As pantasmas da 'revolta do piso' aparécenselle a Feijóo en Verín

José Manuel Baltar, nun acto electoral en 2016, e currículo de Feijóo divulgado pola Xunta na súa etapa como vicepresidente de Fraga CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hai agora quince anos, Alberto Núñez Feijóo levaba apenas tres meses como vicepresidente primeiro da Xunta. A que sería derradeira remodelación do Goberno de Manuel Fraga desencadeara unha fenomenal crise interna no PPdeG pola banda ourensá. O daquela presidente provincial, José Luis Baltar, ameazaba abertamente coa escisión alegando que xa non vía protexidos os seus intereses por unha Xunta na que, como viña sucedendo dende a crise do Prestige, a dirección central do PP e as súas pólas en Galicia tiñan cada vez máis peso. Operacións como a colocación de Feijóo, home de confianza de José Manuel Romay Beccaría, primeiro como remuda de Xosé Cuíña na Consellería de Política Territorial e despois, como número dous do goberno, así o acreditaban.

As pantasmas da revolta ourensá que tensou a fin do fraguismo, cando Feijóo retornou como conselleiro, aparécenselle ao actual presidente a conta do controvertido peche da sala de partos do hospital de Verín

Aquel tenso outono de 2004, o dos encontros nocturnos en Monte Pío con Baltar e o destituído Cuíña na residencia oficial de Monte Pío, estreada pouco antes, reavivara as ameazas de deixar a Fraga sen maioría absoluta que o PP de Ourense lanzara apenas un ano antes, en xaneiro de 2003. Foi o tempo da que pasaría á historia política do país como revolta do piso, o peche -máis ou menos simbólico- de cinco deputados do PP ourensán nos días en que Feijóo tomaba posesión como substituto de Cuíña. As pantasmas daquela revolta ourensá aparecéronselle nesta última semana a Feijóo a conta do controvertido peche da sala de partos do hospital de Verín. Xusto agora que, como Fraga daquela, valora dende o alto dunha maioría absoluta de 41 escanos se, nun clima político tan incerto como efervescente, optar ou non a un novo mandato.

Feijóo, nun pleno do Parlamento na súa etapa como conselleiro de Política Territorial do Goberno de Fraga © Parlamento de Galicia

A revolta do piso formara parte da resposta interna do sector alcumado como da boina ao cesamento de Cuíña. Mentres, en Madrid, o PP celebraba unha convención coa vista posta nas eleccións municipais daquel 2003, cinco deputados do PP de Ourense no Parlamento escribían unha carta a Fraga e José María Aznar con protestas que sustentaban na denuncia dunha perda de "galeguismo" da formación e ás que anexaban peticións concretas, como o cesamento de quen na altura era secretario xeral do PPdeG, Jesús Palmou. 

O centro de operacións da revolta era o piso dun deles, no que non se pecharon en sentido estrito. Dende alí seguían a evolución dos acontecementos mentres Feijóo tomaba posesión como conselleiro, o 20 de xaneiro.

Un dos protagonistas da revolta do piso era José Manuel Baltar, quen agora se desmarca do peche do paridoiro de Verín e insta a Feijóo a "rectificar" ; o presidente retrucou cunha afirmación difícil de xestionar: "Non teño solución"

Un dos protagonistas da revolta do piso era o actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Outro, José Manuel Baltar, agora líder do PP de Ourense e administrador do legado político do seu pai no partido e tamén na Deputación que estivo a piques de perder o pasado maio. Foi Baltar fillo quen esta semana puxo letra e voz ao desmarque do PP ourensán, irritado ata o punto de que alcaldes populares da contorna de Monterrei promoveron a participación nas mobilizacións contra o peche, as mesmas que o aparello do PP galego sinala como mostra de "demagoxia" fronte a "criterios científicos".

Aproveitando un tirapuxa ao respecto co PSdeG provincial, os de Baltar impulsaron na Deputación unha moción contra o peche xunto aos seus socios de Goberno de Democracia Ourensana e mais Ciudadanos. "O Goberno galego ten que rectificar", resumía Baltar o día 4. "Se tivesen a información completa, probablemente rectificarían a súa postura", retrucaba Feijóo o día 5 a preguntas da prensa dende o atril de San Caetano, dende onde pronunciou unha afirmación das que fan máis difíciles as xestións políticas das crises: "Non teño solución".

O escenario do pulso de quen comanda o transcendental celeiro de votos ourensán tampouco é indiferente na biografía política de Alberto Núñez Feijóo. O actual presidente quixo facer do hospital de Verín emblema da súa xestión como responsable sanitario nos anos 90 da man, precisamente, de Romay Beccaría. Como máximo responsable do Sergas (1992-1996) impulsou a apertura deste centro sanitario como fundación, modelo a medio camiño entre a xestión pública e a privada que ambos, Romay e Feijóo, se propuxeron exportar a todo o Estado dende o Goberno de Aznar. 

O escenario do pulso non é menor: nos 90 Feijóo pretendeu converter o hospital de Verín en emblema da súa xestión sanitaria xunto, precisamente, a Romay, a través dun modelo de fundacións sanitarias que acabou fracasando

Segundo o Consello de Contas, o modelo Verín artellado por Feijóo e Romay serviu realmente para "trasladar funcións propias da Administración, substraendo fondos públicos e bens de dominio público para poñelos á disposición dunha entidade privada" e unha "falta de control orzamentario" que derivou en "salientables irregularidades" e "distorsións" contables que o propio goberno de Fraga comezou a admitir. Cando Feijóo retornou a Galicia, xa comezara a integración no Sergas.

En 2006, ano no que Feijóo foi elevado ao liderado do PPdeG, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG víase abocado a unha inxección millonaria nas fundacións sanitarias -4 millóns só para Verín- nunha caste de rescate previo á súa integración definitiva na estrutura pública do Sergas.

Concentración ante o hospital de Verín contra o peche da sala de partos CC-BY-SA Diego Lourenzo

A oposición galega reta o PP de Ourense a ser coherente e rachar a maioría do PPdeG no Parlamento neste asunto

As pantasmas da revolta do piso reviven e o fenómeno non pasa desapercibido na esquerda galega, máis acostumada a ter que aplacar disensións nas filas propias que a aproveitalas nas alleas. "Ata os seus cargos do PP en Ourense o desacreditan", reprochoulle o socialista Gonzalo Caballero a Feijóo na sesión de control. Ao día seguinte a líder do BNG, Ana Pontón, de visita no hospital de Verín ao persoal e veciñanza que mantén un peche contra a supresión da sala de partos, retaba aos de Baltar a seren "coherentes" e votar polo mantemento do paridoiro non só na Deputación, senón tamén no Parlamento, ofrecemento que tamén lanzou Luís Villares. O PP de Ourense ten nove escanos no Pazo do Hórreo, abondarían tres disensións da liña marcada pola cúpula presidencial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.