Este 15 de xuño Carlos Calvelo volveu recoller o bastón de mando que acredita a súa elección como alcalde de Arteixo cunha ampla maioría absoluta do PP, 12 dos 21 edís da corporación no concello lindeiro coa Coruña que sustentou voa parte da súa bonanza económica no influxo da sede de Inditex. Arteixo, con 31.917 habitantes, é tamén dende este sábado o concello galego de maior poboación cunha alcaldía do PPdeG.
A constitución das novas corporacións ratifica o PSdeG como o principal vencedor do 26M na Galicia urbana tras un mandato no que os de Feijóo centraran os seus esforzos en erosionar os gobernos das mareas e dos socialistas
O concello arteixán recolle esta condición de Ourense, ata agora a única cidade galega gobernada polo PP e que este sábado foi entregada por orde de José Manuel Baltar á Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome. A cambio -se Jácome cumpre- sálvase el mesmo na Deputación. Polo camiño ficou politicamente sacrificado o ata agora rexedor, o ex-conselleiro Jesús Vázquez. E tamén a reiteradísima doutrina da "lista máis votada", bandeira política dun Feijóo que en campaña sinalou a posibilidade de que Jácome erguese o bastón de mando como "letal".
As sesións de constitución das novas corporacións ratificaron o PSdeG como o principal vencedor do 26M na Galicia urbana no que a consecución de poder se refire. Tras un mandato municipal no que os de Feijóo centraran boa parte dos seus esforzos en erosionar os gobernos das mareas e dos socialistas, o PSdeG ascendeu a costa destas formacións e ademais gobernará con máis comodidade onde xa o facía. Quen máis doado o terá será o vigués Abel Caballero. Cos seus 20 de 27 edís tomou posesión evidenciando que a súa é unha maioría "absolutísima".
Tampouco necesitou pactos postelectorais para a investidura o santiagués Xosé Sánchez Bugallo, quen non obstante si terá que buscalos para sacar adiante asuntos no pleno, onde ten 10 dos 25 membros. O que fora alcalde entre 1998 e 2011 regresou oito anos despois ao poder en substitución de Martiño Noriega, de Compostela Aberta, que quedou en 5 edís. O xa ex-rexedor continuará na oposición como mínimo ata fin de ano.
Feijóo queda sen o poder urbano que ambicionaba a pouco máis dun ano das eleccións galegas
Quen tamén se dispón a buscar alianzas de gobernabilidade -con ou sen coalicións, cuestión aínda non determinada é a coruñesa Inés Rey. Como en Santiago, o PSdeG saíra do goberno da Coruña en 2011 tras un último período de desgaste agravado pola crise económica xeral e a xestión que dela fixo o Goberno de Zapatero. Agora regresa á cadeira presidencial de María Pita apelando ao entendemento tras recibir na investidura os votos da Marea Atlántica, ata agora gobernante, e tamén do BNG. Tamén despois de contribuír a frustrar a operación artellada por Feijóo para tentar desbancar á Marea mediante a candidatura da ex-conselleira Beatriz Mato.
Si chegaron á investidura con acordos estables asinados os outros dous membros do PSdeG que accederon ás alcaldías este sábado. A lucense Lara Méndez gobernará en coalición co BNG e o ferrolán Ángel Mato aspira a facelo con Ferrol en Común sen descartar tamén ao Bloque, formacións que lle deron o seu voto na investidura. Tras lograr o fito histórico de que a alcaldía se manteña dous mandatos seguidos na esquerda por primeira vez dende 1983 en Ferrol, Mato apelou ao diálogo para poder asentar o goberno canto antes.
Un dos grandes celeiros de votos dos populares, Ourense, obvia máis ca nunca na historia recente calquera directriz da dirección galega
Igualmente houbo acordo antes da sexta investidura consecutiva en Pontevedra para Miguel Anxo Fernández Lores. Os socialistas son socio minoritario (4 edís) do goberno de coalición encabezado polos 11 representantes do BNG nunha cidade na que o PP non ergue o bastón de mando dende hai dúas décadas. Deste xeito confírmanse os grandes trazos do mapa das cidades galegas que saíu do 26M: Feijóo queda sen o poder urbano que ambicionaba a pouco máis dun ano das eleccións galegas. Todo cun dos grandes celeiros de votos, o do PP de Ourense, obviando máis ca nunca na historia recente calquera directriz chegada da dirección galega.
Alcaldías do PSdeG en 9 dos 22 concellos con máis de 20.000 habitantes
900.000 residentes en municipios de máis de vinte mil habitantes teñen alcaldía do PSdeG, 136.000 do BNG e 125.00, do PP
Alén das consideradas como sete principais cidades do país, o PP tamén perdeu peso na Galicia vilega malia manter algúns dos seus feudos como Arteixo e Ribeira e recuperar outro, o de Lalín. Este sábado o PSdeG ergueu o bastón de mando en 9 deles, xa sexa en solitario ou encabezando coalicións de esquerda, o PP fíxoo en 5 e o BNG, en 3. Mentres, outras formacións locais teñen as alcaldías doutra media decena destes municipios: Ourense, Narón, Oleiros, Cangas e Cambre.
Deste xeito, máis de 900.000 persoas que residen nun dos vinte e dous concellos con máis de 20.000 habitantes teñen dende este sábado alcalde ou alcaldesa do PSdeG, algo máis de 136.000 teñen alcaldía do Bloque e algo menos de 125.000, do PP. Outras 230.000 persoas residentes nestes concellos teñen como rexedor ou rexedora ao líder dun partido local.