da retranca, a convocatoria volveu amosar o carácter masivo dunha protesta veciñal con vontade de seguir adiante nunha mobilización que, na súa vertente política, o PP galego encadra na "demagoxia".

Despois de que o propio Alberto Núñez Feijóo advertise de que "non ten solución" para este "problema", sumando á cuestión de non acadar os 600 partos anuais -algo que nunca sucedeu en toda a historia do hospital- recomendados nalgunhas guías á escaseza de pediatras, os conservadores galegos -non así o PP de Ourense, que cando menos sobre o papel segue a rexeitar o peche- asentan esta acusación nun comunicado da Sociedade Galega de Pediatría. Entre a veciñanza mobilizada, este pronunciamento resultou tan controvertido como o peche mesmo.

Nesa nota, divulgada aos medios, o presidente da Sociedade, José Ramón Fernández Lorenzo, rubrica un texto no que volve aludir ao mínimo de 600 partos "agás que razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade así o aconsellen". Nel sinala ademais que as unidades neonatais que corresponden a hospitais comarcais como o de Verín, "todas as unidades terán un médico responsable" con asistencia continuada, ademais do resto de persoal especializado na atención aos partos.

O PPdeG esgrime a nota do presidente da Sociedade Galega de Pediatría, que non ve "xustificada" a continuidade da sala de partos do hospital de Verín

Pero esas afirmacións de tipo técnico non son as que causan indignación entre os colectivos mobilizados. Tampouco a aseveración segundo a cal "non é discutible o nivel de profesional e calidade individual dos especialistas do Hospital de Verín". Senón as frases nas que apunta a proxeccións de apenas 60 nacementos na zona ao ano para concluír que, con menos dun cento de partos en doce meses, "non é viable" que o paridoiro verinés siga aberto en "condicións de seguridade".

"O mantemento dun servizo de Pediatría para a atención de partos de baixo risco no hospital de Verín na situación actual, menos dun parto cada cinco días, tendo en conta" que "debe continuarse co desprazamento de partos de risco ao Hospital de Ourense non se considera xustificada", asegura o texto que asina Fernández Lorenzo. Mentres o PPdeG ve neste pronunciamento un novo aval "científico" para o peche, veciñanza e colectivos ven outro motivo para o receo entre lembranzas dos "conflitos" do devandito doutor polas súas ligazóns coa sanidade privada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.