A área do hospital de Verín nunca acadou nin un terzo dos partos que agora esgrime a Xunta para pechar o paridoiro

A natalidade en Verín e a súa comarca vén descendendo dende hai décadas CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Gráfico: Praza Pública

As protestas seguen en Verín, onde cidadanía e persoal do hospital comarcal continúan co peche indefinido desde que o Sergas cerrou de vez a atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas. Cun funeral simbólico volveron reclamar este mércores a permanencia do paridoiro, que a Xunta di pechar para garantir a "seguridade e calidade asistencial" ante a suposta "falta de pericia" dos profesionais de xinecoloxía, obstetricia e pediatría derivada da baixa natalidade e do menor número de nacementos na área de influencia. 

Sanidade alude á recomendación de "non dotar de maternidade" hospitais con menos de 600 partos anuais, cifra que non cumpre ningún comarcal de Galicia

O Sergas asegura que haberá uns 60 partos ao finalizar este ano, pero persoal do hospital aclara que o número sería moito máis alto --ata un cento-- de atenderse todos os nacementos previstos e non derivarse a Ourense casos que non terían por que seren atendidos fóra. A Consellería alude, continuamente, ao “consenso” de profesionais e sociedades científicas, que recomendarían “non dotar de maternidade” a aqueles hospitais que non cheguen a 600 partos anuais, unha cifra que non alcanza ningún centro comarcal en Galicia e que a área de influencia do hospital de Verín non alcanzou nunca na historia do centro. Nin tan sequera chegou a un terzo desa cifra desde que en 1994 foran inaguradas as instalacións, tal e como reflicten os datos de nacementos do Instituto Galego de Estatística (IGE). 

O Goberno galego basea a súa argumentación nunha guía elaborada por varios expertos --algúns deles de asociacións que rexeitan a decisión do Sergas-- para o Ministerio de Sanidad en 2009. É o informe Maternidad Hospitalaria. Estándares y Recomendaciones, do que o propio Ministerio advirte que "non ten un carácter normativo para a autorización de apertura e/ou o funcionamento deste tipo de unidades". "É unha guía máis das moitas que existen, desde as da OMS ata as do Sergas", explican profesionais do centro de Verín. 

Sexa como for, nesta guía establécese que "parece prudente non dotar de Maternidade Hospitalaria a aqueles hospitais que non teñan un área poboacional de referencia (ou cuxo estudo de mercado non prevea) que xere unha demanda superior aos 600 partos ao ano", pero engade unha excepción a esta recomendación: "que razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade así o aconsellen". 

Tal e como advirte Javier Castrillo, xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital Comarcal de Verín, ou profesionais do servizo de matronas, a guía refírese unicamente "á posible apertura dun centro hospitalario", pero non á permanencia ou non dos xa existentes. Ademais, fai referencia explícita a "tempos de desprazamento ou accesibilidade" que aconsellen mesmo abrir instalacións que permitan unha atención ao parto máis achegada. 

A guía á que alude a Xunta aclara que o mínimo dos 600 partos non é aplicable "se hai razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade" que recomenden abrir un hospital

Agora, calquera muller da área de influencia do hospital de Verín e da comarca de Monterrei verase obrigada a viaxar sobre unha hora ou máis en coche ata o CHUO de Ourense. 

Con todo, e aínda tomando como recomendación o que é unha proposta sobre "organización e xestión", non hai hospital comarcal ningún que alcance eses 600 partos anuais dos que fala a guía. Nin tan sequera o do Salnés, en Vilagarcía, onde naceron menos de 600 pequenos en 2018. O Barco superou por pouco os 100, o de Cee os 200, mentres que en Burela e Monforte pasouse de 300. En Verín roldaron os 90, unha cifra que os profesionais do centro aseguran que se mantería en 2019 de non multiplicarse as derivacións coa chegada de pediatras de garda desde Ourense. 

A área de influencia do hospital inclúe os concellos de Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós e Vilariño de Conso. A baixada na natalidade é constante nas últimas décadas. Ningún municipio, como se pode observar no gráfico anterior, resiste ante o despoboamento e o baixo número de nacementos, problema que a cidadanía mobilizada advirte de que irá a peor de seguir recortándose en servizos esenciais como a atención aos partos nunha zona duns 30.000 habitantes. 

Desde que se inaugurou o hospital, en 1994, nunca se alcanzaron nin os 200 nacementos na área de influencia do centro

Desde que se inaugurou o hospital comarcal, en 1994, nunca se alcanzaron nin tan sequera os 200 partos anuais na súa área de influencia, en ningún dos anos. Tendo en conta que non todos os partos foron atendidos en Verín, as cifras de nacementos nese centro aínda foron menores. O que daquela era normal e non impediu que se gabase o servizo ou se investise nel, agora semella ser un atranco insalvable. 

Pero a Xunta non recúa e a cidadanía segue a mobilizarse. Traballadores do hospital, acompañados por veciños da comarca, realizaron este mércores un funeral simbólico en memoria dos servizos pechados ultimamente. Durante o responso fíxose referencia ao peche do servizo do paridorio, as urxencias pediátricas, dermatoloxía, medicina interna, coidados paliativos e, proximamente, a cociña. Algunhas mulleres portaron necrolóxicas e houbo mesmo un cadaleito e varios centros e lápidas coa mensaxe, ademais dun home disfrazado de cura que alertou da "morte en materia sanitaria" á que se enfronta o rural ourensán.

Baltar: "A política son máis que criterios técnicos"

A decisión da Xunta de pechar a atención aos partos está a provocar a indignación maioritaria da cidadanía, especialmente do rural da provincia de Ourense. Tanto é así que xa provocou unha importante división dentro do PP. O presidente provincial dos populares na provincia e presidente da Deputación, Manuel Baltar, pediulle este martes á Xunta de Galicia que "rectifique" esta decisión.

Así, Baltar volve desmarcarse de Feijóo, a quen dixo que trasladaría "a decisión de porse en contra do peche do paridorio do Hospital de Verín". "Unha vez se produce a realización efectiva da medida, como representantes públicos temos a obriga de defender os intereses de Ourense por riba de calquera outro", dixo.

"Non estamos a falar de ampliar servizos sanitarios que non existían, senón de manter os que xa había", advirte Baltar

Malia que dixo entender que "tecnicamente é posible xustificar a medida", aludiu a que nesta decisión tamén entra en xogo "o corazón". "O sentimento da xente vímolo o pasado sábado nas rúas de Verín e recibímolo nas semanas anteriores cando se deu a coñecer a decisión", advertiu. "A política é algo máis que criterios técnicos", insistiu. 

"Desde o minuto un compartimos a decisión de non aceptar esta resolución do Goberno autonómico", sinalou Baltar, en alusión á unión que mostraron os alcaldes de todas as formacións políticas, incluído o PP, pertencentes á comarca de Monterrei. "A política ten que salvar estas situacións, non estamos a falar de ampliar servizos sanitarios que non existían, senón de manter os que xa había", concluíu.

Carteis de protesta e loito no Hospital Comarcal de Verín CC-BY-SA Praza Pública

Na mesma liña, o pleno do Concello de Verín aprobou este mércores por unanimidade de todos os grupos presentes na institución (PSOE, BNG e PP) unha declaración institucional contra o peche do paridoiro. O texto, que será enviado á Consellería de Sanidade, manifesta un "rexeitamento frontal" á decisión relativa ao hospital verinense e mostra o seu "apoio ou recoñecemento a todos os profesionais da sanidade pública" que desenvolven o seu labor alí, con "gran eficiencia e profesionalidade".

Ademais, tres matronas, algunha embarazada e o xefe de Obstetricia de Verín, Javier Castrillo, entrevistáronse á tardiña coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, ademais de acudir como público ao Palamento Galego, onde o peche da atención aos partos foi un dos temas polémicos nesta xornada de pleno. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.