Non é habitual que un conflito que atinxe a unha única localidade galega e á súa contorna máis próxima rache os límites territoriais e se espalle polo resto do país. Menos aínda se o conflito acontece lonxe do eixo trazado pola AP-9, o que une as cidades máis poboadas. Pero co peche da sala de partos do hospital comarcal de Verín está a pasar.
O chamamento da Marcha Mundial das Mulleres contra a fin da atención aos partos no hospital de Verín espallouse por ata catorce localidades galegas
O movemento feminista galego convocou para este 4 de decembro, a través da Marcha Mundial das Mulleres e apoiado noutras organizacións locais, máis dunha ducia de concentracións e manifestacións contra o que este colectivo considera non só un novo recorte sanitario, senón tamén un caso de "violencia institucional" contra as mulleres. Ao chamamento responderon centos de persoas nun total de catorce concellos ao berro de "Verín non se pecha".
En varias destas mobilizacións no serán do 4 de decembro, especialmente concorrida no caso de Verín apenas catro días despois da masiva manifestación na vila, foi lido o manifesto da organización Arrolos de Teta que resume o contido da reivindicación. Para estes movementos feministas, "o argumentario esgrimido polo xerente, os xefes de servizo de Xinecoloxía-Obstetricia e Pediatría e referendado por 44 profesionais, o conselleiro e o presidente responde, unicamente, ao desmantelamento da sanidade pública e do rural".
"Esquecen a diferenza entre urxencia e emerxencia e, nesta última, o tempo é vital"
"Falan de evidencia científica", subliña o documento, pero "esquecen mencionar a relativa ás prácticas que se realizan neses servizos, hoxe en día, sen ter un nivel de evidencia alto e que poden ser prexudiciais para a saúde". Do mesmo xeito, lamentan, "esquecen a diferenza entre urxencia e emerxencia" e "nesta última, o tempo é vital". De aí o rexeitamento a que as mulleres que ata agora daban a luz en Verín teñan que desprazarse en todo caso a Ourense.
"Esquecen tamén a vulnerabilidade das familias que non posúen medio de transporte ou que a rede viaria desta provincia é deficiente e os transportes públicos, limitadísimos"
Neste sentido, as organizacións feministas subliñan que "as recomendacións de sociedades e organizacións nacionais e internacionais non son de obrigado cumprimento", a comezar polo feito de que "a cifra dos 600 partos anuais é de calidade de xestión, non de calidade de atención". "É dicir -resumen- esquecen mencionar que o problema para garantir a seguridade non é a capacidade ou pericia" do persoal, senón "a súa pésima xestión.
Alén do caso concreto de Verín, para os colectivos feministas mobilizados -na liña do manifestado por outros colectivos como as Enfermeiras Eventuais en Loita ou a CIG Saúde- o que acontece neste hospital da comarca ourensá responde a un fenómeno máis amplo: "a centralización estratéxica dos recursos sanitarios en áreas máis poboadas en detrimento das zonas rurais". "Esquecen tamén -conclúen- a vulnerabilidade das familias en situación máis precaria que non posúen medio de transporte" ou que "a rede viaria desta provincia é deficiente e os transportes públicos, limitadísimos".