Baltar salva o seu transo político máis crítico grazas aos votos de Democracia Ourensana

Baltar xura o cargo como deputado provincial antes de ser reelixido por terceira vez como presidente CC-BY-NC-SA Praza Pública

Non houbo sorpresa. Malia aos ruxerruxes que apelaban a un eventual descarrilamento da alianza do PP con Democracia Ourensana, todo saíu segundo o previsto no segundo e crucial acto do pacto bipartito iniciado o pasado día 15 coa elección de Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense. Os dous votos de DO sumáronse este venres aos 12 dos populares para que José Manuel Baltar fose elixido por terceira vez como presidente da Deputación ourensá e salvase, deste xeito, o seu transo político máis crítico.

Os dous votos de DO uníronse aos 12 dos populares para que José Manuel Baltar fose elixido por terceira vez presidente da Deputación de Ourense, garantindo así a continuidade da primacía do baltarismo na provincia e a súa influencia no PPdeG

Os resultados electorais do pasado 26M deixaron o PP de Ourense sen maioría absoluta na Deputación. O baltarismo víase así obrigado por primeira vez en tres décadas a pactar para reter o poder nas institución sen a que non é posible explicar o peso político da saga na provincia e do aparello ourensán no PP galego. As cábalas foron múltiples e o PSdeG, segunda forza da corporación, despregou contactos a múltiples bandas para tentar o cambio mediante un "pacto de rexeneración política para poñer fin ao caciquismo dos Baltar", en verbas de Gonzalo Caballero

Pero Baltar estaba disposto a xogar todas as cartas á súa disposición nunha partida na que non só estaba en xogo a Deputación. Tamén a supervivencia da poderosísima maquinaria electoral do PP de Ourense para poder poñela a traballar para que o PPdeG reteña a Xunta en 2020. Na persecución destes obxectivos foi sacrificado o ex-conselleiro Jesús Vázquez, alcalde de Ourense no pasado mandato impulsado por Feijóo para o posto que agora é do líder de DO, a quen o presidente da Xunta dixo considerar "letal" para a cidade.

Baltar pronuncia o seu discurso de toma de posesión tras ser elixido presidente por terceira vez CC-BY-NC-SA Praza Pública

Tras ser reelixido Baltar louvou a "política de pacto e de acordo que hoxe se visualiza" como reflexo, ao seu xuízo, da "vontade soberana dos ourensáns"

Pérez Jácome sustentou boa parte do seu crecemento político en cargar contra Baltar, a quen chegou a cualificar como un "psicópata", e en prometer botalo da Deputación. Pero este venres, xa como alcalde de Ourense, asistiu no Pazo provincial á reelección do herdeiro da saga política como presidente. Xa co bastón de mando na man, Baltar louvou a "política do pacto e do acordo que hoxe se visualiza aquí", nunha "nova investidura" que presenta como reflexo da "vontade soberana dos ourensáns". Porque en realidade, afirmou, el era o "único candidato" á presidencia.

Os votos do PSdeG e do BNG foron para o candidato socialista e o da deputada de Ciudadanos, ex-voceira do goberno de Baltar, para si mesma

Entre mencións a persoeiros do galeguismo histórico como Otero Pedrayo ou Basilio Álvarez salferidas de eloxios a referentes femininas ourensás como a cardióloga Marisa Crespo, que á mesma hora recibía a Medalla Castelao, Baltar Blanco dixo ter o propósito de exercer unha "xestión con maiúsculas", coa "humildade como actitude permanente" e o compromiso de "reilusionar" a provincia. Fronte ás sombras do caciquismo que o seu agora socio, como o resto da oposición, denunciara durante anos, o barón popular mantén que o seu goberno seguirá ostentando o "liderado en transparencia" para "sorprender positivamente coa nosa gobernanza"

De aquí a 2023, proclamou Baltar, Ourense estará á "altura que lle corresponde", encadrada nunha Galicia que precisa "maiores cotas de autogoberno como nacionalidade histórica, como nación cultural". Así, sen aplausos dos deputados de DO e con Baltar pai entre o público, Baltar fillo iniciou o seu terceiro mandato. Mentres, os 9 votos do PSdeG e o voto do BNG foron ao candidato socialista, Rafael Rodríguez Villarino. O voto da única deputada de Ciudadanos, Montse Lama, voceira do goberno de Baltar ata o pasado febreiro, foi para si mesma. Durante o discurso de Baltar un dos maceiros que participan nas sesións solemnes da institución sufriu un esvaecemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.