Verín sae á rúa contra a Xunta por suprimir a atención aos partos no sueste da provincia

Vista da manifestación á súa saída desde as portas do Hospital de Verín, ao fondo á esquerda CC-BY-SA @PSdeG

Desde as oito da mañá deste domingo todas as mulleres deberán trasladarse a Ourense e o luns o persoal do hospital comarcal inicia un peche indefinido

Desde as oito da mañá deste domingo deixarán de nacer bebés no hospital comarcal de Verín. O Sergas argumenta que a baixa natalidade da zona fai que o persoal do centro perda a habilidade necesaria para atender partos e en vez de artellar algún xeito de manter a formación deses profesionais ou de trasladar outros desde Ourense, a súa solución é que sexan as mulleres as que desde este domingo vaian parir á capital provincial. Unha medida contra a que este sábado saíu á rúa en Verín a cidadanía do sueste da provincia.

Desde as portas do hospital, centos de persoas recorreron as rúas da capital comarcal, cuxo centro sanitario serve tamén de referencia para a comarca zamorana de Seabra e o leste desa provincia, que o ten máis preto que os hospitais da súa propia capital ou de Benavente. A protesta contou coa apoio de todos os grupos da oposición, algúns de cuxos principais líderes participaron tamén na marcha, así como de todo tipo de colectivos sociais da comarca.

O xerente do Sergas comunicou este venres aos médicos de Verín que deben trasladar ás mulleres "de xeito individualizado, toda a información necesaria para actuar en consecuencia ante a nova situación”

O peche do paridoiro de Verín foi anunciado ao persoal do hospital comarcal hai unha semana, pero non foi ata este venres que os seus responsables recibiron un escrito do xerente da área sanitaria provincial, Félix Rubial, no que se lles comunica que “a partir das 8.00 horas da mañá do vindeiro día 1 de decembro producirase o traslado dos partos das mulleres do distrito de Verín ao Hospital Universitario de Ourense”.

Rubial solicita aos responsables de xinecoloxía e obstetricia de Verín que “se traslade ás mulleres, de xeito individualizado, toda a información necesaria para actuar en consecuencia ante a nova situación”.

Concentración ás portas do Hospital de Verín antes de comezar a manifestación polas rúas da vila Dominio Público @BrifLaza

O persoal do hospital de Verín inicia o luns un peche indefinido 

Tras a manifestación deste sábado e a fin dos partos prevista para este domingo, o próximo paso do persoal do hospital de Verín será iniciar este luns un peche indefinido no centro. Alí permanecerán, din, ata que o propio conselleiro de Sanidade vaia darlles explicacións en persoa.

 Tamén reclaman a dimisión do xerente do hospital, ao que censuran a súa desaparición do centro desde que se coñeceu a decisión de pechar o paridoiro. Un hospital de Verín que chegou a ser o emblema do despois quebrado experimento das fundacións sanitarias, impulsado pola Xunta nos 90 cando Feijóo era número 2 da Consellería de Sanidade.

Remate da manifestación no centro de Verín CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.