O 11 de xuño de 2011, sábado, Alberto Núñez Feijóo tivo unha axenda apertada. Naquela mañá asistira ás tomas de posesión dos novos alcaldes da Coruña e Ferrol -actos que "presidira", segundo informara a Xunta- na súa calidade de presidente do Goberno galego. Faría o propio o 1 de xullo do mesmo ano en Santiago, onde a constitución da corporación se atrasara pola presentación de recursos contra o resultado. Carlos Negreira, José Manuel Rey Varela e Gerardo Conde Roa representaban a reprodución a nivel municipal do que sucedera apenas tres anos antes na Xunta e do que estaba a piques de acontecer aínda con máis intensidade no Goberno central. O PP, no caso galego o máis próximo a Feijóo, varría a esquerda con vitorias electorais que ou ben eran esmagadoras ou acabaron séndoo polos seus efectos políticos.
Mentres na maioría dos concellos se estaban a celebrar as tomas de posesión, Feijóo pronunciaba un discurso nun congreso médico que non logrou excesiva repercusión
O pasado sábado, día 15, a axenda oficial de Feijóo non incluíu a asistencia a ningunha toma de posesión municipal como presidente da Xunta nin como líder do PPdeG. Cando, contra o mediodía, se estaban a desenvolver a maioría destes actos nos concellos do país, Feijóo interviña nun encontro de Colexios Médicos que se estaba a celebrar na Coruña, onde pediu "un pacto pola sanidade pública" e lamentou que Euskadi dispoña da competencia para homologar títulos de profesionais sanitarios estranxeiros e o resto de autonomías, non.
Se as reflexións presidenciais chegasen naqueles días de expansión do poder popular -do PP- moi seguramente terían unha notable repercusión tanto dentro como fóra de Galicia pola súa condición de barón inexpugnable. Pero desta volta pasaron máis ben desapercibidas. Cando as estaba a pronunciar os titulares que ocupaban gran parte dos medios de comunicación estaban a falar de Galicia pero nun sentido ben distinto.
As verbas do presidente, que noutrora terían notable impacto, chegaron á hora na que o protagonista estaba a ser Jácome, novo alcalde de Ourense
Tiñan como protagonista a Gonzalo Pérez Jácome, líder da terceira forza en número de votos na corporación municipal de Ourense, Concello do que é novo alcalde grazas aos votos do PP, segunda forza, unha manobra impulsada directamente por José Manuel Baltar a cambio de que os dous deputados de Democracia Ourensana na Deputación lle permitan manter o poder malia perder a maioría absoluta. O mesmo Jácome que baseou a súa popularidade en zorregar con intensidade aos Baltar e cualificou de "psicópata de gravata" ao barón ourensán. O mesmo de quen o propio Feijóo considerou hai apenas un mes que sería "letal" para Ourense no caso de acadar a alcaldía.
A operación ourensá non só é a evidencia da disposición dos Baltar para ampliar os marcos da negociación ata onde corresponda para reter -se Jácome cumpre- a institución sen a que o poder da saga sería incomprensible e inexistente. Tampouco é só o enésimo efecto da primeira e moi sonora derrota interna de Feijóo no PP, cando en xaneiro de 2010 tentou sen éxito derrubar o baltarismo no congreso provincial que Baltar pai preparara -mesmo prevaricando, segundo a xustiza- para legar o mando do partido ao fillo como paso previo a facer o propio na Deputación en 2012.
A operación ourensá tamén transloce a fatiga de materiais no aparello político que comezou a funcionar cando o equipo de Feijóo tomou os mandos do PPdeG tornando practicamente todos os retos electorais en vitorias
Que os sempre imprevisibles movementos de DO acabasen escorando cara ao PP e non cara ao PSdeG, forza máis votada na cidade e coa que tamén negociou, translocen tamén a fatiga de materiais no aparello político que comezou a funcionar na contorna de 2007, cando o equipo de Feijóo tomou os mandos do PPdeG. O mesmo que durante unha década tornou practicamente todos os retos electorais en vitorias, agás os tropezóns do ciclo electoral de 2014-2015 que a potente maquinaria popular e as autolesións da esquerda emendaron nos comicios galegos de 2016.
Despois de caeren a niveis de apoio cidadán inéditos dende os tempos de Alianza Popular e tras o fito histórico de seren superados en votos polo PSdeG nas xerais e europeas sen seren quen de pasar do empate técnico cos socialistas nas municipais, a perda da Deputación de Ourense sería un durísimo golpe, se cadra definitivo, nun celeiro de votos clave para reter a Xunta en 2020. Máis aínda tras non dar recuperado alcaldía urbana ningunha e de teren, no conxunto de Galicia, Arteixo (31.000 habitantes) como concello máis poboado con alcalde do PP.
A importancia de salvar a Deputación ourensá para encarar alentando a recta final cara ás eleccións galegas explica o sacrificio simultáneo de Jesús Vázquez e da doutrina da lista máis votada
A importancia de salvar a Deputación de Ourense para encarar alentando a recta final cara ás urnas galegas explica o sacrificio simultáneo no altar do Concello ourensán do ata agora alcalde, o ex-conselleiro Jesús Vázquez, e da doutrina de "deixar gobernar" á forza máis votada. Dende a sala de máquinas do socialismo galego poñen o foco nas extravagancias de Jácome e din interpretar a concesión do PP como outra mostra do "fin de ciclo" de Feijóo. A cúpula do PPdeG xustifica o acordo alegando que os socialistas tamén estaban dispostos a pactar con Jácome -"letal" para Ourense- e non aceptaron a devandita doutrina da "lista máis votada", quedando eles co Concello se permitían a Baltar seguir na Deputación.
O ruidoso pacto ourensán permite ao PPdeG salvar a primeira bóla de partido cara a 2020, o máis complexo para os conservadores dende 2009, o inicio dos vellos bos tempos. Sirva como mostra o que este luns revela a edición ourensá do Faro de Vigo: o acordo implica o compromiso de DO de non presentar candidatura ao Parlamento.
Neutralizado o eventual terremoto baltarista, as seguintes xóganse en campos diversos. Teñen que ver coa chegada do socialista Gonzalo Caballero ao Parlamento, coa posta en marcha dos novos gobernos municipais socialistas e co desenvolvemento dos acontecementos a nivel estatal, a comezar pola investidura de Pedro Sánchez. Tamén coa recomposición do líquido e axitado espazo electoral das mareas, que malia ao pau municipal e aínda coa devandita tendencia á autolesión tenderá, moi probablemente, a ser clave na construción de maiorías. A precampaña galega, por se ficaba algunha dúbida, está en marcha.