"Non teño solución para este problema. Se tivese solución para este problema, este problema deixaría de ser un problema". Os argumentos esgrimidos este xoves polo presidente da Xunta ao termo da reunión semanal do seu goberno para afrontar a treboada social e política derivada do peche da sala de partos do hospital de Verín confluíron nun: a impotencia. Ao Goberno que preside, afirma Alberto Núñez Feijóo, non lle "gusta" a "decisión". Pero "non ten solución", reitera mentres a oposición ao peche se mantén e mesmo medra.
Feijóo: "Non teño solución para este problema. Se tivese solución para este problema, este problema deixaría de ser un problema"
Feijóo di "entender todas as opinións" e mesmo que "moitas" se "plantexan de boa fe". Pero a que máis pesa, mantén, é a "dos 44 pediatras e xinecólogos, dos cales o 80% son mulleres" que "nos advertiron dos problemas que ten neste momento a atención aos partos en Verín" e que son dous, resume: "que está caendo en picado o número de partos" e a "seguridade na atención pediátrica" porque "non hai pediatras que queiran traballar nos paritorios de Verín". E especialmente para o segundo, conclúe, a Xunta non ten remedio.
Alén de reiterar que o hospital de Verín non chega ao "minimo de partos" que "recomendan" algunhas guías profesionais e que "varía entre 300 e 600" -nos vinte e cinco anos de historia do hospital de Verín, os concellos que ten adscritos nunca rexistraron máis de 198 nacementos no mesmo ano-, o titular do Goberno galego centra a cuestión é que a Consellería de Sanidade non dá cuberto as prazas de pediatría no centro. "O último pediatra do hospital de Verín deixou de prestar servizo no ano 2006, co bipartito" e "estaba sendo cuberta esa praza a través dun pediatra de atención primaria que acudía a Verín cando había partos", e mediante "gardas desprazadas" de Ourense, relata.
O presidente da Xunta láiase de que "non hai pediatras que queiran traballar nos paritorios de Verín" e subliña que as dúas prazas da especialidade ofertadas en xuño ficaron desertas
O pasado xuño, agrega Feijóo, "tentamos cubrir dúas prazas de pediatría" no hospital verinés e as dúas quedaron desertas. E a Xunta non sabe que facer de aí en diante. Nin fronte ás protestas veciñais e políticas nin tampouco ante á oposición interna dentro do propio PP.
"Se pode solucionar a atención dun neonato nun paritorio sen un pediatra? É un criterio de supervivencia", conclúe antes de afirmar que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, "falou" con José Manuel Baltar para lle trasladar este razoamento, se ben o líder do PP ourensán e os alcaldes da contorna "non teñen por que ser especialistas en xestión sanitaria nin no número de especialistas que coinciden nun paritorio".
Máis protestas en Verín e peticións de "coherencia" a Baltar
Pero a protesta en Verín non cesa e a controversia política polo peche, tampouco. No hospital segue o peche de persoal e veciñanza da vila e este mesmo xoves desenvolveuse outra concentración na que abondaban as nais con nenas e nenos. "Miña nai está moi cabreada", resumía un dos cartaces da mobilización, celebrada apenas doce horas despois das catorce mobilizacións contra o peche impulsadas por toda Galicia polo movemento feminista a través da Marcha Mundial das Mulleres.
A veciñanza mobilizada e o persoal do hospital que se opón ao peche tamén seguiu a recibir visitas de líderes políticos da oposición. Este xoves acudiu ao centro a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao tenente da Alcaldía verinesa, Diego Lourenzo, e a deputada ourensá do Bloque, Noa Presas.
Pontón (BNG) e Villares (En Marea) instan a Baltar a ser "coherente" e promover que os deputados do PP ourensán voten no Parlamento contra o peche da sala de partos de Verín
Para Pontón, o feito de que as dúas prazas de Xinecoloxía ás que alude Feijóo ficasen desertas non é a demostración de que non hai remedio. Senón unha mostra "das consecuencias da precarización do traballo na sanidade pública que practica o Goberno de Feijóo" e que teñen como efecto "este despropósito". Neste contexto, a líder do Bloque diríxese tamén ao PP de Ourense: "Parécenos ben que haxa voces críticas no PP que estean dicindo que o paritorio non pode pechar e que a Xunta ten que dar marcha atrás", pero os de Baltar deberan ser "coherentes" a e votar en consecuencia no pleno do Parlamento. Terán a oportunidade, avanza, na votación das próximas iniciativas ao respecto que o propio Bloque vai formular.
Tamén dende o Grupo Mixto o voceiro de En Marea, Luís Villares, se dirixía este xoves a Baltar. Durante unha visita a Ourense, Villares asegurou "entender perfectamente" o "enfado" do líder ourensán e "por iso tendemos a man ao PP de Ourense para compoñer unha maioría alternativa" e "puntual" na Cámara galega "que sexa capaz de sacar adiante un pronunciamento" a prol da reapertura da sala de partos en Verín e así "pararlle os pés a Feijóo".