O socialista presenta o Xacobeo 2021 como “o gran reto deste mandato”, durante o que se converterá no rexedor máis lonxevo do último século na cidade, superando ao seu antecesor Xerardo Estévez
O pleno de investidura deste sábado en Santiago ratificou as previsións e o socialista Xosé Sánchez Bugallo retornou á alcaldía que xa ocupara entre 1998 e 2011. Faino para afrontar un goberno en minoría e despois de que, como candidato máis votado nas urnas, con 10 concelleiros, non precisase o voto favorable á súa investidura por parte de Compostela Aberta (5 edís), que se abstivo, senón só que esta e o PP (8 edís) non se apoiasen mutuamente.
Así como Bugallo se apresurou a amosar a súa preferencia por non compartir goberno con Compostela Aberta, que de momento seguirá encabezada ata final de ano polo alcalde saínte, Martiño Noriega, o BNG rexeitou tamén esa posibilidade polo seu reducido peso (2 edís). Coa súa nova investidura, Bugallo converterase durante o mandato que agora comeza no rexedor máis lonxevo do último século na cidade, superando ao seu antecesor Xerardo Estévez.
Un mandato para o que Bugallo, no seu primeiro discurso como alcalde, presentou como “o gran reto” o Xacobeo 2021 buscando un modelo de turismo sostible, pero sen fialo todo a el senón tamén tendo en conta a potencialidade da USC. O socialista admitiu que deberá gobernar en minoría e comprometeuse a facelo para toda a cidade. “Ata o día 26 era o candidato do PSdeG pero a partir dese día quero ser o alcalde de todos e todas”, dixo, para engadir que “non haberá outro norte no meu labor que servir a Compostela e a través dela a Galicia”.
Con doce anos e medio como rexedor xa ás súas costas, Bugallo superará neste mandato os 14 anos de Xerardo Estévez
Bugallo entrou no Concello de Santiago nos anos oitenta da man do seu antecesor Xerardo Estévez, ao que sucedeu á fronte da alcaldía a finais de 1998, medio ano antes dos comicios municipais de 1999 nos que sería reelixido. Desde aquela gobernou tres mandatos, doce anos, en coalición co BNG, ata que en 2011 foi derrotado pola maioría absoluta do popular Gerardo Conde Roa. O PSdeG recolocouno no Parlamento de Galicia, desde onde vería a crise municipal desencadeada primeiro pola dimisión do seu sucesor ao desvelarse que cometera fraude fiscal, a caída posterior de boa parte do grupo municipal popular condenado por prevaricación -máis tarde aquela sentenza sería revogada-, a chegada á alcaldía como terceiro rexedor nun mesmo mandato do último da lista popular, o daquela conselleiro Agustín Hernández, e a vitoria nas eleccións de 2015 de Compostela Aberta co seu discurso de rexeneración.
Catro anos máis tarde, subido na vaga de voto socialista e tras facer campaña desde fóra do Concello amosándose moi crítico coa xestión municipal, Bugallo recupera a alcaldía con doce anos e medio como rexedor xa ás súas costas. Iso permitiralle converterse ao longo deste mandato no alcalde máis lonxevo de cando menos o último século, superando os 14 anos do seu antecesor Xerardo Estévez, rexedor primeiro tres anos entre 1983 e 1986, cando foi apartado por unha moción de censura, e despois outros 11 entre as municipais de 1987 e finais de 1998, cando cedeu a alcaldía a Bugallo.