O presidente anuncia novas obras, agora de ampliación da área de urxencias do hospital comarcal, fronte ás peticións de máis profesionais
A Xunta asegura que a súa decisión de pechar o servizo de partos no hospital comarcal de Verín se debe a que o seu persoal non está adecuadamente preparado se non atende un mínimo de partos porque perde habilidades. Fronte a ese problema de recursos humanos argumentado polo propio Goberno galego, este mércores a única solución que achegou o presidente Feijóo na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia foi anunciar obras para “aumentar por tres” a área de Urxencias do hospital de Verín.
“Comprendo e lamento as incomodidades das mulleres”, foi a única referencia que fixo o presidente durante a súa intervención ás protestas cidadás que reclaman que se manteña o servizo de partos en Verín evitando desprazamentos a Ourense. Fronte ás críticas que lle lanzaron tanto a portavoz do BNG, Ana Pontón, que preguntou especificamente polos problemas da sanidade, como o do PSdeG, Gonzalo Caballero, que tamén se referiu a eles malia preguntar ao presidente pola industria naval, o presidente escudouse en todo momento en que son os responsables médicos dos servizos de xinecoloxía e obstetricia da área sanitaria de Ourense os que alertan de que os partos en Verín corren riscos.
Feijóo salientou novamente que a última “será recordada como a década de maior investimento na renovación de hospitais e creación de centros de saúde”
“Se a Xunta considera que hai que melloralos, mellórenos, pero non se escuden tras dos profesionais”, criticou Pontón. Porén, a resposta de Feijóo foi o antedito anuncio de melloras da área de urxencias, que sumou á súa xa habitual lembranza das diversas obras públicas de mellora de hospitais e centros de saúde durante a última década, da que dixo que “será recordada como a década de maior investimento na renovación de hospitais e creación de centros de saúde”. En ningún momento se referiu Feijóo este mércores a medidas en materia de recursos humanos, suposto problema argumentado pola Xunta en Verín, un hospital que o presidente coñece desde que impulsou nos anos 90 a fundación sanitaria que o xestionaba e que quebrou.
“Se vostede e o conselleiro vivisen en Verín e fosen mulleres non tomarían a decisión”, dixo Pontón, mentres que Caballero salientou que "ata os seus cargos do PP en Ourense o desacreditan" rexeitando o peche
Na súa intervención, Pontón tamén preguntou a Feijóo se lle gustaría que a muller ou o neno que teñan que “viaxar 60 ou 90 minutos” fosen “a súa compañeira ou o seu fillo”. “Se vostede e o conselleiro viviran en Verín e foran mulleres non tomarían a decisión”, dixo. Tamén o socialista Caballero considerou que Feijóo “non ten a coraxe de dar a cara, nin en Verín nin diante do PP de Ourense”, dixo, en referencia á petición dos populares nesa provincia de que non se peche a atención a partos. “Ata os seus cargos do PP en Ourense o desacreditan de forma continua”, insistiu Caballero.
Feijóo volveu recorrer a Venezuela para intentar desacreditar as críticas da oposición ao seu modelo económico
Na sesión de control deste mércores Feijóo tamén foi preguntado polo PSdeG pola situación da industria naval galega e polo grupo Común da Esquerda por proxectos empresariais que a Xunta está a autorizar en montes e espazos naturais de Galicia. A resposta de Feijóo foi que as decisións do bipartito hai máis dunha década ou do PSOE no Goberno central son aínda peores e que o modelo económico de Venezuela non é o adecuado para Galicia.