Os máis de 18.000 votos obtidos este domingo por Xosé Sánchez Bugallo en Compostela devolveron o PSdeG a un nivel de apoio que non tiñan dende os comicios de 2007 nos que o propio Bugallo revalidou o Goberno local por última vez. Agora o político socialista regresa á Alcaldía despois de ter máis que duplicado os sufraxios do PSdeG no ano 2015, sendo ademais a forza máis votada na maior parte do Concello.
Os socialistas gañaron en 50 das 76 seccións censuais, entre elas practicamente todas as do centro urbano e os barrios da cidade, de Fontiñas a Vite, pasando por Conxo e Santa Marta. O PP dominou no Ensanche e en varias parroquias da zona rural. E, curiosamente, Compostela Aberta foi a forza máis votade nunha das seccións, a que corresponde ás Algalias e outras rúas da Zona Vella.
O PSdeG-PSOE só baixou do 25% dos votos naquelas áreas (ben no rural, ben nalgunhas rúas do Ensanche) nas que o PP se amosou especialmente forte. Á inversa, o PP amosouse especialmente feble nalgúns barrios residenciais (Fontiñas, Conxo, Pontepedriña...) nos que os socialistas dominaron con claridade. Non tivo excesiva competencia no campo da dereita, xa que Ciudadanos e VOX non chegaron a sumar nin o 5% dos votos, perdendo a formación laranxa a súa representación, pero os populares foron incapaces que restarlle espazo a Bugallo.
Polo que atinxe a Compostela Aberta, ademais dese anecdótico triunfo nunha sección da Zona Vella, a formación municipalista perdeu votos en todas as zonas da cidade, un total de 6 mil sufraxios, ficando moi lonxe dos socialistas en áreas nas que hai catro anos obtivera a vitoria: As Cancelas, Galeras, Conxo, San Pedro ou Fontiñas.
Finalmente, o BNG creceu 1.500 votos e mantivo a súa representación, obtendo o seu mellor resultado en áreas como Figueiras ou Angrois, na periferia da cidade.